As propostas que se están a suxerir, após as eleccións locais, de presentar unha candidatura unitaria galega cara ás eleccións xerais do Estado, amosan a esperanza e a posibilidade da obtención duns resultados que sitúen ao noso país cunha ampla representación.

As propostas que se están a suxerir, após as eleccións locais, de presentar unha candidatura unitaria galega cara ás eleccións xerais do Estado, amosan a esperanza e a posibilidade da obtención duns resultados que sitúen ao noso país cunha ampla representación. Con toda probabilidade, e dadas as experiencias, van xurdir moitas reticencias, inercias e atrancos, xunto con ilusións e entusiasmos. Encetar andainas novas sempre é un reto que pode rematar tanto na satisfación coma na frustración. 

"Os pobos sen Estado de seu necesitan acadar altos niveis de representación propia que os identifique perante da comunidade internacional e da comunidade estatal da que fan parte".

Logo cómpre preguntarse se precisamos desta iniciativa. Xa de inicio contesto que si. Os pobos sen Estado de seu necesitan acadar altos niveis de representación propia que os identifique perante da comunidade internacional e da comunidade estatal da que fan parte. A historia pasada e recente confirma esta apreciación. Se existir o risco dunha cativa, feble ou nula representación, os efectos perversos cara a conciencia nacional fanse máis que evidentes xa que ao percibir, o sector nacionalista e patriótico, que nunca se é quen de facerse visíbel coa contundencia que a situación de dominación exixe a desmoralización é unha constante. Tamén, e cara ao Estado dominador, a febleza ou devalo da expresión política da nación asoballada facilita a realización de exemplarizantes políticas de afianzamento do poder estatal, precisamente por ter que flexibilizar o dominio con respecto a territorios que manifestan expresións moito máis poderosas de identidade. Mesmo pódese ficar con escaso ou nulo protagonismo nun futuro proceso de ruptura do modelo territorial. Os proxectos de construción e liberación nacional fracasaron cando non se acadaou un amplo consenso e unidade popular.

"Concurrir con outras forzas, refundarse, mudar…é algo común e habitual sen que isto implique necesariamente a renuncia a un proxecto, a uns obxectivos".

Outra reflexión é a referente á das organizacións e siglas políticas actuantes. Que hai organizacións que representan infinitamente mellor ca outras os intereses dun país e dos seus sectores populares é unha realidade presente e pasada. Mais calquera organización é un instrumento, unha ferramenta construída para o logro de obxectivos sociais e políticos. Non é unha fin en si mesma, é un medio de actuación na defensa dos intereses, antagónicos, dos pobos e das clases. Concurrir con outras forzas, refundarse, mudar…é algo común e habitual sen que isto implique necesariamente a renuncia a un proxecto, a uns obxectivos. Prescindir das siglas, nalgúns casos, só debería incomodar a certos amantes do fetichismo.

"Debe ser exclusivamente galega esta futura candidatura? Considero que si; son nacionalista e vivo nunha nación privada do dereito a decidir por si mesma".

Debe ser exclusivamente galega esta futura candidatura? Considero que si; son nacionalista e vivo nunha nación privada do dereito a decidir por si mesma. Agora ben, gostaría de matizar o termo exclusivamente. Ser galega significa que é creada aquí e cuxo centro de decisión está aquí. Que non vai depender de estratexias e intereses alleos  e polo tanto que o seus representantes van a actuar con total independencia doutros grupos ou forzas parlamentares. Que o programa que vai defender obedece ás necesidades sociais e democráticas da maioría dun pobo. Que ese pobo é o pobo galego e ten un lingua, unha cultura, un territorio e uns recursos e sectores económicos que hai que defender. Que como pobo debe ter recoñecido o dereito a decidir o seu encaixe e a súa relación cos demáis pobos e estados. O problema non serían os integrantes ou os apoios desta candidatura se a defensa destes principios fica consensuada.

Hai moito que gañar se unha candidatura en clave galega conquire uns resultados que axuden a medrar o nivel de conciencia coma pobo, así coma a desestabilizar o réxime político do Estado español. Non desaproveitemos a ocasión de ter altura de miras, de axuntar, de superar desencontros, de ser xenerosos, de poder celebrar o éxito nunha pequena contienda. De suceder así este pobo pode coller folgos cara a romper as ataduras seculares.