Que a identidade española foise creando a base de desprezar e aniquilar outros sentimentos de pertenza é un feito que só desde a deshonestidade coa historia se pode cuestionar. E vén sendo esta unha das razóns polas que se odia calquera expresión cultural ou política dos pobos que, malia padecer toda caste de medidas asimiladoras, continuamos a amosar a nosa vontade de existir. A agresividade furibunda e ilóxica contra todo o que signifique pretender avanzar no recoñecemento e na capacidade para decidir sobre o noso futuro exemplifica a permanencia actual dese modelo asimilacionista, irrespetuoso, esencialista e intolerante que enchoupa de irracionalidade e de fuscallo todos os espazos da vida social e política dun rexime pensado e deseñado, cómpre dicilo, para manter á raia unhas nacións que aínda non foi quen de liquidar. 

Desde o ano 2005, cando o Plan Ibarretxe desvelou o falso talante dialogante do Estado estase a producir unha ofensiva recentralizadora, que se manifesta tanto no feito de dar por esgotado calquer proceso de incremento de autogoberno nas Comunidades Autonomas como na pretensión de recuperar para o Estado a capacidade de exercer un claro papel director a custas das xa de por si limitadas competencias autonómicas. Nesta dinámica supremacista os discursos, as declaracións e as informacións van achairando a priori e lexitimando a posteriori as decisións dos poderes estatais no proceso de limitación sistemática do papel das autonomías. Se observamos con atención, malia o balbordo intoxicador do nacionalismo hexemónico español, podemos decatarnos do cínico proceso de naturalización de argumentarios, de medidas e de propostas involucionistas tendentes a acadar o obxectivo de relegar á irrelevancia as nacións periféricas e a limitar as súas expresións políticas, sociais e culturais. 

No que respecta á cuestión lingüística, o supremacismo español está empeñado nunha batalla que, lindando co patolóxico, está a facer o imposíbel por impoñer a súa lingua e impedir a normalización das restantes. Acompañada da utilización da mentira e da manipulación acerca da realidade da situación xurídica e social privilexiada do español, está a tentativa permanente de procurar vías e medios para desterrar o conxunto das outras linguas da vida pública. Propostas como as de eximir ás empregadas e aos empregados públicos do coñecemento da lingua propia da comunidade na que desenvolvan as súas funcións ou a da libre elección da mesma no ensino, a sabendas da anti-xuricidade de ambas, apontan na liña de inserir no imaxinario colectivo a innecesariedade do seu carácter co-oficial así coma na de analfabetizar as poboacións na lingua de seu. Actitudes xenófobas que, malia confrontar coa sensibilidade que a nivel internacional se está a manifestar a prol da diversidade lingüística, utilizan o recurso á provocación e á tensión constante contra unha fasquía básica da identidade persoal e colectiva.

Que a identidade española foise creando a base de desprezar e aniquilar outros sentimentos de pertenza é un feito que só desde a deshonestidade coa historia se pode cuestionar

 

No que se refire ao ámbito xurídico e político, a gravísima banalización que supón a continua ameaza dun uso  xeralizado, arbitrario e indiscriminado do artigo 155 da Constitución reflicte o verdadeiro sentir e a consideración que para o nacionalismo español teñen as Comunidades Autónomas. O supremacismo español concibe estas como unhas concesións graciábeis e en precario, uns territorios pintorescos que son e que viven por mor da súa xenerosidade e aos que, cando se atreven a reclamar protagonismo, se lles priva das súas competencias até que entren en razón e pidan perdón. E así, tamén coma supremacismo, pódese cualificar a ameaza recorrente de modificar o rexime eleitoral cuxo impúdico e fraudulento obxectivo, declarado e recoñecido, é o de evitar a presenza das organizacións nacionalistas nas institucións e impedir que unha parte significativa dos pobos teñan a posibilidade de contar con representación.

Teimudos nun empeño colonial de negar a plurinacionalidade, conciben a lei e o estado de dereito coma meros instrumentos disciplinarios ao servizo dunha maioría estatal que condiciona de por vida a capacidade para decidir libremente sobre a xestión das diferenzas. Atrapados nunha concepción esencialista da nación, rexeitan a negociación e a solución política, delegando a compoñedura do conflito nos aparellos de represión. Ao contrario que nas democracias máis avanzadas, que a través dos acomodos razoábeis adaptan e flexibilizan a interpretación dos seus ordenamentos xurídicos para dar plena cabida ás demandas dos feitos diferenciais, o rexime español utiliza un leito de Procusto xurisdicional, para amputar competencias negando diferenzas, na procura dunha asimilación só concebíbel en sistemas con graves carencias democráticas. 

Teimudos nun empeño colonial de negar a plurinacionalidade, conciben a lei e o estado de dereito coma meros instrumentos disciplinarios

 

As invocacións solemnes ao bloque da constitucionalidade, as apelacións á convivencia en liberdade ou as referencias pomposas á casa común e compartida resultan, no fondo, unha farsa para consumo autocompracente da parte dominante (que non contratante), así coma de burla e de estafa para aqueles a quen, ao negársenos a posibilidade de expresarnos libremente, negásenos tamén calquera tipo de respecto e de recoñecemento.



x