Un recurso moi habitual entre os defensores do réxime vixente fronte a contestación e a resistencia ao déficit e á involución democrática consiste en invocar a ladaíña de que vivimos nun estado de dereito. A democracia, segundo esta concepción, consiste nun procedemento regrado para a participación na elección dos gobernantes, sendo así que estado de dereito equipárase a democracia e, xa que logo, ficaría desmontado todo posíbel cuestionamento da solidez e fortaleza desta última. Mais a fasquía ideolóxica que se agacha nesta identificación absoluta entre os dous conceptos non debería impedirnos discernir entre as diferenzas existentes entre lei e xustiza, entre o formal e o real ou entre o procedimental e o substantivo. Ligado con esta cuestión, hai uns poucos anos, en concreto no 2011, o filósofo e politólogo boliviano, Luis Tapia, publicou un sedutor ensaio titulado El estado de derecho como tiranía cuxa proposta era pensar estrutural, relacional e politicamente a desigualdade e a dominación. Nun dos capítulos desta obra, o autor contempla a necesidade de diferenciar entre democracia e estado de dereito cunha exposición e argumentación claras e rigurosas.

Na concepción clásica, o estado de dereito implica basicamente un estado organizado e gobernado por leis, é dicir, por un sistema xurídico. Isto debe implicar tamén a existencia dun poder lexislativo arredado do poder executivo así como que a administración de xustiza estea configurada coma outro poder independente. Mais a noción liberal de estado de dereito non contén, en si mesma, elementos que definan que a constitución e o conxunto das leis que se derivan e a complementan conteñan principios de xustiza e igualdade, aínda que, maioritariamente na actualidade, as constitucións incorporen estes principios como rectores e organizadores da vida social e política. Porén, pode comprobarse, sen grandes dificultades, que a plasmación e formalización nos textos dos termos democrático, social e de dereito procuran unha identificación que a práctica real ocúpase de desmentir sen piedade.

Mais a estas alturas da historia estamos en condicións de considerar e esixir un modelo de afondamento democrático no que a democracia faga parte dun proceso que se defina esencialmente pola noción de igualdade, non exclusivamente formal senón real, substantiva. Un proceso permanente de democratización no que a acción e a participación políticas se dirixan a reducir as estruturas de desigualdade e discriminación nos ámbitos sociais, políticos, económicos, culturais e de xénero a partires da apertura á participación nos procesos de toma de decisións. A institucionalización da representación e da separación de poderes poden facer parte significativa dun estado de dereito, mais non son condición suficiente de democratización se non existe un réxime político comprometido coa supresión das desigualdades ou dos atrancos para a toma de decisións por parte dos individuos ou das colectividades. O compromiso co exercicio da liberdade só é comprensíbel desde unha defensa da xustiza social.

Estamos en condicións de considerar e esixir un modelo de afondamento democrático no que a democracia faga parte dun proceso que se defina esencialmente pola noción de igualdade

Estamos a asistir, nos últimos anos, a un desposuimento da maioría social, a unha transferencia da riqueza cara aos sectores privilexiados, a unha negación intransixente do recoñecemento de feitos nacionais diferenciados e da correspondente capacidade para poder decidir; e todo co amparo e cobertura do socorrido estado de dereito. A oligarquía instrumentaliza no seu beneficio a andamiaxe legal e institucional non só para marcar os topes dos límites da democracia, senón para retroceder nas conquistas sociais e de liberdades.

Estase a cimentar un fascismo societal de incremento das desigualdades, de medre das exclusións, de apropiación do común e da renovación e innovación constante nos mecanismos de represión e control a fin de conter o descontento. Cando a democratización supón un obstáculo no proceso de acumulación de riqueza e de poder, a plutocracia espeta o estado de dereito para deturpar a democracia até que fique nunha caricatura. A sociedade indecente é aquela que humilla desde as propias instancias de poder, coma ben observou Avishai Margalit. O uso do poder político para apropiarse dos bens públicos ou o uso do poder económico para marcar as liñas da política correspóndese con vellas definicións de tiranía como certeramente indicou Michael Walzer.

A cidadanía esfarélase na ansiedade permanente respecto ao presente e ao futuro; os procesos de exclusión aumentan ao mesmo ritmo que a desvertebración e a ruptura dos lazos sociais. Resulta comprensíbel que a referencia ao “estado de dereito” como esquema, como arquitectura procedimental, sexa doado para lexitimar unha democracia de baixa intensidade, superficial, low cost para consumidores de decisións alleas sobre aspectos esenciais das súas vidas. Pensar a democracia significa romper ataduras de dominación, procurar vías de emancipación. A democracia non é reducíbel a un formal estado de dereito, a unha serie de procedementos; constitúe un plus, un proceso ético permanente de ampliación e afondamento de dereitos e de participación orientados a unha realización efectiva da liberdade, da xustiza e da igualdade.



x