Resulta xa un lugar común para os adherentes á causa nacional española enarborar toda una serie de argumentos cos que se pretende obxectar aos discursos nacionalistas periféricos que cuestionan a arquitectura do modelo estatal-nacional español. Argumentos que, malia recorrer ás veces a elaboradas conceptualizacións xurídico-políticas, amosan unha triste face caricaturesca na súa contrastación cunha realidade plurinacional que, e esta é a auténtica finalidade, procuran agachar e negar. Abordemos, a seguir, alguns destes estereotipos que persiguen instalarse coma crenzas incuestionabeis no imaxinario colectivo para seren espetadas como armas de descalificación contra os túzaros nacionalistas, arredistas, soberanistas ou desafectos coas bondades constitucionais.

Un moi socorrido lugar é o de que os españois defenden un nacionalismo cívico ou político mentres que os periféricos andamos de ganchete con outro de tipo étnico ou cultural

En primeiro lugar, un moi socorrido lugar é o de que os españois defenden un nacionalismo cívico ou político mentres que os periféricos andamos de ganchete con outro de tipo étnico ou cultural. Non paga a pena estenderse sobre a xénese desta dualidade ou sobre as rigorosas e fundamentadas críticas que a discuten. O que si cómpre e desvelar a inconsistencia desta categorización no ámbito que nos atinxe, o do Estado español e a súa articulación nacional.

Resultaría, así, que a nación española sería produto dun proxecto voluntario e compartido de someterse a unha Constitución e a un sistema legal. A súa lexitimidade basearíase na decisión dos individuos que deciden constituírse en pobo e nación. A obtención da nacionalidade ficaría aberta a todos, aínda que non pertenzan a un grupo étnico. O nacionalismo español, ao autodenominarse cívico, xa tería concedida a condición de tolerante, aberto, inclusivo e democrático trazos que non se nos supoñen aos pre-políticos que nin entendemos o concepto de dereitos humanos. Deste xeito, proclaman que o resto, os que vivindo dentro do Estado non nos sentimos españois, queremos construír a nación desde un noso ancestral tribalismo, que bebemos nas fontes de mitos, tradicións e mesmo de códigos xenéticos raciais ou culturais. Pois ben, a realidade pasada e presente esnáfrase frontalmente con este inxusto reparto de beneficios e cargas. A construción nacional española fíxose e faise botando man de todos os elementos étnicos, historicos, relixiosos, culturais, tanto reais coma ficticios, que podamos enumerar. E para isto precisou reprimir contundentemente, e con diversidade de medios, as manifestacións identitarias diferentes que obstaculizaron a devandita construción.

A construción nacional española fíxose e faise botando man de todos os elementos étnicos, historicos, relixiosos, culturais, tanto reais coma ficticios, que podamos enumerar

Mais agora falemos de vontades libremente expresadas; das arelas de poder decidir e construír en pé de igualdade. Aquí muda o conto. Porque, que sucede cando expresamos a vontade de construír a nación política? Que acontece cando queremos decidir, libre e democraticamente, sobre a forma política e o futuro da nosa comunidade con absoluto respecto aos dereitos humanos e ás liberdades públicas? Nin con estas! Aquí rematou a famosa vontade libremente expresada. A nación, din, xa existe, chámase España e adquiriu unha estrutura estatal. Outra volta de torca: como os demáis non temos Estado propio seguimos, e seguiremos, a ser nación cultural. O pretendido carácter voluntario do tan traído proxecto comun dedúcese de trazos históricos e culturais no canto de comprobalo por vías de consulta democrática. Aquí asoma a face do etnicismo, da historia, da tradición, do que se supón e do que non. Todo con tal de que non se poida votar, decidir. Como atinadamente expresou Lucía Payero López, o nacionalismo español hexemónico toma o que lle interesa de cada visión teórica, mistúraas e desvirtúa a súa propia distinción. Ou a lucidez de Xacobe Bastida Freixedo cando reprochaba que considerar que unha nación é política porque ten Estado e outra é cultural porque carece del equivale á claudicación intelectual máis absoluta. Claudicación e miseria intelectual e política, podemos engadir!

Considerar que unha nación é política porque ten Estado e outra é cultural porque carece del equivale á claudicación intelectual máis absoluta

En segundo lugar, e tamén facendo parte dos comúns, está a importación e adaptación hispana do concepto de patriotismo constitucional elaborado por Rudolf Sternberger e ampliado e popularizado por Habermas. Resgardado con este paraugas o españolismo se nos anuncia como patriota de verdade, leal e comprometido cunha Constitución. Pola contra, para estes constitucionalistas españois, os nacionalistas das fincas españolas, que dixera José Antonio Primo de Rivera, cando falamos de patriotismo nos afundimos na barbarie atávica de emocións e sentimentos. Porén, a versión castiza afástase bastante da versión orixinal. Cómpre clarificar, certamente. O patriotismo constitucional consiste na creación dun sentimento de pertenza a unha comunidade asentada sobre a adhesión aos valores democráticos e ao respecto aos dereitos humanos que se contemplen nunha, en calquera, Constitución. Por isto, na versión orixinal, é fundamental a vontade cidadá de conformar unha comunidade política que decida libremente o xeito de artellar estes valores. Aspecto, este, que se obvia na versión española.

Así observamos que, na versión esencialista hispana, patriotismo constitucional significa adhesión ao documento en si mesmo. Esta adhesión, máis que aos valores democráticos, de liberdades e de participación, faise a un determinado modelo de organización territorial, de reparto competencial, da monarquía, dun demos preconfigurado e á parte orgánica-institucional en xeral. En efecto, e en expresión de Xosé Manoel Núñez Seixas, o patriotismo español reclama o recoñecemento e asunción dunha nación española, xa constituída previamente, e que ademáis é indiscutíbel. Nesta concepción de patriotismo de nación española (patriotismo de patria, non de valores constitucionais) dificilmente podemos participar outros patriotas, que tamén somos quen de construír nacións políticas e redactar Constitucións, tanto ou máis democráticas, que defendemos o dereito a decidir e sen excluír a ninguén que queira facer parte.

 Esta Constitución está máis blindada que o búnker que a supervisou na súa xestación

En terceiro lugar, e concluíndo, adentremos no propio texto constitucional que nos presentan coma un acabado inmellorábel de convivencia e de recoñemento das particularidades que habitan a nación. Imos, xa que logo, ao que da título a este artigo o seu fundamentalismo, algo non alleo ao proceso de tutela que as forzas máis reaccionarias exerceron durante a súa redacción.

De principio salientar unha fasquía que a miúdo pasa despercibida. O artigo 2º estabelece que a Constitución se funda na indisolúbel unidade da nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois. Na redacción esencialista e patriotera deste artigo desmorónase a escenografía da traxicomedia coa que procuran engaiolarnos. Xa non é a vontade libre e común de todas as identidades nacionais para facer unha patria común, e que obrigaría a artellar un procedemento que expresase esta vontade de construír e/ou de permanecer, a que funda a Constitución. O que a funda é unha nación primordial e incuestionábel na que, consonte o artigo 1º só existe un pobo recoñecido, unha identidade tamén anterior, titular da soberanía e cun idioma privilexiado polo artigo 3º. A norma suprema fundante da convivencia libre se fundamenta, nada menos, que nunha nación previa que fai desaparecer, coas artes da exclusión, a outras que poden suscitar a mesma adhesión; o mundo do revés, mais nós seguimos a ser os pre-políticos. E o fundamentalismo non remata aquí a andaina.

Esta Constitución está máis blindada que o búnker que a supervisou na súa xestación. Non se trata soamente da enorme rixidez que dificulta a súa modificación. Isto sería comprensíbel con respecto ao que Ernesto Garzón Valdés denominou coto vedado, é dicir un exclusivo núcleo de dereitos fundamentais, liberdades e garantías. No caso hispano a maior dificultade de reforma abrangue, do mesmo xeito, ao coto de dereitos, aos símbolos patrios, á preminencia do idioma, á exclusividade soberana do pobo español, á monarquía e á organización territorial. Por non falar da consideración de fincas arrendadas que o artigo 155º da ás Comunidades autónomas. Tras o dito, unha breve referencia a dúas recentes sentenzas do máximo intérprete da Constitución nas que se nos lembra que, outra vez os da periferia, non temos competencia para regular plenamente se queremos ou non espectáculos bochornosos ou adoptar medidas contundentes perante a pobreza enerxética.

Se me desculpan, remato e vou reler o fermoso poema de Kavafis “Agardando polos bárbaros”.

 



x