Se consideramos que Galiza é unha nación carente de soberanía

Se consideramos que Galiza é unha nación carente de soberanía e que a coherencia democrática implica a defensa do dereito a posuíla, dificilmente se poden entender as reticencias a que nun programa electoral de mínimos figure este aspecto. A consideración do noso país coma suxeito político esixe que a súa representación teña aquí o centro de decisión e que as demandas e reivindicacións que van ser defendidas teñan como integrante ao dereito de autodeterminación así como que os elementos e ámbetos que así o conforman non sexan obviados.

A renuncia á demanda de soberanía para o noso pobo desconsidera a lexitimidade para concebirse como país á vez que recoñece coma único suxeito político, e merecedor de soberanía, a un Estado que antidemocraticamente nega tal recoñecemento ao pobo galego. Cando se argumenta que aínda non somos quen de enfrontar este reto, e de que precisamos renunciar á autoorganización e á reclamación nacional, se está a minguar a confianza na nosa capacidade como pobo, o seu nivel de conciencia, así como á ilusión que se está a amosar para unha unidade popular con marca galega. Se os pobos que ao longo da historia acadaron a súa liberdade tivesen actuado entregando o seu potencial a forzas alleas hoxe o mapa mundi político estaría significativamente reducido. 

A postergación da reivindicación nacional non pode máis que adiar a ruptura democrática

A confirmación da perda de soberanía dos actuais Estados fronte aos grandes poderes económicos mundiais non pode ser un impedimento para a pretensión de se fornecer de espazos de poder propios que contrarresten esta nova colonialidade e axuden a incrementar os elementos de resistencia. De feito, a oposición ás políticas que o capital está a impór na actualidade iza coma bandeira a recuperación da soberanía, xa sexa no sur da europa, xa no resto das periferias. A postergación da reivindicación nacional non pode máis que adiar a ruptura democrática que se está a presentar como guieiro das arelas de cambio e transformación.

Un grupo parlamentario non é a solución definitiva, mais de acadalo sería inconcebíbel que non fose lexítimo representante do pobo galego e, como tal, obedeza en exclusiva a este pobo. Unha candidatura apresentada baixo as siglas dunha formación española, aínda que con trazos, necesariamente, polo artigo 23 do regulamento da cámara, integraría aos seus electos no grupo e na disciplina desa formación  política. Ú-la candidatura galega neste caso?

Un grupo parlamentario non é a solución definitiva, mais de acadalo sería inconcebíbel que non fose lexítimo representante do pobo galego

Evidentemente a candidatura galega de unidade popular non pode prescindir dos aspectos sociais e nacionais. Ninguén dos que reclaman unha candidatura galega renega da inclusión das reivindicacións sociais. Ambos aspectos son precisos porque nos dous se manifesta a falla de liberdade, de xustiza e de igualdade. O empobrecemento, as privatizacións, as dificultades para producir, o sometemento cultural, o saqueo de recursos, todo un abano de circunstancias e condicións que no noso país adquiren unha faciana específica. O problema, xa que logo, non é a ausencia do social, senón a pretensión de exclusión do nacional que amosa unha concepción moi limitada do que é unha ruptura democrática.

Estase a dar a posibilidade dunha construción ilusionante que teña a Galiza como protagonista, que faga medrar o nivel de conciencia nacional, que axude a derrubar o réxime antisocial e antidemocrático do Estado e, xa que logo, a enfeblecer as estruturas de dominación globais.