Sinto carraxe, á vez que un certo resaibo de decepción e tristura, cada vez que alguén, envolveito no halo de esquerdas, arrebola o termo identitario contra os que defendemos o dereito a ter o que outros teñen ou a gozar do que outros gozan con total tranquilidade e garantías. Síntoo cando se utiliza contra os que defendemos os principios de liberdade, de xustiza, de igualdade e de solidariedade, substratos comúns e indipoñíbeis de todos os seres humanos e alicerces da democracia e, precisamente, da esquerda. E expresándose así, desde as alturas, con esa soberbia propia daqueles a quen se debería combater, só perciben o identitarismo nunha parte; na parte máis feble dunha serie de relacións tremendamente desiguais, hipócritas, cínicas e aseguradas, nada menos, que por todo un aparello de Estado. Aparentan estar situados por cima da que consideran a nosa cativez de miras, mentres se gaban de estar libres desas impurezas que nos obrigan a loitar para que unha cultura, un territorio e unha economía non sexan esfareladas en aras da concepción supremacista dun rexime que impón a hostias a patria e a convivencia, a lingua e a moral.

Deberían saber distinguir entre identidade e identitarismo. É normal que os relatos da dereita non se preocupen por sutilezas ou por fasquías que axuden a clarexar o entendemento dos fenómenos. Cando todo parece igual ao final todo remata dando igual! Mais a esquerda non pode prescindir de matices a risco de ficar atrapada na superficialidade. Como xa temos sinalado, a identidade é un proceso de identificacións historicamente apropiadas que confiren sentido a un grupo social e o fornecen de estruturas significativas; así, a identidade é un xeito de autocomprensión do que non podemos prescindir. Pola contra, o identitarismo conforma unha visión etnocéntrica, de mitificación dos trazos propios vistos coma superiores, comportando un desprezo polo alleo, polo diferente. Porén, quen defende unha identidade ameazada por outra que, valéndose dunha situación de superioridade, pretende sometela non é un identitario; quen se nega a que as expresións ou formas de exercicio da súa identidade estean reguladas desde fóra, desde a metrópole, non é un identitario; é un ser humano que resiste.

Quen se nega a que as expresións ou formas de exercicio da súa identidade estean reguladas desde fóra non é un identitario; é un ser humano que resiste

 

A seguir parece acaído traer ao caso un par de exemplos recentes de identitarismo agresivo e supremacista que semella non resultan demasiado preocupantes para certo progresismo integrado e complacente coa imposición da identidade dominante. Hai pouco, o partido que goberna no Estado anunciaba a intención de continuar e afondar na liña de adoutrinamento nacionalizador que se exerce sobre o estudantado e a mocidade. Para reforzar o carácter e aparencia de solemnidade, que as situacións bélicas e de grave crise requiren, os artífices do proxecto foron os ministerios de Defensa e de Educación. Deste xeito, vaise levar ás aulas un deseño curricular propagandístico orientado a concienciar sobre a idea de España como única nación existente no Estado. Toda a simboloxía relacionada coa nación española adquirirá un protagonismo relevante na transmisión de valores e coñecementos. O himno, a bandeira, o escudo, a monarquía ou a defensa da patria farán parte dunha campaña de adoutrinamento que nos retrotrae a épocas e contidos ideolóxicos propios do movemento nacional, expresión dunha ditadura aínda presente en mentalidades e nalgunhas institucións.

Vaise levar ás aulas un deseño curricular propagandístico orientado a concienciar sobre a idea de España como única nación existente no Estado

 

Seguindo cos casos dese identitarismo, que non cesa de asfixiar e intoxicar, cómpre referirse á última proposta feita polo partido recambio, Ciudadanos, creado pola oligarquía para colocar no goberno cando o lixo do sistema xa non se poida aturar máis. Porque a belixerancia e animosidade, raiana no odio, que esta formación, de pantalla moderna e liberal, profesa contra as identidades non españolas parecen enfermizas; xorne este que, ademáis, casa perfectamente coa pretensión renacionalizadora das elites españolas. Pois, ao que iamos; estes representantes do novo darwinismo social acaban de propór a eliminación do requisito do coñecemento das linguas propias para acceder ao emprego público nos territorios que as posúan. Só existe, para eles, unha lingua digna e merecedora de ser coñecida e utilizada, o español. Enfeitados coma grandes defensores da liberdade, defenden a imposición identitaria de que exista unha lingua con dereitos e privilexios exclusivos e cuxo deber de coñecemento non se pode atribuir ás demais, consideradas inferiores e inválidas para a política e para a administración. A constatación e recoñecemento democrático de que as linguas son vectores de cultura e reforzadoras do pluralismo das sociedades cede perante o delirio identitario. Delirio identitario que fixo e que fai de España unha idea insoportábel e unha modo de convivencia imposíbel.

Estes representantes do novo darwinismo social acaban de propór a eliminación do requisito do coñecemento das linguas propias para acceder ao emprego público nos territorios que as posúan

 

Basta unha ollada aos media, ás resolucións xudiciais, á normativa ou ás actuacións do goberno para decatarse onde anda o identitarismo. Non; a esquerda debería coidar de non reproducir a voz e o argumentario dos amos, sobre todo considerando que toda esa fabricación de tópicos sempre foi dirixida contra quen lle disputa a hexemonía, o dominio e o control.



x