Os tópicos, as frases feitas, os estereotipos están a cair, en trebón, sobre nós coa pretensión de que o cuestionábel e o discutíbel non sexa cuestionado ou discutido.

Os tópicos, as frases feitas, os estereotipos están a cair, en trebón, sobre nós coa pretensión de que o cuestionábel e o discutíbel non sexa cuestionado ou discutido. Sométesenos a unha repetición delirante de lugares comúns prefabricados, argucias de propaganda  para uso e consumo fácil nun debate superficial e acrítico co que a permanencia do estabelecido faise máis doada. Experiencia de esquizofrenia, discontinuidade entre significantes que son pura representación, presente continuo e eterno da idea de España. España unha, grande, sen liberdade; que importa! Convivencia, democracia, dereito, decisión, desafío, legalidade…ladaíñas, mantras, conxuros para o espectro catalán, e para os que non somos españois e se nos ocurren outros mundos, outras vidas.

Todo era posíbel e acadábel por vías pacíficas e democráticas. O racional devía en razoábel. Todo se podía formular, mesmo conseguir nunha democracia. Mais non se puido votar. Agora que houbo maioría resulta que esta é un simulacro. Que máis ten! A forza, a capacidade de coacción está en Madrid, nos tribunais, nos grupos mediáticos, nos poderes económicos, nos cuarteis. A forza da razón, da racionalidade, fica núa para desvelar a razón da forza. A forza dos mitos e das traxedias que alimentan esa España negacionista e intransixente. 

Rómpese a convivencia. Por que? Que significa isto? Quen a rompe? Se ficamos calados, obedientes, asentidores, se nos sometemos, a convivencia non rompe. Contentar, non incomodar, non molestar son sinónimos de boa convivencia, de relación cordial e leal para esta España incapaz de artellar unha frase sen ameazas e sancións. Nunca unha nación que oprima a outras será libre, dicía Marx, e que comprende calqueira menos quen, de dereita a esquerda, está atado por unha mentalidade colonial rancia e desfasada.

A forza, a capacidade de coacción está en Madrid, nos tribunais, nos grupos mediáticos, nos poderes económicos, nos cuarteis

Din que hai desafío. Un inferior non debe cuestionar a superioridade; debe ser quen de saber estar no seu sitio. España non concibe que non a queran. Amor a labazadas de ser preciso. O mesmo que os señores esixe mostras de sumisión e respecto; coma os vellos fidalgos pensa que a demanda de igualdade é insolencia e repto. A coacción, a severidade a correción;  o insolente debe acovardarse, debe aprender a saber con quen trata.

A lei, a Lei, todas as leis para seren cumpridas, obedecidas. Remataba un chiste ordinario e gracioso: “e ao resto da xente a legalidade vixente”. Sabemos que a defensa incondicional e incondicionada da lei tamén serviu ao nazismo; tamén vale para desvirtuar a democracia. O estado de dereito non é só a obediencia cega, tamén precisa de lexitimidade. As nacións que acadaron a soberanía romperon coa legalidae anterior; instauraron un novo ordenamento. Estabeleceron unha nova legalidade cunha nova lexitimidade. O pobo da nación nacente convertiuse en suxeito soberano, deu orixe a unha nova Constitución, foi un suxeito fundante. Seica isto é o dificil de perdoar e moito menos de admirar.

España está atrapada en si mesma. Reprocha aos demáis a súa incapacidade histórica de resolver o que é. Atrapa e retén; é ciumenta e rancorosa; ten agorafobia. Se imposibilita  a si mesma e ao mesmo tempo imposibilita aos demáis. Só entende  as diferenzas se ten a capacidade para as regular, para decidir os seus límites. Se eu fose español e amante da liberdade, da convivencia, se tivese autoestima xamáis permitiría convertirme nunha cárcere de pobos.