España fala a base de eufemismos. A ditadura foi unha magnífica escola na que o aparello de poder aprendeu a disfrazar, con expresións pretendidamente decorosas, a ausencia de liberdades, de dereitos e de todo tipo de inxustizas e de desigualdades. Daquella ficaron inercias que se incrustaron pasando a facer parte de xeitos de conformar a realidade, e cuxa pervivencia obedece ás secuelas da indecente impunidade coa que se deu carpetazo a un franquismo que non da desaparecido. Daí que no discurso político e institucional deste rexime haxa que estar decote á espreita para desenmascarar o que se agacha tras expresións aparentemente serias, rigorosas, razoabeis e de cómoda aceptación. Así, falar de España como nación cívica implica disimular o seu carácter esencialista e intolerante coas demais. que son tildadas de tribalistas. Referirse ao patriotismo constitucional significa, neste reino, aderirse incondicionalmente a un sagrado modelo territorial e a un desequilibrado reparto competencial. Cando se alega exceso de celo o habitual é que todo teña rematado en intervencións con feridos e dereitos fundamentais vulnerados. Convivencia e respecto cultural consisten en dar rango legal e aceptar con resignación á inferiorización doutras linguas e culturas. Político preso é aquel preso político que, defendendo os dereitos do seu pobo, desafía politicamente ao Estado. Non ofender os sentimentos alleos significa a imposición da moralidade e das crenzas do nacional catolicismo. En fin, a verdade é que non sorprende que con esta bagaxe  teñan a necesidade de estar a diario coa ladíña da democracia consolidada e exemplar, e cun aparello de propaganda a tempo completo! Pois ben, nesta orde de cousas, a tan aqueloutrada lealdade autonómica acaba sendo, nun proceso de involución centralizadora evidente e innegábel, outra palabra de orde para enfeitar unha relación de obediencia, subordinación e submisión.

Levamos moitos anos aturando o desprestixio, o descrédito e a chantaxe dun discurso e dunha praxe  orientadas a atacar a esencia mesma da plurinacionalidade do estado

Cando un pensa en lealdade pensa en reciprocidade e bidireccionalidade. Pensa e pactos e compromisos entre iguais. Pensa en recoñecemento e respecto. Pensa en algo que non se pode impór, senón en algo que debe xurdir tras unha relación de confianza. Mais non deixa de confirmarse o dito de que de Espanha nem bom vento nem bom casamento, coma ben se ten decatado o noso pobo irmán após ter observado ao longo do tempo o que se agachaba baixo a pose do seu reino veciño. Porque a lealdade que España pide e esixe e a do sometemento e a da entrega; é a da anulación e a da renuncia. A dinámica do estado autonómico está a se desenvolver para negar as identidades diferentes á española, para impedir que se poidan decidir libremente os lazos de convivencia e para manter aos pobos nunha minoría de idade permanente sob unha tutela abafante. De feito, o cuestionamento da tímida e limitada descentralización sempre foi respostado cunha visceralidade e agresividade propias da soberbia e da  prepotencia de quen se pensa acreedor de todo e debedor de nada, así coma amo, artífice e señor da existencia dos demais. Para España a lealdade só corresponde a unha parte considerando, ademais, que cabe demandala mediante vías coercitivas. E malia que hai exemplos diversos de como arranxar cívica e democraticamente problemas, estes non dan entrado neste reino. Mágoa!

Todo vale para disparar desde as artillerías mediáticas e institucionais contra as lexítimas pretensións non só de formular novos deseños, senón de iniciar diálogos que aborden, visibilicen e aporten solucións a un problema político ao que a estreitez mental e inquisitorial só sabe dar solucións penais e policiais. Despilfarro, egoismo, estruturas innecesarias, fracaso escolar, deficiencias sanitarias, desequilibrios prestacionais, linguas innecesarias... un sinfín de pretextos para uniformizar o Estado e afortalar a supremacía e control sobre os territorios nos que eses desagradecidos nacionalistas periféricos gostarían de  sobordar os lindes sagrados fixados pola nación perenne e primordial. A imposición pura e dura, para evidenciar quen realmente manda sobre quen, desvela o calote dun modelo entendido como concesión en precario e graciábel, e onde a capacidade autonómica vaise determinando ao gosto de Goberno e de Tribunal Constitucional. Argumentos como a seguridade xurídica ou a unidade de mercado están servindo como escusa para promulgar normativas armonizadoras, cun detalle de regulación que prácticamente liquidan as marxes de actuación e de opción para implementar políticas autonómicas de seu. Tamén, nos últimos anos o saqueo competencial veu acompañado dos recortes orzamentarios. Tanto a redución do gasto en servizos públicos, decidido unilateralmente polo goberno central, como a supervisión que se exerce sobre os orzamentos das CC.AA, supón enfeblecer a capacidade de xestión e decisión das mesmas nun ataque directo ao principio de autonomía política. E perante isto non serve dicir que a culpa de semellante nivel de uniformidade ven imposto pola crise económica ou polas decisións europeas. Esta uniformización é o resultado dunha política que procura pór un freo definitivo ao modelo autonómico así como a resuperación competencial por parte do estado, estratexia para a que se bota man da Constitución, coa complicidade entusiasta do Tribunal Constitucional.

O recurso a unha interpretación ampla dos títulos competencias de carácter transversal do artigo 149º do texto constitucional, está a servir para baleirar de contido as competencias que as Comunidades Autónomas teñen recoñecidas coma exclusivas

O recurso a unha interpretación ampla dos títulos competencias de carácter transversal do artigo 149º do texto constitucional, está a servir para baleirar de contido as competencias que as Comunidades Autónomas teñen recoñecidas coma exclusivas impedindo, deste xeito, que se estabelezan políticas diferenciadas mediante a instrumentación de respostas normativas de seu. Estase, xa que logo, producindo nunha liquidación sistemática da capacidade regulatoria autonómica. O uso e abuso do concepto do “básico” ven sendo outro dos mecanismos privilexiados de invasión competencial, por non falar do silencio, exclusión e  marxinación á que se ven submetidas as CC.AA. cando se toman decisións fundamentais para os seus intereses. No fondo de todo este conxunto de actuacións está a estratexia de reducir ao mínimo as expresións políticas diferentes das da nación española. Pedir lealdade por parte de quen nunca vai recoñecer a capacidade, a vontade ou  o propio feito diferencial é, cando menos, unha manifestación de relacións de servidume. Non, isto non é asumíbel!