O partido político Podemos acaba de redescubrir unha outra vez a definición de Nación de nacións para referirse a España. Definición que nunca terminou de apousar dada a  súa imprecisión, vaguedade e ambigüidade con respecto ao verdadeiro problema de fondo que consiste na vertebración do modelo territorial-competencial do Estado español e das nacións que fan parte do mesmo. 

O partido político Podemos acaba de redescubrir unha outra vez a definición de Nación de nacións para referirse a España. Definición que nunca terminou de apousar dada a  súa imprecisión, vaguedade e ambigüidade con respecto ao verdadeiro problema de fondo que consiste na vertebración do modelo territorial-competencial do Estado español e das nacións que fan parte do mesmo. Mais se algo caracteriza a este partido político é a ambigüidade e a falla de concreción nas súas declaracións que, se nalgúns aspectos pode ser disculpábel, non o é ao se tratar dunha situación fulcral e inmediata tal e como está a amosar o caso catalán. Considero que nación de nacións non é un concepto acaído, nin técnica nin politicamente, para referirse ao que en realidade corresponde ao que debe denominarse, en rigor, estado plurinacional como é o caso español. Unha outra vez Estado e Nación  utilízanse indistintamente co gallo de salvagardar a concepción nacional española.

"Considero que nación de nacións non é un concepto acaído, nin técnica nin politicamente, para referirse ao que en realidade corresponde ao que debe denominarse, en rigor, estado plurinacional como é o caso español". 

Os antecedentes da idea de nacións de nacións, é dicir unha gran nación española que acolle no seu seo a outras máis pequenas, hai que buscalos na publicación do intelectual catalán e deputado nas Cortes de Cádiz Antoni de Capmany de Montpalau titulada “Centinela contra franceses” de 1808. Tamén o filólogo Antoni Puig i Blanch nos seus “Opúsculos” de 1832 acolle esta idea así coma o político e figura da Reinaxença catalá Víctor Balaguer i Cirera. Con posterioridade o exiliado socialista Anselmo Carretero Jiménez empregou habitualmente o termo nos seus ensaios, fundamentalmente en “Las nacionalidades españolas”de 1952, que inspirou a líderes como José Luis Rodríguez Zapatero ou Pasquall Maragall. Recentemente, en 2006, a máis elaborada proposta arredor desta idea achámola no libro “Más allá de la nación: La idea de España como <Nación de naciones>” de Fernado Domínguez García con repercusión en sectores liberais e socialistas sensibeis á cuestión nacional.

Dixen antes que considero inaxeitado agachar a realidade de Estado plurinacional por unha definición, Nación de nacións, que nin é neutral nin é inocente. Expresións como Rei de reis, Cantar dos cantares, Señor de señores, Amor de amores son figuras retóricas cuxo fin é enfatizar a supremacía e a preeminencia dun dos elementos que se sobrepón aos demáis e remata por englobalos, superalos e situalos en función do elemento principal. As nacións poden estar integradas en Imperios (p.e. os antigos Imperios Austro-Húngaro, Otomano, etc,) ou Estados, que por isto se chaman plurinacionais. Porén que unha nación estea composta por nacións ven ser unha tentativa de lexitimar o relato de posicionar a unha nación, a que se forneceu de organización estatal, como a única merecedora de exercer a soberanía. Porque malia que os defensores actuais desta concepción afirmen que a súa adopción evita excluír o carácter nacional dos suxeitos, que permite ir alén da distinción entre o cultural e o político ou que suxire a imaxe posmoderna do patchwork -o cobertor de cama feito de pezas-, a realidade é que non resolve a cuestión das arelas de soberanía ou capacidade decisoria dos retallos que configurarían a composición resultante. Definición baldeira, hoxe sen contido nen proxecto concreto, e que coma tal non aporta nada novo á situación tal e como está actualmente deseñada. 

"España é un estado identitario que procurou fornecerse dunha base nacional, coma outros, en contra doutras realidades nacionais mais que fracasou no seu intento de asimilar e suprimir ao resto das identidades". 

España é un estado identitario que procurou fornecerse dunha base nacional, coma outros, en contra doutras realidades nacionais mais que fracasou no seu intento de asimilar e suprimir ao resto das identidades. Con respecto ao concepto de nación española, hai pouco máis de catro anos, o Tribunal Constitucional lembráballe ao pobo catalán, na sentenza sobre o seu Estatuto, o seguinte: “A Constitución non coñece outra que a Nación española”; “As normas do Ordeamento non poden descoñecer nin inducir ao equívoco no referente á indisolúbel unidade da Nación española”; “A soberanía é exercida polo pobo español como unico titular recoñecido”; “ A nación que aquí importa é única e exclusivamente a nación en sentido xurídico-constitucional”. Levamos anos soportando toda unha batería de medidas normativas orientadas a incrementar a capacidade competencial do Estado, nun proceso de recentralización asfixiante para o desenvolvemento das nacións históricas. Cabe, logo, facerlle varias preguntas as forzas políticas españolas. E se as nacións que o somos pretendemos decidir o noso futuro, temos lexitimidade para facelo? Se procuramos outro tipo de encaixe no Estado, en Europa ou no Mundo se nos vai impedir? Se queremos lexislar e administrarnos como fan os demáis vaise empregar a coacción e a represión? Porque ser consecuente e coherente en democracia tamén é ser claro con respecto ás demandas e aos interrogantes pendentes. Gañar electores eludindo temas e respostas é unha práctica demasiado vella, demasiado dos de sempre. 

Que moitos galegos e galegas vemos que a loita polo pan, pola vivenda, por un traballo digno, por poder producir, polo recoñecemento da nosa cultura, polo emprego  libre do noso idioma, por aprender a nosa historia, é inseparábel da capacidade de poder decidir politicamente sen inxerencias nestes ámbitos é algo que expresaron cunha contundencia e unha sensibilidade admirábel Ana Miranda e Adolfo Muíños nas súa carta “A nazón descatada”. Que Berlín e Bruxelas marquen as directrices da vida dos europeos non é democrático, e que Madrid nos marque as pautas de vida aquí tampouco.