Todo un conxunto de narrativas arredor do desencanto das vellas formas están a caracterizar os últimos tempos da política española.

Todo un conxunto de narrativas arredor do desencanto das vellas formas están a caracterizar os últimos tempos da política española. Sindicatos, partidos, discursos, clases, organización…cumpriron a súa función e precisarían seren substituídos por novos xeitos de entender e practicar unha realidade que, consonte estas visións, fuxe dos tradicionais corsés que fantaseaban con transformala. Todo está obsoleto e debe ser mudado para acomodarse a un presente continuo que se nos impón debido a que os proxectos de futuro son imprevisibeis e o pasado nos aturde con identidades e sobreabundancia de causas, como refería Marc Augé.

"A consigna de  “o que diga a xente” é, tamén, unha mistificación que pasa a se converter nunha ilusión de participación máis propia de eslogan publicitario que do artellamento dun programa político dunha organización que se compromete a cumprilo contra os obxectivos enfrontados dos seus adversarios".

Mudar o necesario cómpre sempre que os instrumentos, as ferramentas de intervención, e os modos de actuación deixen de ser eficaces, ou eficientes, para a finalidade para a que foron constituídos. Existen inercias que son auténticos atrancos ao necesario cambio na estratexia e na análise e que resulta preciso rachar. Mais cabe perguntarse se os novos construtos responden a ese fin de transformación radical da realidade e á consecución dun outro mundo que dea enterramento ao vello de miseria, de opresión e de explotación. Sobre todo cando eses novos construtos se crean sobre a esixencia de liquidación de organizacións e ideas que deron e dan acubillo as arelas de liberación dos pobos, das clases e dos individuos. A indeterminación, a ambigüidade e a licuación tentan suplir o que se estigmatiza como ríxido, macizo ou inflexíbel. 

Mais non haberá algo de simulacro en todo este relato? Simulacro no sentido de Baudrillard; non como ideoloxía falseante senón de agachar que a realidade xa non é tal e, xa que logo, salvar o principio de realidade aínda que como espectáculo. Espectáculo mediático, mediatizado, no que se gaña ao espectador a través da sedución. Esa que contemplaba Lipovestky cando dicía que a contemporaneidade está dirixida por unha apoteose das relacións de sedución. Sedución que sustitúe o lugar do debate fondo, da conciencia adquirida no conflito, do compromiso e do risco. E podemos contemplar que hai algo de simulación nun referendo que fascina coma un filme de acción trepidante até que remata coa volta a casa do espectador que se decata non protagonista. Ou na defensa entusiasta do dereito a decidir, da defensa da recuperación da palabra silenciada dos pobos até que se descubre que esa palabra debe ser pronunciada coa autorización dos que a negaron sempre. E tamén neses movementos cidadáns que se gaban da participación libre, aberta, sen obstáculos até que se observa a lexítima, mais oculta, actuación de organizacións políticas que actuan por detrás na súa configuración representativa e funcionamento. Ou naqueles que abandeiran a desafección política para acadar postos de goberno até que se precisa recorrer a todo un denostado acervo político para conseguir os votos dos desafectos.

"Rematar cos partidos e sindicatos sería o soño do capital, así como reducir a política á xestión de técnicos e expertos “neutrais” ideoloxicamente". 

A consigna de  “o que diga a xente” é, tamén, unha mistificación que pasa a se converter nunha ilusión de participación máis propia de eslogan publicitario que do artellamento dun programa político dunha organización que se compromete a cumprilo contra os obxectivos enfrontados dos seus adversarios. Como saber onde estaría o irrenunciábel, onde ficarían os límites infranqueabeis? Serán líquidos, mudabeis, efímeros, ou serán fortes e duradeiros até a súa consecución?  Porque defender a transformación sen certas prácticas e experiencias organizativas, militantes e de mobilización social pode xerar vulnerabilidade e frustración para resistir os poderosos medios dos que dispón o poder. Rematar cos partidos e sindicatos sería o soño do capital, así como reducir a política á xestión de técnicos e expertos “neutrais” ideoloxicamente. 

Non, non todo é cuestión de formas, de estilos, de apariencias. Hai que fomentar a concientización e a ideoloxización se se pretende contar cun pobo disposto a loitar por uns ideais. E se ese pobo ten unha nación sen Estado, merece todo o respecto a que se lle permita construír en pé de igualdade o seu marco político e a que o poida facer con forzas propias. Se un pobo é feble a solución pasa por mellorar e afortalar a autoorganización, non por facelo máis dependente de decisións e organizacións alleas.

No filme Queimada de Gillo Pontecorvo hai unha escena extraordinaria na que o  escravo insurrecto José Dolores lle di ao axente inglés William Walker que é preferíbel saber cara onde ir, aínda sen saber como, que saber como ir mais sen saber cara onde.