As organizacións políticas son ferramentas, instrumentos fabricados para acadar obxectivos, non son obxectivos en si mesmas. Se unha refundación non pretende máis que conservar o instrumento, sen pór en cuestión a inadecuación do mesmo á fin para o que debe servir, o fracaso está a se anunciar de principio. Refundar  pode ficar insuficiente cando non fai máis que artellar sobre o deteriorado, procurando limitadamente un arranxo sen se atrever a mudar radicalmente o que non funciona. A refundación sempre está condicionada pola fundación, e hoxe cómpre rachar con praxes que, a todas luces, se manifestan inaxeitadas.

O nacionalismo ten de ser reformulado, é dicir renovado de raíz, sen maquillaxes, sen prexuízos. Non se pode pretender voltar a fundar sobre os esquemas que evidenciaron a súa obsolescencia. Os modelos complexos requiren estruturas interpretativas áxiles e axeitadas a fluxos que están a modificar constantemente as configuracións clásicas ou tradicionais. Cando a realidade se apresenta cambiante ten de ser abordada con categorías que a describan e a aborden sen pretender inmobilizar aquela para que se acomode a estas últimas. 

Non se pode pretender voltar a fundar sobre os esquemas que evidenciaron a súa obsolescencia

Non se pode criar un estado de opinión favorábel cando a percepción social é a de intransixencia ou  a da rixidez, non na defensa dos principios, senón no xeito de actuar, de excluír, de referir, de falar. Algo falla cando o ton de superioridade sobrevoa a todos aqueles que non fan parte do noso proxecto. A miúdo instalámonos nunha posición desde a que xulgamos implacabelmente a quen se afaste minimamente da nosa cosmovisión. Non se pode vivir reprochando permanentemente, culpabilizando ao resto do mundo de non ser quen de entender ou de estar a altura. Ser incómodo ao poder debe ser o resultado da congruencia, mais non debe ser a escusa para xustificar o desleixo do pobo ao que nos diriximos. 

Hai nacionalistas organizados e sen organizar e hai nacionalismo e nacionalistas en diversas opcións políticas. A unidade non se constrúe por imperativo de cúpulas, nin a desunión é froito da arbitrariedade ou do capricho. Mais un enfoque razoábel aponta a que a colaboración, o apoio e o respecto mutuo constituirán as bases sobre as que se alicerce a confianza cara un horizonte de futuro para este país. As descalificacións, as ofensas, as desconsideracións cos máis achegados, endemismos no nacionalismo galego e produto en moitas ocasións da encarnación da ortodoxia, resultan cada vez máis rancias e desfasadas a unha sociedade afeita a convivir coas diferenzas e a valorar a pluralidade.

O nacionalismo traballa para construír e desenvolver a nación; para que a soberanía resida no pobo que a conforma; defende o dereito do “demos” a decidir o seu presente e o seu futuro. Porén o nacionalismo non é a nación, e menos as súas organizacións políticas, e non pode erixirse no seu único e exclusivo representante. Con certeza que existen inimigos da liberdade, da igualdade e da xustiza coma con certeza que existen a opresión, a explotación e a dominación,  polo que cómpre saber tecer alianzas que amosen a capacidade para respostar aos desafíos que a mundialización capitalista está a presentar. A ruptura das colonialidades, entendidas como patróns e pautas de poder e dominación de clase, de xénero, racial, epistémica, cultural, nacional, etc, non vai ter coma protagonista unha única organización que guíe, tutele, controle e dirixa as loitas e os movementos sociais. 

O nacionalismo non é a nación, e menos as súas organizacións políticas, e non pode erixirse no seu único e exclusivo representante

O nacionalismo ten que entender que moitas das múltiples e progresistas sensibilidades e identificacións que se producen no pobo son tan dignas de respecto e teñen tanto significado para os seus membros como para nós a defensa das nosas concepcións. Que desacertado estivo e está a ser  despreciar  movementos e compromisos sociais por non levar o visto e prace nacionalista! Cantas veces o "nihil obstat" estivo e está a ser esixido, dentro da esquerda e do propio nacionalismo, para actuar sen ser acusados de desviacionismo. A sospeita permanente e a desconfianza nas capacidades da militancia, e non digamos do resto da xente, lastran a iniciatica paralisando e desmotivando a quen quere colaborar ou actuar sen unha supervisión limitadora. A soberbia e a prepotencia que sempre foron bos aliados do conservatismo, nunca o foron nen o serán de quen pretende mudar un modelo de dominación. Temos que deixar de pensarnos coma os únicos depositarios das esencias e das verdades. A construción da nación precisa ser abertos e flexibeis, contar coa maioría do pobo, e isto implica saber recoñecer os méritos nos demáis e aceptar os erros propios.

As eleccións galegas están moi próximas e a confluencia para derrotar e desprazar a un partido que é unha lacra para a identidade galega e para a xustiza social é unha necesidade primordial. O nacionalismo, no seu conxunto, ten unha responsabilidade enorme en contribuir a que esta derrota se produza e a que as mudanzas sexan reais e efectivas.  Novos medios, novos modos están sendo necesarios para combater as proteicas e multipolares esferas de poder e dominación. A reconstrución do movemento nacionalista demanda a unidade desde as bases, sen exclusións, sen supervisións, sen sectarismos e sen tutelas. 



x