Vai rematando o verán e con él todo un tempo de festas, eventos e celebracións por todo o noso país. Un tempo no que, desde a torre da igrexa até a entrada do pobo ou desde o recinto da festa até o bar da comisión, bandeiras españolas acompañan o balbordo, a música, os foguetes, os xantares, as cerimonias relixiosas e as actividades laicas. Tamén, coma noutras ocasións, penso que vivo nun país maltratado e cunha identidade constantemente golpeada; lembro a Fanon, a Memmi e a Bourdieu; noto o paso do tempo e sigo a sentir o desacougo desas traizoeiras compañas que son a impaciencia por mudar as cousas e a envexa a quen o vai conquerindo. Procuro que a racionalidade e a emocionalidade convivan nese precario equilibrio ao que estamos condeados e que nos fai tan impredecibeis. Doulle voltas, tamén, ao feito de que os humanos nos caracterizamos por unha grande dimensión significativa, é dicir, por revestir de connotacións os acontecementos que vivimos. Cismo en que evocamos e representamos simbolicamente a realidade como resultado dun complexo proceso de formación de hábitos, de relacións afectivas e de experiencias emocionais.

Pode que, por estas consideracións, estea convencido de que en demasiadas ocasións non somos quen de recoñecer a enorme importancia que os símbolos desempeñan na vida social, nas configuracións persoais e, coma non, na conformación das identidades nacionais. É así que a lingua, as bandeiras, os hinos, a toponimia, as festividades, as tradicións, os traxes, as equipas, as institucións e os monumentos, entre moitos outros, fan parte salientábel dos procesos de construción nacional. A identificación con estes elementos, a pretensión de conservalos, a súa modificación ou evolución, o seu artellamento  institucional e a súa vinculación política adoitan ser o resultado dos mecanismos que os Estados desenvolveron teimudamente a fin de forzar unha identidade común no seu seo. E cando, nestes procesos nacionalizadores, os Estados tropezaron coa existencia de pobos e nacións que consideraron un obstáculo para esa finalidade o máis habitual foi o recurso a todo tipo de medios para suprimir e impedir a pervivencia dos trazos identitarios diferenciados. Medios materiais e simbólicos, ás veces de extraordinaria violencia, foron e son utilizados para substituir ou inferiorizar as manifestacións e expresións proprias das comunidades obxecto de dominación política e cultural.

Vai rematando o verán e con él todo un tempo de festas, eventos e celebracións por todo o noso país. Un tempo no que, desde a torre da igrexa até a entrada do pobo ou desde o recinto da festa até o bar da comisión, bandeiras españolas acompañan o balbordo, a música, os foguetes, os xantares, as cerimonias relixiosas e as actividades laicas

O Estado español caracterízase por arremeter contra todo o que cuestione a súa concepción nacional. Un pasado e un presente de rancor e de resentimento contra quen pretende poder vivir en outra identidade. Viuse onte e vémolo hoxe. España non só celebra coma día nacional un que representa a colonización. Tamén fantasea con bandeiras de dimensións megalómanas ou sube o volume do seu hino para silenciar a voz de quen existe doutro xeito. Vive unha paranoia coa protección dos seus símbolos e unha obsesión pola proxección da súa marca. O Tribunal Constitucional avala con entusiasmo identitario as touradas como festa nacional. Ao nacionalismo español incomódanlle os nosos símbolos e as nosas creacións, pasadas e recentes. Detesta calquera mostra e manifestación de identidade que non se axeonlle perante unha pretendida cultura común ao servizo do seu proxecto asimilacionista. Un sinal, un documento, un cartaz, unha etiqueta, un Apalpador, un Samaín, un relato diferente ou un acto creativo non homologado son motivo para provocar a desavinza  facendo uso de todo un arsenal de trampulladas indecentes.

Mais a xustiza, alén de distribución e representación, é tamén recoñecemento. E na loita polo recoñecemento, na arela de construírmonos un futuro sen permisos, temos a lexitimidade para empregar os instrumentos que o resto das nacións soberanas usan na súa pervivencia. Se procuramos que a nosa lingua, cultura, historia, arte, símbolos, tradicións e creacións teñan visibilidade e recoñecemento actuamos lexítima e xustamente. E se deixamos de dar sempre xustificacións de porqué no noso país temos dereito a  amosar o noso, e facémolo sen complexos, non cabe aceptar reproche ningún. Se algo ten razón de reproche é a carencia de respecto e a prepotencia de quen, con mentalidade colonial, pensa que un pobo pode vivir co consentimento e debaixo da tutela doutro.  

Gostaría de que o meu país poidera decidir con total liberdade. Que evoluira e mudara desde si, con soberanía. E cando regreso dunha viaxe por estrada, xa de Portugal xa de España, prodúceme unha enorme satisfacción ver pintadas recoñecendo a entrada en Galiza. Si, é algo simbólico, como as bandeirolas dun recinto festeiro ou unha selección nacional.