Hai uns días a Xunta, tan respectuosa e submisa coma sempre coas instrucións do Estado español, contemplaba a posibilidade de suspender a convocatoria de oposicións no ensino. Feijóo falou de bloqueo institucional para xustificar esta decisión. Tal bloqueo resultaba ser a incapacidade dun acordo político para aprobar os orzamentos xerais do estado nas Cortes, así como a correspondente ameaza do Goberno español de impugnar aquelas convocatorias que non estivesen visadas pola súa capacidade competencial. A covardía que caracteriza as relacións de dependencia pretende xustificar o que non se atreve a explicar, ou que non se quere explicitar. Porque o problema non ten nada que ver con bloqueos institucionais. O problema de fondo é que Galiza non pode decidir; esta nación non ten competencia nin para repoñer os efectivos de emprego público que considere necesarios. Non temos soberanía; poderíamos compartir soberanía de a ter; poderíamos pactar acordos de ter a capaciade; poderíamos chegar a compromisos, mais non; carecemos absolutamente das competencias necesarias.

O problema de fondo é que Galiza non pode decidir; esta nación non ten competencia nin para repoñer os efectivos de emprego público que considere necesarios

Casos como este son unha constante que se reproduce a cotío e que nos lembra a precariedade da nosa existencia como pobo. Nunca cansa salientar que as decisións básicas e esenciais para que poidamos existir non están nas nosas mans. Outros deciden por nós e isto ten consecuencias en todos os ámbitos nos que unha comunidade política debería ser quen de se desenvolver. Certamente, deciden por nós e temos que pedir permiso; temos que recabar o consentimento en case todo. O máximo regulamento hispano só recoñece, e só se recoñece nun único pobo; se alguén pensa en ser recoñecido doutro xeito sabe, sabemos, que se enfronta ao fundamentalismo e á intransixencia. Demandar xustiza e equidade, reclamar a dignidade de poder decidir remata no banco dos acusados. En España o imperio da lei sempre se confundiu co seu uso imperialista.

En España o imperio da lei sempre se confundiu co seu uso imperialista

Ás veces, e non sempre por parte da dereita, déixase cair que o nacionalismo sobra. Aquí cómpre apartar eses escotomas ideolóxicos que dificultan unha visión clara da realidade e preguntar onde é que sobra. O nacionalismo é unha ideoloxía e un movemento socio-político que defende a atribución da soberanía ao pobo que conforma unha nación. Cando aos pobos se lles pechan as posibilidades de autogobernarse, de tomar as decisións que consideren máis acaídas para enfrontar os problemas e adoptar as oportunas solucións o nacionalismo non sobra, senón que é unha garantía de democracia. O nacionalismo que existe para defenderse da asimilación forzosa, para loitar contra da privación dun instrumental xurídico e político que garanta a toma propia de decisións non sobra. O nacionalismo non sobra cando defende a mellora das condicións de vida e o poder de decidir sobre o control dos recursos económicos que posibilitarían aquela.

Nun mundo que desde 1648 foise organizando en estruturas de estados-nación, as nosas identidades compostas, múltiples, tamén teñen un compoñente nacional. A dimensión nacional fai parte do individuo e das colectividades modernas; a identidade nacional negada, incapacitada para poder fornecerse de estruturas políticas, é un resultado da dominación e, xa que logo, é un problema político de enorme trascendencia. Se unha colectividade nacional non ten poder de decisión sobre a lingua, cultura, educación, patrimonio, infraestruturas e outros recursos económicos, alén de estar expropiada de aspectos configuradores esenciais e significativos, áchase sometida e dominada, logo está oprimida politicamente. Nestas situacións, un pobo desposuído debe gozar do dereito a que a súa condición nacional sexa recoñecida contra calqueira outra construción nacional que o impida. O nacionalismo que defende a liberdade para elixir, para decidir, para que se poña fin ao desposuímento da riqueza material e simbólica é emancipador e non sobra.

Un pobo desposuído debe gozar do dereito a que a súa condición nacional sexa recoñecida contra calqueira outra construción nacional que o impida

Pretender que o nacionalismo que reclama o exercicio dun dereito democrático sobra, dito desde a posición privilexiada de quen pode defender a súa propia identidade nacional porque ten un aparato estatal que a garante sen dificultades, non pasa pola porta nin do xusto nin do razoábel. Os erros, os acertos, as estratexias e os atrancos do nacionalismo son fenómenos que non minguan a súa necesariedade do mesmo xeito que os erros da esquerda non minguan o valor da defensa dun mundo mellor. De formular, coma ao principio, onde sobra nacionalismo podemos achegarnos a aquela frase de M. Billig na que comentaba que “existe un nacionalismo que non se reflicte nunha bandeira ondeada conscentemente con fervente paixón, senón na bandeira que pendura desapercibida no edificio público”. Podemos engadir que en España nin tan desapercibida, nin só nos edificios públicos. Chegados aquí deberíamos concordar onde sobra nacionalismo. Nos grandes medios de comunicación, na Conferencia Episcopal Española, na CEOE, sobra nacionalismo. Nas Cortes españolas, no Goberno de España, no Tribunal Constitucional sobra nacionalismo. Nalgúns grandes partidos políticos e organizacións sindicais sobra nacionalismo. Certamente concordaríamos na necesidade de lles pedir que o rebaixen ou o supriman. Na Galiza, de momento, non sobra.



x