Que no Reino de España estase a vivir unha atmosfera irrespirábel para as liberdades e os dereitos é algo que só se pode negar desde a renuncia intelectual ou desde o rendemento de pleitesía e de vasalaxe. Non se trata aquí de facer un relatorio, de sobra coñecido, do cúmulo de actuacións coactivas, represivas e de persecución contra a discrepancia e a disidencia políticas, tratadas e represaliadas coma inimigos de guerra. Abonde con salientar que asistimos a toda unha morea de despropósitos contra o dereito, a xustiza, a política e á propia convivencia democrática. Porque, non haxa dúbida, quen está a esfarelar a convivencia cidadá é toda a brigada do 155 que move, promove e remove  poderes e institucións, medios de comunicación e sentimentos étnicos, sen lle importar que as garantías inherentes á condición cidadá fiquen pisoteadas e maltreitas.

Vén sendo de tal envergadura o empeño na aniquilación política do inimigo que xa nin importa acadar altas cotas dese ridículo que agroma nos reximes ditatoriais cando pretenden solemnizar actos groseiros ou maquillar a deturpación máis evidente. Ridículo, sen embargo, que non debe agachar a gravidade dunha  situación que ameaza con afectar a un número cada vez maior de grupos e persoas que van sendo criminalizadas e posteriormente linchadas no circo mediático para entretemento e adoutrinamento de masas, coa pasividade dunha sociedade que, coma nos fascismos, ve pasar os acontecementos sen entender ou querer saber. E fronte a toda esa regurxitación de opinións vomitadas, con máis ou menos pudor, polos fabricantes de posverdades compriría preguntar pola exquisitez, a corrección e a prudencia coa que son tratados os individuos e os movementos de extrema dereita, cando non abertamente fascistas. Non só tolerancia, senón mesmo fomento e amparo do seu medre e impunidade, o que fai pensar seriamente na persistencia dun substrato deste cariz firmemente arraigado nas institucións do Estado e que nunca se pretendeu eliminar para uso e abuso cando as necesidades do poder o requerisen.

Pois ben, do mesmo xeito que o principio das maiorías pode pervertirse no dominío das mesmas, o estado de dereito pode xerar tiranías, coma ben albisca Luis Tapia Mealla. Porque se tiranía se define como a concentración de poder político mediante a eliminación da división de poderes ou da redución da súa autonomía no seo do estado, á vez que tamén se reducen liberdades políticas da cidadanía, o que está a acontecer no Estado español non anima á celebrar a tan sempre mentada e comesta consolidación democrática, nin a sermos optimistas con respecto a que vaia consolidarse. E se a alguén lle parece excesivo o uso do concepto de tiranía, dificilmente poderá desmentir a deriva autoritaria e a parodia democrática que significan as actuacións represivas e vulneradoras de dereitos fundamentais coas que non deixan de sorprender, e de superarse a si mesmos, nunha escalada que, até no conservadorismo da veciñanza, comeza a renxer.

No delirio para asentar este rexime centralista, produto da instauración (que non de restauración como sinala Bartolomé Clavero) mediante a franquista Lei de Sucesión, a brigada do 155 aparca as aparentes diferenzas para actuaren ao unísono coma autores, cómplices e encubridores de auténticos  golpes contra a liña de flotación da democracia; mais tamén contra a decencia humana e política porque, como constataba Avishai Margalit, unha sociedade decente é aquela que non humilla. E a humillación do adversario, tratado coma inimigo, sempre fixo parte da caverna retrógrada coa que hoxe van collidos de ganchete o fundamentalismo unionista constitucional,  dádolle azos e folgos nunha estratexia que acabará tendo un coste altísimo para a propia democracia e dificultando enormemente a recuperación do perdido.

A humillación do adversario, tratado coma inimigo, sempre fixo parte da caverna retrógrada coa que hoxe van collidos de ganchete o fundamentalismo unionista constitucional

 

A situación é grave e a excepcionalidade da punición estase a converter en normalidade. O regrado cada vez é máis discrecional, e isto último cada vez máis arbitrario, nunha secuencia de descrédito e banalización que semella non importar con tal de acadar a derrota e o silenciamento da discordancia. E coma o grao en que se respetan, ou se fan respetar, os dereitos políticos depende da capacidade de organización e acción política da sociedade civil, compriría facer frontes amplas contra a involución do estado das cousas, con determinación e contundencia, con imaxinación e intelixencia, procurando que cada ataque contra dos dereitos e das liberdades non fique inmune e cómodo para o poder. Mobilizacións, denuncias, desobediencias, pronunciamentos institucionais, actos de rúa e tamén cuestionar abertamente, desafiar. Desacreditar e desacralizar a solemnidade cuarteleira na que se parapetan os totalitarismos. 

Acabo de coñecer, rematado o artigo, a resolución xudicial sobre o caso da “manada”. Só podo engadir algo: Este rexime dá noxo! 



x