Vén de moi antigo a estratexia consistente en facer cargar ás vítimas coa responsabilidade da súa situación, así como a de atribuírlles comportamentos e actitudes que o verdugo utiliza contra das mesmas. Quen escrebe a historia, que gaña a guerra, quen posúe as armas, quen impón as normas, quen define as ideas, quen decide o relato, quen, en definitiva, conquire  o dominio e o control sobre parte da sociedade acaba normalizando os trazos da dominación e culpabilizando ao sometido no caso de desafiar o estado das cousas tal e coma ficou estabelecido. O opresor, o conquistador ou o explotador preséntanse coma benefactores, custodios do bo funcionamento dunhas relacións sociais que proclaman estar permanentemente ameazadas pola ignorancia, a mala fe ou a ingratitude de quen non sabe apreciar a misión altruista que supón manter a orde e a convivencia. E, deste xeito, aqueles que manifestan desconfiar do altruismo dos amos, dos señores, dos patróns ou dos privilexiados rematan sendo acusados de seren un produto da ruindade, do egoísmo ou da incomprensión por non querer recoñecer as supostas bondades dos que exercen a dominación. Así, a dominación alicerzada sobre fasquías de raza, de xénero, de clase, de cultura ou de identidade leva séculos revirando contra das arelas de emancipación das propias vítimas do sometemento, que son caricaturizadas como a encarnación dos vicios e das prácticas do propio dominador.

Pois ben, nesta liña de afianzamento da hexemonía como supremacía, o nacionalismo español tenta invertir as posicións calificando, dun xeito groseiro e indecente, de xenófobos e supremacistas a quen padece a intolerancia, a imposición, a represión e o peso de todo un aparello de Estado que impide, non só exercer competencias soberanas a pobos con tanta ou máis historia que o español, senón que impide a mera posibilidade de expresarse libremente sobre como gostarían de realizar o seu futuro. Porque, no caso español, o supremacista é quen defende manter a supremacía, a posición de superioridade e de poder sobre outras culturas, expresións, identidades ou comunidades que están privadas da capacidade para poder elixir e decidir, é dicir, da capacidade para poder sobrevivir e desenvolverse tal e coma fai a nación dominante. No reino de España o único supremacismo que existe é o español; supremacismo que enchoupa normas, prácticas, expresións, comportamentos e actuacións de variado tipo e condición e das que, a seguir, imos facer algunhas referencias.

O nacionalismo español tenta invertir as posición calificando de xenófobos e supremacistas a quen padece a intolerancia e a imposición

 

Cómpre, xa que logo, comezar pola norma suprema, e con marcados trazos supremacistas, a Constitución, de cuxo contido e redacción fundamentalista temos falado noutras ocasións. Unha Constitución que nega absolutamente calquera recoñecemento da diversidade nacional do reino e que se fundamenta, non na vontade nen na libre decisión, senón na indisolúbel unidade da nación española. Norma que, ademáis, privilexia a unha única lingua, obrigando ao seu coñecemento, mentres desmerece e infravaloriza ás outras situándoas nunha posición subalterna. Por non falar do inxusto e descompensado reparto competencial ou dos mecanismos para anular e someter ás Comunidades Autónomas, demostrando a consideración que das mesmas se ten. Constitución redactada, a fin de contas, baixo a supervisión dos que impuxeron un rexime ditatorial e se alzaron coa bandeira do odio e do desprezo contra da diversidade plurinacional.

E que dicir dun Tribunal Constitucional que salienta por facer unha permanente e constante interpretación restritiva do modelo territorial e competencial, sempre en favor do Estado, nun afortalamento da tendencia centralizadora e de supremacía dos poderes daquel. Un Tribunal que afirma que os pobos que conforman as comunidades autónomas son conceptualmente diferentes do español, que vén sendo o único titular da soberanía, ou que as propias Comunidades fundan a súa existencia unicamente na Constitución, nunca en nada externo ou histórico; ou que teima en frear as medidas protectoras ás linguas ou ás expresións culturais propias e diferentes da española. Un tribunal que está decote a cercenar as ridículas competencias autonómicas e a tumbar leis e políticas económicas, sociais ou culturais das mesmas porque non existe a máis mínima vontade de procurar un encaixe integrador, produto dun enfoque aberto e desprexuizado.

No reino de España o único supremacismo que existe é o español

 

Non se libra deste afán supremacista toda esa brunete mediática que, no canto de favorecer a reflexión e a análise, alenta o encirramento contra os nacionalismos periféricos desempeñando a función de alimentadores da intolerancia e do descoñecemento doutras realidades nacionais. Uns media tinxidos de amarelismo político, distorsionadores a mantenta da realidade, e que agachan, cando non aplauden, as agresións que padecen aqueles que se opoñen a esta nova cruzada nacional restauradora de símbolos e valores cos que o fascismo truncou vidas e posibilidades.

E xa que de supremacismo falamos, mención merecen tamén eses grupos de integristas idiomáticos, cínicos negadores da persecución que o galego, o catalán e o euskera padeceron historicamente, nun intento desesperado para eliminalos na construción nacional española. Grupos fanáticos que non escatiman o emprego da mentira, tanto no xurídico coma no sociolóxico, para afianzar e reforzar a supremacía dunha lingua protexida e privilexiada que se impón con adoutrinamento e con medidas legais, institucionais e xudiciais.

Supremacismo e supremacistas, evidentemente que si; nese nacionalismo español que rexeita o diálogo, as consultas, o recoñecemento, a pluralidade, a igualdade e o dereito a decidir.



x