Perante a incapacidade, ou a negativa, de asumir todas as consecuencias da consideración de Galiza como nación

Perante a incapacidade, ou a negativa, de asumir todas as consecuencias da consideración de Galiza como nación os detractores do nacionalismo recorren a cotío ao uso do termo de nación política (enfrontada á nación étnica ou cultural) para desprestixiar ou deslexitimar as pretensións deste último. Tamén a invocación do suxeito soberano emprégase coma recurso que procura minguar a  defensa do feito diferencial. Convén, xa que logo, facer unha serie de apreciacións que poidan servir para aportar elementos a este debate recorrente que en moitas ocasións está fondamente atravesado pola visceralidade, o pensamento colonial e a falta de rigor.

O nacionalismo galego actúa nunha nación sen Estado de seu; é un movemento político que loita contra un Estado-nación dominante que impide o exercicio da autodeterminación. O nacionalismo galego, ao igual que outros na Europa e no mundo, é un nacionalismo cívico ou político, isto é, pretende a emancipación nacional, o exercicio do dereito de libre determinación e a posibilidade de que a nación dispoña dun instrumental xurídico e político que lle permita decidir sobre si mesma, é dicir, acadar a soberanía política. Procura, nun sentido habermasiano, a construción e desenvolvemento dun país, o que significa a identificación cos valores democráticos plasmados nunha Constitución que xorde do consenso arredor dos valores representados polos dereitos funda­mentais e polas liberdades públicas dos que gozarían todos os cidadáns, sen exclusións. A adhesión aos valores sociais e democráticos estaría na base do sentimento de pertenza á comunidade política independentemente das opcións de cada quen. Agora ben, este compromiso, de e cara á comunidade política, non se da coa Constitución española, negadora da nosa existencia e do suxeito político sobre a que se asenta, isto é, o pobo galego.

O nacionalismo non é a nación, fai parte da mesma

O nacionalismo non é a nación, fai parte da mesma. A constatación da pluralidade de modos de vida e crenzas, a defensa dos dereitos individuais e colectivos, así coma o recoñecemento de identidades múltiples son factores esenciais na construción da nación política defendibeis tanto nun escenario de liberdade como de dependencia nacional. Porén, o recoñecemento dos trazos de identidade, como elementos de autocomprensión e expresión, tamén fai parte da construción nacional. Estas, a construción e máis a identidade, nunca están pechadas; son dinámicas e históricas e así mudan coa vontade do pobo suxeito da soberanía. 

Unha comunidade política precisa dunha lingua oficial, dun modelo educativo con currículos propios, dunha política cultural, científica e universitaria; precisa xestionar e consensuar celebracións, calendarios, festas, símbolos e outras expresións que entrarían de cheo no que se vén identificando como valores e modelos culturais e que se van transformando co paso do tempo. Estimo que estas expresións, en todo o que son necesarias para o normal funcionamento da sociedade, e xa que logo inevitabeis, tamén fan parte da fasquía política da mesma. Non existe ningún Estado que poida prescindir de adoptar decisións no relativo a estes temas. Mais as situacións de dependencia nacional distorsionan en extremo estas decisións, cando non as impiden abertamente, evidencíandose decote o carácter marcadamente étnico das decisiós do Estado dominante con respecto á nación sometida. Sometida e dominada porque non dispón de mecanismos para poder decidir o modelo de ser e de estar. Abonda un repaso a Constitución española e á normativa básica do estado para se decatar de que existen trazos etnicistas moi salientábeis.

O paradoxo prodúcese cando se acepta desde posicións e organizacións pretendidamente cívicas e progresistas, e non digamos das conservadoras, a condición do pobo español como único soberano

Se partimos, e o nacionalismo o fai, de que o pobo galego debe ser o depositario e suxeito da soberanía deberíamos aceptar a súa plena capacidade para decidir sobre cultura, territorio, institucións de goberno, economía, educación, lexislación civil, penal e administrativa, etc. así como estabelecer libremente as relacións que mellor considere co resto dos pobos e nacións. Mais, pola contra, de considerar que a soberanía reside no pobo español estase a sustraer a devandita capacidade ao noso pobo, correspondéndolle a un outro suxeito que o asimila e, deste xeito, o nega. Se a sustentación desta negación xustifícase en que España é un estado soberano nada debería oporse á pretensión lexítima de que a vontade do pobo galego, a nación, puidese reclamar a soberanía nas mesmas ou similares condicións. O paradoxo prodúcese cando se acepta desde posicións e organizacións pretendidamente cívicas e progresistas, e non digamos das conservadoras, a condición do pobo español como único soberano o que implicaría o seu consentimento para modificar o estatus político de Galiza a través da concesión graciábel, mais prácticamente imposíbel, da reforma constitucional. Aspecto este que evidencia as contradicións destas forzas que teñen un proxecto para unha nación, España, prescindindo total e absolutamente doutras realidades nacionais. E á marxe da constatación das dificultades e desencontros que estas relacións presentan, e van presentar, non dubido en manifestar a miña convicción de que as mostras de etnicismo prodúcense moito máis na area política española que na nacionalista galega.