O “cambio” arxentino é un camiño de volta

Iago Lestegás Tizón - Arquitecto


As eleccións arxentinas deixaron unha axustada vitoria do candidato da dereita

As eleccións arxentinas deixaron unha axustada vitoria do candidato da dereita, representante por dereito de berce e mérito propio da “patria contratista”, o gran empresariado parasitario do Estado que medrou á sombra da ditadura militar e se enriqueceu da man do menemismo nos noventa. O historial corporativo do presidente electo, beneficiario da estatización de débeda privada decretada polos militares en 1982, súmase ao seu legado á fronte do goberno da cidade de Buenos Aires, endebedada baixo a súa xestión, convertida nunha empresa inmobiliaria que destrúe o patrimonio urbano, arquitectónico e cultural da cidade, empapelada de millonaria propaganda frívola pagada por todos os porteños a costa da subexecución do orzamento social e da desatención das urxencias dos seus barrios. Mais a destrución da cidade, a cosmética mediocre, o márketing urbano e o lavado de cerebro mediático funcionaron, e a esmagadoría maioría dos porteños votaron pola promoción do seu alcalde a presidente da nación. 

A solución que o 51% dos arxentinos atoparon á “insoportable corrupción kirchnerista” foi un gran empresario sen escrúpulos pero con 17.000 millóns en Estados Unidos e Suíza, imputado en múltiples causas xudiciais, machista, homófobo e vividor, enriquecido grazas a décadas de privatizacións e contratos amañados co sector público, que ademais vén acompañado por toda a dirixencia casposa, autoproclamada liberal pero parasitaria do sector público, que levara a poboación á miseria e o país á bancarrota en 2001. Os arxentinos, arruinados e abusados, berraban “que se vayan todos” naquel decembro de cacerolazos, cativos malnutridos e helicópteros presidenciais en retirada; doce anos despois, con traballo, vacacións, salario protexido, casa, coche, educación, saúde e xubilación, o 51% tróuxoos de volta. O único que lles falta hoxe é a memoria.

A solución que o 51% dos arxentinos atoparon á “insoportable corrupción kirchnerista” foi un gran empresario sen escrúpulos pero con 17.000 millóns en Estados Unidos e Suíza, imputado en múltiples causas xudiciais, machista, homófobo e vividor

Non cómpre ler o futuro para saber o que o novo presidente quere facer e desfacer; abonda ler o pasado, e iso fixen hai unhas semanas aquí. Coñecendo os ciclos económicos arxentinos, o modelo de país que a dereita defende e o historial do seu candidato, é doado deducir que este buscará erosionar ao máximo o Estado garantista e intervencionista construído nos últimos doce anos. Non será, non obstante, unha mudanza que vexamos claramente nos próximos dous anos. Co kirchnerismo retendo o control sobre o Senado e sendo o grupo máis numeroso no Congreso, e dada a escasa marxe entre os dous candidatos, é probable que o novo presidente evite medidas realmente impopulares na primeira metade do mandato. Na Arxentina o lexislativo renóvase parcialmente cada dous anos, e o novo oficialismo quererá ter a maioría a partir de 2017 para, entón si, sacar a apisonadora. As medidas conflitivas que o establishment ao que pertence o presidente lle obrigue a tomar de xeito inmediato buscará atribuílas, co apoio dos medios de comunicación, á “herdanza recibida”. Coméntase incluso que o mercado utilizará a súa “man invisible” nos próximos días para afogar o goberno saínte e intentar forzalo a realizar a devaluación do peso que o novo presidente (cuxos aforros no estranxeiro e os dos seus amigos se multiplicarán por arte de maxia cando isto suceda) quere facer pero prefire deixar apuntada na conta de Cristina Fernández. 

O que eu agardo dos próximos anos é, por tanto, que o novo presidente implemente as medidas máis populares (apertura de importacións e desregulación da compravenda de divisas, entre outras) mentres di cousas moi bonitas, fai moitas fotos cos pobres contra cuxos dereitos votou sistematicamente, e tapa os efectos negativos das reformas recurrindo ao financiamento externo que xa lle ofreceron os fondos estadounidenses, como xa fixo triplicando a débeda da Cidade. Todo isto, co apoio dos omnipresentes medios de comunicación que xa taparon as súas miserias nestes anos, co da poderosa oligarquía terrateniente, e coa axuda do insaciable sistema financeiro internacional e do Tesouro e o Departamento de Estado norteamericanos, no marco dunha hexemonía política nacional poucas veces rexistrada: ademais do goberno central, a dereita gobernará a cidade autónoma de Buenos Aires, con case 3 millóns de habitantes, e a provincia de Buenos Aires, poboada por case 17 millóns dos pouco máis de 42 millóns de arxentinos. 

O “cambio” non será para mellor, e terá consecuencias de calado para o país e para a rexión

En definitiva, nos dous próximos anos o goberno e os medios demonizarán o kirchnerismo e erosionarán o seu apoio social cuestionando o seu traballo, os seus logros, o seu “relato” e a súa honestidade (como veñen facendo até hoxe), mentres construirán a imaxe idealizada dun novo goberno moderado, moderno, que goberna “para todos” a diferenza do “sectarismo polarizador” do anterior. O obxectivo é que en 2017 o presidente poida dicir “vedes como non era tan malo?” e os arxentinos lle entreguen o poder lexislativo.

Está claro que o “cambio” non será para mellor, e terá consecuencias de calado para o país e para a rexión. Será fundamental, non obstante, o papel que a partir do 10 de decembro xogue a xa expresidenta. Con Scioli derrotado, sen cargo institucional ningún, sen carisma para dirixir un movemento político das características do kirchnerismo e sen o apoio dunha parte moi importante do mesmo, é probable que Cristina Fernández, quen tras oito anos de goberno goza dunha alta popularidade entre a poboación e dun liderado indiscutible sobre o seu espazo político, se manteña ao timón dunha oposición que no Congreso estará liderada por Kicillof. As declaracións recentes da presidenta en funcións, nas que anunciaba que estará “aí” para defender as conquistas e poñer en valor o labor realizado, ilusionan a un kirchnerismo que non está nada morto e soña con encher as urnas, en 2019, de papeletas que leven o seu nome.



x