Dixo o líder das Novas Xeracións do PP en Galiza (cuxo nome non lembro e non paga a pena aprender) que a emigración xuvenil é un instrumento para o “enriquecimiento personal”.

Dixo o líder das Novas Xeracións do PP en Galiza (cuxo nome non lembro e non paga a pena aprender) que a emigración xuvenil é un instrumento para o “enriquecimiento personal”. Co desapercibido que el pasaba cando estaba calado. Non vou engadir ningún calificativo, porque estamos en horario infantil e ademais non é cuestión de perder a compostura. Tampouco vou entrar a valorar o seu currículo, que con certeza será tan brillante coma o do seu antecesor, asesor de Industria da Xunta (a dedo, como corresponde) cando aínda non rematara nin a carreira, que con asesores de tanto caché é normal que a nosa industria vaia tan ben e estea a xerar tantísimos postos de traballo. 

 "Estar calado mentres esta xente atropela día tras día á intelixencia humana e á dignidade colectiva é francamente difícil"

E diredes: pero por que perdes o teu tempo, no canto de estares enriquecéndote persoalmente como corresponde á túa condición de emigrante, e caladiño como corresponde á túa condición de súbdito do Reino de España, en respostares a este impresentábel? Vaia, saiu un calificativo. Retíroo, naturalmente. Pois porque penso nos seus colegas invocando á maioría silenciosa, esa que sae das tumbas do silenzo un domingo de cando en cando cunha papeleta no peto, e dánme arrepíos. É tan macabro. Non formo parte dela e non quero que ma endilguen. 

E porque realmente estar calado mentres esta xente atropela día tras día á intelixencia humana e á dignidade colectiva (e algunha que outra moto da policía, que unha lideresa sempre leva présa e ben podían seguir a falar na súa casa, como é habitual) é francamente difícil. É que nin tomando unha relaxing cup of café con leche. Nin sequer invocando á Virxe do Rocío para que, xa que non me deu traballo como era o seu deber, me dea paciencia, ou polo menos un protector estomacal. Así que algo teño que dicir, porque eu pertenzo á (de momento) minoría silenciada, e estou até os mesmísimos de que esta xentuza me tome por idiota.

Teño, primeiro, que preguntarme o que nos preguntamos todos: se a emigración, e sobre todo a xuvenil, é tan fantástica, tan emocionante, tan chic e tan enriquecedora, por que non emigran eles? Vaia preguntas. Pois porque eles, no Partido Popular, o enriquecemento persoal acádano, como todo o mundo sabe e como é natural, por outras vías. E ese enriquecemento mola moito máis. 

E tamén me pregunto: deixarán de saír bocazas indocumentados algún día do bolso de Mary Poppins do Partido Popular? Porque francamente, iso de que os mesmos que te empurran á emigración se pitorreen con tanto salero da túa situación é para amargarlle a un o día. E se estou amargado, como todo o mundo sabe, non poido enriquecerme como é debido. Menos mal que, en momentos de desacougo, poido pensar no verdadeiramente marabilloso da emigración: non ter que manter cos meus impostos a esta panda de chupópteros postfranquistas. 



x