Esta é unha frase sacada dunha moción presentada polo grupo Cidadáns no Rexistro do Concello de Ferrol

Esta é unha frase sacada dunha moción presentada polo grupo Cidadáns no Rexistro do Concello de Ferrol na súa aposta actual de agresión desenfreada á lingua galega. Seguramente que se algún grupo presentase unha moción con erros similares a estes en castelán sería noticia de portada de medios locais e universais. 

Pois non contentos con intentar derrogar a Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol estes señores Ciudadanos continúan a torturarnos coas súas mocións presentadas nunha pretendida versión bilingüe. Na opción do galego podemos atopar palabras como faciendo, servicizos, concernintes, aunque fora, hata, dende fai años; e moitas outras destrucións lingüísticas similares.

Non sei se vos sorprenden ou non estes feitos, porque é difícil coñecer ata que punto cada quen de nós está exposto no debate televisivo de mentiras e inventos destes partidos chamados emerxentes. É tan forte a aparataxe  mediática que nos rodea, que se cadra pensamos que son respeituosos coa diversidade e coas identidades e culturas que conforman o Estado. Ou polo menos iso pretenden no seu aparencial e inconsistente discurso da igualdade ou nas súas tamén aparentes webs en Internet onde atoparás continuamente a expresión: Próximamente en gallego, próximamente en catalán, ...

Tampouco podemos agardar moito dunha organización política que leva implícita no seu nome a discriminación cara todas aquelas persoas que non teñen os seus dereitos adquiridos por non seren cidadáns

Tampouco podemos agardar moito dunha organización política que leva implícita no seu nome a discriminación cara todas aquelas persoas que non teñen os seus dereitos adquiridos por non seren cidadáns, como pode ser o caso de calquera inmigrante que desexe participar do colectivo ao que chega para poderse desenvolver. Estamos a falar dun colectivo que divide ás persoas en cidadáns e non cidadáns, expresando con isto a súa clara identidade homoxeneizadora e supresora de calquera diversidade. 

Mais a realidade supera tamén a ficción cando nos sorprendemos un bo día coa noticia de que este partido quere derrogar a Ordenanza de Normalización Lingüística en Ferrol. Este colectivo pretendía derrogar contidos como os que sinalan que o idioma oficial do Concello é o galego ou que as actuacións administrativas realizadas en galego terán total validez e eficacia. Logo... se gañasen, coa súa proposta de derogación, que acontecería? xa non poderiamos falar en galego na vida administrativa do noso Concello porque non terían validez os documentos, as normas, etc?

E despois, que farán, señores Ciudadanos? Con que nova proposta nos sorprenderán? Proporán corridas de touros todos os xoves ou torturas en vivo de galego falantes? 

Que gran mágoa vivir nun mundo onde estes grupos de aparencias e hipocrisía teñen total acubillo nos medios mentres xentes que defenden o noso arrasado agro non poden asomar nin o fuciño nas televisións...

Aínda con todo e con iso eu continúo a soñar con que ante tales evidencias de engano alguén esperte do seu sono, letargo ou hipnose e que se sume con Nós por un mundo diverso e novo.