Nestas semanas vimos de vivir unha polémica inesperada na cidade de Ferrol ao redor da posible traída dos restos do ditador a un Panteón supostamente propiedade da familia Franco no Cemiterio Municipal. Unha polémica que comezou cunhas tímidas declaracións do alcalde dicindo “que a familia faga o que desexe cos restos do ditador” ata o rebulir que afortunadamente prendeu grazas ao papel do portavoz do BNG na cidade.

 

A polémica estivo servida porque todo o debate ao redor da exhumación de restos do Val dos Caídos salpicou e implicou á nosa cidade nunha afervoada disputa sobre a posible traída deses restos ao Cemiterio municipal de Catabois, uns restos que irían parar a un panteón adquirido pola familia Franco a través de privilexios propios da corrupción e da ditadura. Mais as declaracións do nacionalismo na cidade e a posterior presentación ao pleno dunha moción para expropiar a tumba familiar mudaron a perspectiva cara unha dignificación da nosa historia.

 

De feito nesta cidade téñense celebrado debates radiofónicos nos que se restaba importancia á cuestión aludindo a unha especie coñecemento visionario sobre o feito de que eses restos non virían a Ferrol. Mais o debate inevitablemente proseguiu porque desde logo que sería un escándalo que os restos de Franco viñesen para Ferrol abrigados nos privilexios dun sistema antidemocrático. Uns privilexios que foron concedidos no ano 67 baixo un réxime aínda fascista e cun alcalde tamén fascista ao cargo.

 

O certo é que este accidentado debate de verán fixo que saltase o tema ata as mesmas redes sociais para reclamar que eliminen tamén a terminoloxía fascista dos mapas e das redes que poboan o noso cotiá Internet. E o certo é que isto lembrounos os excesos dun mundo pretendidamente tecnolóxico e moderno que fai gala do descoñecemento e do desrespeito por todo o que non sexa a adoración do becerro de ouro da Internet envolto en adubos de modernidade.

 

Algunhas persoas desta cidade alegrámonos de que se poidan falar algunhas cousiñas e que aínda que sexa pola noticia espectáculo teñamos tido certa visibilidade e transcendencia nalgúns medios, esperemos que isto vaia rompendo eses limitacións que ás veces deixan sen voz moitas historias que suman para dignificar a nosa existencia como cidade, como nación e como mulleres e homes libres de pensamento e palabra.

 



x