Historia dunha escaleira é unha obra de teatro de Antonio Buero Vallejo estreada no Teatro Español de Madrid o 14 de outubro de 1949. Nela analízase a sociedade española, con todas as súas mentiras, a través da veciñanza dunha escaleira. É un drama en tres actos en lingua castelá e con diálogos fluídos.

Porén, Historia dunha escaleira é tamén unha obra de teatro eleitoral estreada nas escaleiras do concello de Ferrol o 10 de maio de 2019 co inicio da Campaña das Municipais. Nela analízase un arco da vella de organizacións políticas, con todos os seus enganos, a través da foto dunha escaleira. É tamén un drama en tres actos: precampaña, campaña e poscampaña, maiormente en lingua castelá -incluso na semana das Letras Galegas- e con diálogo de ollomoles formateado polos señores de Sabón en rotativa bávara.

Convocados pola Voz de Arteixo (en bilingüe articulación, eis, xionllo, a forza de axionllarse e apodrecerse que dicía o poeta) a figurar nunha foto colectiva de alcaldabeis, as once organizacións políticas presentáronse ás portas do concello. Nove dos once eran homes, só dúas eramos mulleres. Patricia Castro, cabeza de lista da organización Vox e máis quen isto suscreve.

Como cabeza de lista da organización decrecentista e ecofeminista LiGanDo, negueime a figurar nunha foto cunha muller dunha organización ultranacionalista que non respecta os dereitos das mulleres, do colectivo LGBT, dos inmigrantes, os meus dereitos lingüísticos e territoriais nin os Dereitos Humanos. Así llelo comuniquei aos nove homes alcaldabeis que alí figuraban, nos banzos da escaleira do concello, dispostos xa a se retratar, como aparecen na foto, coa muller de Vox.

Con esa nosa decisión, a de LiGanDo, de facer de cordón sanitario ao fascismo en Ferrol, puxemos aos nove homes nunha disxuntiva, nunha encrucillada fundamental que logo foille agochada á maioría dos eleitores: ou se retrataban coa muller de Vox ou se retrataban comigo, eis, ou coa muller ultranacionalista española ou coa muller ecofeminista galega.

O camiño que os nove homes tomaron fica na foto da portada dese xornal do venres, 10 de maio. Portada que será exemplo nas escolas de xornalismo ao tratar o concepto de manipulación informativa. Pois o titular a pé de foto era: “Estos son los aspirantes a gobernar Ferrol” deixando, nunha xogada mestra, ao ecofeminismo antifascista fóra do proceso eleitoral ás Municipais do 26M.

Como feminista, non me pasmou que os políticos de dereitas ficaran alí para branquexar a unha muller ultra con verniz democrático. Pola contra, pasmoume e moito, contemplar como aqueles homes que se din de esquerdas, nacionalistas ou non, aqueles homes que saen a gardar un minuto de silenzo naquela mesma escaleira cada día que asasinan a unha muller por violencia de xénero, escolleron, nun silenzo abourador, a foto da ignominia.

Mais non foi iso o máis deprimente dunha campaña teledirixida e encorsetada en formatos cronometrados e ríxidos onde os temas das mulleres, das persoas vulnerabeis, da política social, do medio ambiente, do mundo dos coidados... ficaban excluídos de calquera debate. O máis desalentador para min foi asistir ao silenzo  abourador de todas esas feministas que enchen as rúas de lila o 8M. Onde estaban todas elas cando os seus representantes políticos homes elixiron saír na foto coa muller de Vox?. Onde estaban, maiormente, aquelas que dicían estar ate a cona por todas as marquesiñas do país, naquel feminismo-pontón tan bioloxicista como rachador?. Que é o que bourea o seu silenzo perante a foto das escaleiras? Sumisión ao macho-alfa patriarcal para poder chegar un día a crebar este teito de cristal? Sumisión a un sistema de valores que xa escomeza a igualar ás femias-alfa?.Por que ese nacionalismo que di abandeirar a esquerda só é quen de falar de feminismo e de ecoloxismo fóra das campañas? Terá medo a perder votos ou poder?.Por que agocha os valores da colaboración e a defensa do territorio cando suflan aires eleitorais?.

Como foi desalentador que todos aqueles que andan berrando polas redes e manifas e reclamando o Pazo de Meirás non tiveran escrúpulos en que o seu representante político figure, para a historia na foto da escaleira. Sempre pensei que é ben triste defender unha postura política só cando es ti ou o teu grupo quen a lidera. Triste, si, ben triste, mais clarificador.

Algún das escaleiras aínda ousa analizar o 27M, o día despois, falando de simplificación do kaos e atomización previa, e incluso permítese facer de víctima dos medios que o privilexiaron en precampaña  (por exemplo, consentíndolle deixar nas farolas a publicidade das Xerais) e en campaña, cun tratamento que xa quixera para si esta que suscreve. Ao que parece, o señor de Sabón arrasta moito servidume!.

Vox acadou en Ferrol o 1% dos votos, o mesmo que en Amurrio, a cidade natal de Abascal. Moito máis ca nós, os decrecentistas, ecofeministas e arredistas de LiGanDo. Parabenizo aos retratados na foto da escaleira porque refrendaron simbolicamente o simulacro democrático de quen non o é.

Malia todo, para min foi un orgullo liderar como muller a única organización decrecentista, ecofeminista e arredista que se ten presentado ás Municipais en Ferrol. Unha organización que con escasos recursos económicos, o silenzo ou a manipulación dalgúns medios e a novidade dun discurso que nos enfronta aos problemas fundamentais do planeta e á nosa responsabilidade local nos mesmos, foi quen de mobilizar a unha minoría de persoas que acreditaron en nós e no noso afouto programa.

A todos eles, obrigada!. No camiño atoparémonos. Porque son persoas como eles os que nos dan azos nun mundo onde só se vai de feminista o 8M ou de ecoloxista o 5X. Un mundo onde a mudanza climática, a industria alimentar ou a insolidariedade norde-sur están debidamente arredadas das páxinas centrais de economía dos xornais.

E a ti que me dis que a política nada ten a ver coa ética, dígoche que así nos vai.