Anda polas rúas un autocarro dun lobie espiritoso que se fai oir acolléndose á liberdade de expresión como dereito básico constitucional. Un autocarro fletado por quen defenden unha sexualidade e identidade de xénero fundada naqueles escuros séculos dos cintos de castidade e as probas de fidelidade e vasalaxe. Un autocarro de nacionalcatólicos ultras subvencionados con diñeiros públicos, que o mesmo abanean unha bandeira nun estadio de futebol que conseguen concertos educativos, de saúde e benestar social para seguir inoculando a intolerancia e a violencia nas seguintes xeracións. En nome da liberdade de expresión (pasma que a reclamen xustamente os herdeiros dos que a conculcaron a forza de golpe de Estado, guerra civil e ditadura) reducen a identidade das persoas aos polos dunha pila, positivo, negativo e neutro, que supoño que serán os eclesiásticos polo voto de celibato. Que non te enganen. Os nenos teñen pénis e as nenas teñen vulva, din.  Bioloxicismo simplón chegado do rancio franquismo que é un batacazo para os colectivos LGBT (Lesbianas, Gays, Bisexuais e Transexuais) nun momento histórico en que se empeza a abrir unha pequena xanela da galería da liberdade de poder ser livremente quen unha é sen medos. Sobre todo, sen medo aos acosos que levan ao inferno ou ao suicidio a moitos adolescentes e mozos. E nen sequer son bioloxicistas consecuentes os que se fan oír porque se a identidade dos nenos está no pénis, miñaxoias!, a das nenas debería estar, canda menos, no clítoris. Mais os órganos que non xeran e só dan placer non contan para a súa ideoloxía de pecado e culpa, sementadoras do medo ancestral.

Se a identidade dos nenos está no pénis, miñaxoias!, a das nenas debería estar, canda menos, no clítoris

O medo ancestral é tambén o que anda a sementar a trindade do lexislativo-executivo-xudicial acubillada nese código penal reformado desde Aznar que, driblando a liberdade de expresión, base de toda democracia, anda a cultivar a autocensura e a represión polos xornais e as redes sociais do país. Esta vez tocoulle a Cassandra, unha moza estudante de historia por colgar chistes sobre Carrero Blanco que a fan culpábel dun delito de humillación ás vítimas do terrorismo. O aberrante deste caso non é só a dura condena (un ano de cadea e sete de inhabilitación) nen só o trato vexatorio do tribunal ao se dirixir a ela como un mozo cando ela ten identidade de muller, pois é transexual. O máis aberrante polas consecuencias futuras é que sentará precedentes e servirá de escarmento a futuros cibernautas e fará recuar a moitas persoas que quererían poder amosar livremente a súa identidade de xénero. Cada día é máis caroso navegar polas redes e polos mares porque a piratería, nuns e noutros non está no que leva a etiqueta senón en que lla pon.
 
Mais pode un chiste ser humillante? Xa sen tocar a figura de Carrero Blanco e a operación Ogro. Depende para quen. Mais é delito? Non. O humor é un xogo da mente crítica e intelixente que esperta a imaxinación e a intelixencia dos máis. Temos casos a esgalla, desde Salman Rushdie e os versos satánicos pasando polo títeres de Madrid, o cómico Leo Bassi (ao que prohibira actuar o concello compostelán dos populares) ou toda a historia da censura franquista, tan pouco aireada como os represaliados de Franco.

Mais pode un chiste ser humillante? Xa sen tocar a figura de Carrero Blanco e a operación Ogro

O caso Cassandra non é nen será o único. Temos moi recente ese mozo condenado a tres anos e medio de cadea por inxurias ao Rei. Nun momento histórico crucial onde acaba de rematar, nun polígono industrial, un xuízo escandaloso onde o inculpado e a absolta, ambos os dous pertencentes á Casa Real, viven alegremente nun paraíso fiscal e ainda ameazan con denunciar a revistas de humor como El Jueves...
 
Na mitoloxía grega, Casandra era unha profetisa. A filla de Priamo, o rei de Troia (si, a do sonado cavalo con guerreiros infiltrados no seu ventre). Na guerra, Egisto foi o vencedor e a cabeza de Casandra rolou polo chan e tambén a dos seus fillos mellizos, Telédamo e Pélope. Foi Pélope quen lle deu nome ao Peloponeso, que significa a illa de Pélope e alí erixiu o primeiro templo a Hermes, o deus dos camiños, dos viaxeiros e da sabiduría.

Casandra recibira o don da profecía nada menos que de Apolo mais este, ao lle dar un beixo, cuspiulle na boca asegurándose así que ninguén crera nunca o que ela profetizara.

Mais eu acredito en que a cabeza de Cassandra, como a doutra a do Mariscal, non rolará en vao. E Cassandra profetizará o fin dos tempos da represión e o reinado da liberdade de expresión. Porque eu tambén son Cassandra!