No que toca ao medio ambiente, as actuais polìticas crecentistas só poden celebrar EcoFashion Shows. Desfiles de moda para vernizar de verde a Consellaría de Medio Ambiente e a Sogama e arrecender o ar ferrolán do fedor dun saneamento da ría escurantista e caloteiro. 

Das tres R, biblia do credo ecoloxista, Reduzir, Reutilizar e Reciclar, ninguén parece lembrar que teñan unha orde de prioridade. Reduzir é o esencial porque minimiza a pegada de cadaquén no ecosistema e porque consumir en exceso rouba felicidade e tempo. Reutilizar tralo consumo deixa menos pegada do que Reciclar que sempre ha ser o derradeiro R.  O lema da campaña 'Oportunidades Galicia: separemos ben, reciclemos mellor' céntrase na consabida receta de lle amosar ás xentes, ano tras ano, como arredar o lixo e depositalo nos catro contedores. Mais ese nível tan elemental xa dominan as crianzas. Chamarlle a iso concienciar da xestión dos residuos municipais é unha aldraxe a cidadanía. E fai acalmar as conciencias consumistas sen pasar polas outras R prioritarias.

Queridísimos governantes, todos sabemos separar e depositar. Mais iso non asegura que todos o fagamos. O primeiro que non xestiona axeitadamente os residuos, e os máis contaminantes, que son os industriais, son as propias empresas en connivencia cos governos que llelo consenten. A ría de Ferrol recebe gratuitamente residuos industriais e humanos que non sabemos cómo van ser tratados nesa estación depuradora privatizada e nese entramado de tanques de tormentas obsoletos desde o ponto de vista ecolóxico. Por outra banda, a xestión dos residuos de Sogama é tan transparente como a súa recollida e transporte. A consellaría de Educación, do Mar, de Medio Ambiente, cando mellor política ambiental fan, é cando non fan ren. O comercio das grandes superficies potencia o despilfarro planetario abrindo o mercado de produtos non locais coa pegada ecolóxica e explotadora que iso conleva, cos parabéns de todos os governos ecofashion. Só as toalliñas de wc están causando unha catástrofe silenciosa no saneamento dos mares. A contaminación que arrastra o negocio do 'aseo' é un tabú que nengunha campaña de educación ambiental quere asumir. A teima por empregar sobreembalaxes e plásticos está criando un continente de plástico no océano. 

A consellaría de Educación, do Mar, de Medio Ambiente, cando mellor política ambiental fan, é cando non fan ren

 

Cada ano o Día do Exceso da Terra é mais temperán. Cada vez esgotamos máis cedo os recursos da Terra para o ano. De tal xeito que de seguirmos con este ritmo de consumo, necesitaremos 1,6 planetas como a Terra para satisfazer as nosas demandas. 

Perante esta situación abraiante os governos danse a comemoracións ridículas que só espellan a falla de políticas ecolóxicas serias nos seus programas. E aí están todos os partidos da esquerda á dereita do arco electoral. 

De seguirmos con este ritmo de consumo, necesitaremos 1,6 planetas como a Terra para satisfazer as nosas demandas

 

Ollando o panorama político, somentes há dous partidos que se declaren abertamente decrescentistas: O Partido da Terra e LiGanDo.

Moita é a xente que coidará que o decrescentismo empobrecerá a sua vida e lle roubará tempo livre ou de lecer. Porén é o crescentismo coa sua compulsión por producir en exceso e fomentar o consumismo o que nos enreda nunha vida de escravos que viven para traballar e traballan para consumir infinidade de cousas superfluas. Persoas que tardan máis en se desprazar a impartir unha docencia do que dura esta. 

Kim Payne fala dos catro excesos da educación moderna: demasiadas cousas, demasiadas opcións, demasiada información e demasiada velocidade. Os catro excesos son potenciados por un sistema que se centra en engrosar o Capital duns poucos coa depredación dos recursos enerxéticos, minerais...planetarios. 

Deste sistema económico depredador é do que temos que falar no día do medio ambiente. Precisamente a Rede Galega de Decrescemento organiza unha charla aberta o vindeiro 14 de xuño no Ateneo Ferrolán. 

A Rede Galega de Decrescemento organiza unha charla aberta o vindeiro 14 de xuño no Ateneo Ferrolán

 

Así que mentres os persoeiros da política e a cultura oficial andan a montar shows verdes e os educadores ambientais seguen no paro, temos que ser a comunidade autoorganizada quen mude o xeito de vivir e transite cara outro mundo mais respetuoso coa vida, relocalizando coa economía de proximidade, recuperando os saberes tradicionais, educando nos valores cooperativos e tecendo as redes comunitarias. E seremos mais felizes porque teremos mais tempo de noso a par de nós.