Ai, o ele, esa letra estremeira, conflitiva, que esperta tanto o amor como a birra. Esa amósega de inexperiencia que se desprende da xanela traseira do carro e morre todo o ano nunha longa agonía na grella vehicular para evitar as agresións innecesarias dos doutos condutores. Esa letra que no Arde Lucus muda en cincuenta nun sensentido imperial de cuadriga bimilenaria alleada que morre por se disfrazar de triunfal invasor antes do que galego submetido.

O ele, esa undécima letra do alfabeto galego que no portugués pasa a décima segunda desocupando o duplo ele do que o luso carece e no que o iluso abonda, século tras século, con lei Paz Andrade ou sen ela. Ese ele liorteiro do ex- alcalde socialistavaticanista da cidade herculina. Ese ele con que os cativos pretenden intimidar disparando o furabolos meseteiro coa postura en ele do polegar, nese feitío universal semellante ao dos cans nas sombras chinesas. Ese ele con que os chineses substitúen ese caroso son erre tan alleo á súa lingua e que serve de chacota a tanto xenófobo esmiolado. Ese ele lateral, alveolar, sonoro en luita co lateral, palatal, sonoro. Ese ele que ten o ponto de articulación nos alvéolos dos incisivos superiores. Si, xustamente aí, nese oco das mandíbulas onde están insertados os dentes. O lugar das manxadoiras por onde as bestas rumian nos prados alleos ou onde dan en se allear nos propios. Saben pronunciar gallina mais non sortella de alicornio. Ese l que se perverte en ll e ese ll que baila a jota.

Ese ele que abrevia e abreva litros de historia invisíbel que a lingua, nun só fonema, é quen de espellar. Ese alveolar autoodio que fai xurdir unha estrela de Galicia palatal tan dupla como temesiña e facela fluír polo mundo vestida de rubia gallega de astigmática ollada dupla que non distingue as limias entre unha lingua perfumada e unha auga de colonia.

Ese vergoñento ele duplo da expresión: Es que es muy galleguiño! Dito por un galego. 

Esta nazón alveolada, esta pequena cavidade escura que se empresta un ano máis no ritual dun Día da Patria. Este oco das mandíbulas onde están insertados os dentes do imperio español sen que manifestemos a máis incipiente dor, xenreira ou revolta. Esta nazón co ele de novato na condución do seu propio destino. Este vedraño reino suevo que se duplica para non ser lh, seguindo os mandados centralistas. Que segue a lle dar as costas ao seu pasado común do alén Miño. Esta Galiza que non sabe que foi nai de Portugal cando era Mesta a Meseta. 

Este nacionalismo íspido e pisamainiño. Ese acalado independentismo nos alvéolos composteláns.

Ai, si. Un ano máis co ele deitado na grella do carro plurinacional recentemente aprobados pola autoescola Leviatán e arrolados pola biblia dos conversos!.