Eu ainda non atinxo a ver por que non somos todos emprendedores ou incluso empresarios.

Endexamais foi tan doado! O único problemático é superar a burocracia de papeleos e asesoramento. O de menos é o interese do produto ou servizo a ofertar. Eis, que ves que há demanda de oferta de actividades deportivas ou de lecer, pois buscas un nome feituco que empece por ser, se ofertas servizos. Servimus se é de xogos de mesa ou de masas. Serviball se é de xogos de pelota (ball) en inglés que sempre reviste seriedade. Serviglobo se é unha empresa de monitores para festas de nenos desanimados. Serviñán se a empresa está especializada en master chef de comida veloz ou de ñandús (non se descarta que algún chef da capital poña de moda a súa carne). Serviservo se a empresa se especializa en traballadores con servodirección asistida para unha condución sindical máis suave. 

Se queres esparexer o mercado a máis concellos ou provincias con cobiza de ser negocio emerxente en tempo de seca, pois xa te dotas dun nome máis xenérico que bautizando a empresa coas siglas da oferta teña tambèn un senso bucólico-pastoril que convide á acreditar na bondade rousseauniana, como por exemplo, empresa Pampa, ou sexa, Plantel de actividades monitorizadas para adultos. Ou para modas orientalizantes, Mantra, Monitores de actividades tuteladas recreativas adaptadas.

Unha vez rexistrado o nome, todo vai sobre rodas. Bótaste a pedir curriculums polas redes sociais, faste ver polos concellos, asociacións, obra "social" de bancos e demais centros de decisión... e arríscaste coa oferta de xestión máis barata para acaparar mercado. 

Bótaste a pedir curriculums polas redes sociais, faste ver polos concellos, asociacións, obra "social" de bancos e demais centros de decisión...

Contratar persoal especializado é sinxelo e rápido. Marcas ti as condicións do contrato, horario e salario por hora. Sabendo que cada ano vas abaixalo algo en relación inversamente proporcional á subida do IPC. E veña para diante cunha empresa punta con futuro asegurado! Hoxe non emprende quen non quere!

Mais vós diredes, si, pero para ser emprendedor ou empresario há que facer unha gran inversión inicial. E non! Iso era antes das tecnoloxías, que nos viñeron liberar do traballo! Agora os traballadores (aínda os parados de longa duración) teñen wifi, correo-e, móvil, ordenador, impresora con escáner...e grazas a iso as empresas xa non necesitan gastar patacón en ningunha oficina. As empresas están todas na nube, sen sede física, como o Vaticano. Non há desembolso. Todo son ganancias. Porque as empresas modernas teñen a oficina na casa dos traballadores! Eles son os que pagan a luz, a wifi, o ordenador e até os cartuchos de tinta. Cando chegan a casa despois dunha cada vez máis longa xornada laboral, abren seus emails para asinar contratos, finiquitos, follas de asistencia á actividade, incidencias, cubrir test, imprimir nóminas, enviar curriculums actualizados, programacións, parte de incidencias...e se o traballador ten a sorte de ser pluriempregado por horas para distintas empresas pode que lle quede algo de tempo para durmir e algo de cartos para pagar a oficina con que mantén á empresa do seu xefe para que este non o despida.

Marcas ti as condicións do contrato, horario e salario por hora. Sabendo que cada ano vas abaixalo algo en relación inversamente proporcional á subida do IPC

E como todo son avantaxes a empresa sempre quedará a salvo até que chegue outra empresa que aínda tire máis os salarios.

E así até a eternidade ou até que todos nos fagamos empresarios e pechemos por falta de man de obra.