Disque os lobos van en manadas. Disque algúns machos da especie humana tambén. Disque as manadas conteñen entre dous e seis lobos, e anque os humanos digan da ferocidade dos lobos nouturnos, estes endexamais serían quen de fazer o que eses cinco lle fixeron a esa moza nos Sanfermíns. Porque os lobos gozan dun ánima, son animais, eis, sensibeis. Capaces de empatizar. E aos lobos andamos a os extinguir mentres as manadas de humanos depredadores que, con premeditación e aleivosía van á caza dunha moza para abusar dela e violala entre todos mentres o gravan para amosalo como unha peza de caza, van en aumento.

Négome a lle chamar manada a eses cinco especímenes cuxo único obxecto na vida é gozar co sufrimento e a dominación. A covardía non é propia de lobos, animais nobres e sociais que adoitan só pelexar ritualmente pola supervivencia ligada ao territorio.

Só unha especie destrutiva como a humana pode chegar a crueldades inconcebibeis en calquera manada animal como é unha cruel, premeditada e exhibicionista violación colectiva. Só un tribunal humano pode emitir unha sentenza máis despiadada e non apreciar violencia ou intimidación nos feitos que nos ocupan.

Só unha especie destrutiva como a humana pode chegar a crueldades inconcebibeis en calquera manada animal como é unha cruel, premeditada e exhibicionista violación colectiva

 

A mensaxe ás mulleres é nidia. Se andamos soas, se non somos dun home, somos de todos e estamos ao seu dispor como escravas e/ou obxectos sexuais. A vella sentenza da sagrada misoxinia no simbolismo dunha festa touril demarcando unha patria. O sangue como amósega de dominio, a ignorancia como bandeira, a crueldade como pracer de machos que se autoerotizan en manadas a través da sumisión imposta polo terror e a exhibición da vileza burda e humillante.

Mais o máis abraiante é que a toga vexa os fermosos lobos, capaces de oulear de amor nas noites invernais, como animais despiadados e a estes cinco só como culpábeis dun abuso que non chega a agresión nen intimidación.