Cidade en estrépito é o xeito en que Méndez Ferrín deu en definir a vertixe da transformación urbana de Vigo na segunda metade do pasado século, fronte ao calificativo de cidade en bisbarra co que Otero Pedraio salientava a importancia que para esta cidade teñen cadansúas vinte parroquias.

É curioso que a vertixe poida se referir a ese estado mórbido no que se ten a sensación de falta de equilibrio e no que todos os obxectos parecen xirar á nosa volta. Mais tambén  que aluda, a un tempo, á tontura ou perturbación mental.

Contúrbame que os irmaos portugueses empreguen a palavra estrépito ou estrondo para se referir á runfadela, a esa ostentación ou a ese se gabar de riquezas, de actos ou de cualidades proprias.

Tómolle emprestado a Ferrín esa comparanza de cidade en estrépito e desa vertixe de crecimento acelerado acaxomado ao desenrolismo franquista para llo apoñer a esa patria nomeada, abusivamente, España, cando mellor fora, atendendo á xustiza histórica, lle chamar Castela.

Tómolle emprestado a Ferrín esa comparanza de cidade en estrépito e desa vertixe de crecimento acelerado

 

O porqué desta comparanza espéllase nidiamente na trazabilidade da marca España. Se a trazabilidade animal, no sector agroalimentario, é a capacidade de rastrexar un alimento a través de todas as etapas de produción, elaboración e distribución que forman a cadea alimentaria, entón o Codex Alimentarius español ten máis traza de fotuere ca de  foedus, eis de amolar políticamente ca de pacto entre iguais, que iso sería o federalismo nun Estado Plurinacional. E non se pode federar máis que nazóns preexistentes. Detalle que sempre esquecen os que ondean a bandeira republicana española. Porque ese ente chamado España construiuse, trastamáricamente, con moito fotuere e pouco ou nengún foedus. Galiza foi a grande prexudicada na trazabilidade da marca España. Ao se retirar Portugal trala batalla de Toro (sempre o touro contra a vaca) e o tratado de Alcaçovas, Castela inicia unha guerra contra Galiza que durará trece longos anos nos que desaparecen todas as nosas institucións xurídicas, a lingua dos documentos, sumétese a igrexa a Valladolid e isólannos de Braga. O Miño muda de río partillado a férrea fronteira entre os que eramos galegos do norde e galegos do sur. Descabezada a nosa nobreza, chamados os vinte dous treidores da Frouxeira, Galiza perde até a representación nas cortes do reino de España, humillada até o ponto de ter que ser Zamora quen a represente. Esa foi a vertixe, a morbideza da marca España coas nazóns colonizadas da península, sen foedus posivel entre sumetidos ao Imperio da doma e castración. Fumos os galegos as cobaias de ensaio para a escravatura dos povos de alénmar. Desde os Trastámara até os escravos da coroa levados á colonia de Cuba por un outro Feijóo, e denunciado nas Cortes por aquel esquecido e egrexio coruñés que foi Ramón de la Sagra.

Galiza perde até a representación nas cortes do reino de España, humillada até o ponto de ter que ser Zamora quen a represente

 

A trazabilidade desa marca España sempre foi a do sometemento e aniquilación de todos os reinos apropiados pola coroa de Castela, tanto os de dentro da península como os das colonias de ultramar. Por iso, causa pasmo, pavor, carraxe... ver os unitaristas españois, que non son máis que os imperialistas castelás doutrora, ondear ao vento esas bandeiras franquistas e coroadas en nome da democracia e contra o separatismo e o dereito á autodeterminación dos povos asimilados. Nen Filipe II tiña tanta fachenda! Porque aínda governando toda a península, remata no seu testamento, asinando somentes como rei de Castela. Porén hoxe eses unionistas mórbidos, de vertixe en estrépito, tal como ese crecentismo olívico especulativo, son a encher a boca de leis e constitucionalismos herdados dun pasado reseso e violento, de mitos enchidos de toxinas fraudulentas desa Castela onte e hoxe dominadora que agocha canto ignora, que dicía o poeta.  

Para que se consiga o efecto sen que se note o coidado. Ese unionismo de hoxe que voa en Ave a Catalunya con bandeiras non republicanas é o mesmo que o que conquistou a ilexítima Isabel contra a herdeira Xoana. Hordas de trastámaras contra os dereitos lexítimos dos povos desfilando pola Diagonal da historia fanada. O unionismo da espada e a cruz, o da apropiación do nome Hispania que só o reino de Castela abusou e abusa en o usar de xeito privativo. E non deixa de ser chacota histórica que o nome de hespañois fora o nome que os cataláns recebían en Italia cando a expansión marítima mediterránea. E que na Italia renacentista, lingua española fora o nome que se empregava para a lingua catalá.

A trazabilidade desa marca España sempre foi a do sometendo e aniquilación de todos os reinos apropiados pola coroa de Castela

 

Algún día non moi lonxano a UE obrigará a levar un rexistro de trazabilidade da historia dos povos rastrexando pesticidas imperiais trasnoitados e aditivos sospeitosos de danar a saúde e a soberanía dos territorios, desbotando todos eses discursos crescentistas de cidade en xigantismo, de Estado intolerante en fascio que disimula, baixo discursos á corda dos intelectuais afíns, a apropiación indebida das terras, dos recursos naturais, culturais, lingüísticos e humanos que conforman os povos e os mutan nunha morea de individuos sen terra, sen raíz, sen identidade para encher seus barcos dunha nova escravatura.

Ás grandes trasnacionais que crean os tratados internacionais á súa medida, os TTIP, os CETA, amólanlles eses povos románticos e inxenuos que luitan polo dereito a se governar como o fixeron no pasado. Porque a diversidade de povos, culturas e linguas, é un garante da supervivencia e liberdade das comunidades e un atranco para a insaciável cobiza do Capital que está a esgotar os recursos enerxéticos do planeta.

(Este artigo inspiroumo Francisco Sampedro, galego do norte, filósofo coruñés e melómano sen par do sul da Galiza)