Esta ano na folga feminista do 8 M ou Día Internacional da Muller Traballadora, as fiestras e balcóns lucirán lindos mandís, ese símbolo dos Coidados como territorio reservado ás mulleres.

Hai unha ledicia histórica no feito de nos unir as mulleres para saír xuntas á rúa a reivindicar, a lle amosar ao mundo a plena luz, a sombra que agocha. Ledicia de facer aboiar todo ese tempo que escorrega polos sumidoiros da Economía Neoliberal e que non entra nos cálculos bursátiles. Ese escuro mundo das que coidan e manteñen cada día ás persoas e aos fogares e que ningunha estadística recolle.

Esa economía, enmascarada na familia burguesa, que ese PIB con que se artella o fétido lucro do éxito social, endexamais computa. Todo ese tempo que a maioría das mulleres e unha minoría de homes adican ás relacións interpersoais auténticas, ao laborioso desenvolvemento das crianzas, á atención cotiá das persoas con deficiencias físicas ou psíquicas, aos maiores que non se valen, aos enfermos, dos que a nosa sociedade se desentende.

Hai un mundo de fermosura no pendurar dos mandís nas fiestras, nos tendedeiros, como un ondear de mulleres inmigrantes que viñeran coidar das nosas miserias e feblezas. Mulleres desprazadas dos seus territorios polo noso bandullo consumista de mulleres empoderadas. Hai mandís invisibeis, cinguidoiros de homes que coidan outros homes en negro, ás ordes dunha muller con poder. Homes senegaleses ou galegos que coidan con agarimo a pesares da explotación laboral. Son sombra e tabú que ninguén visibiliza. Porque a igualdade non se esgota somentes no xénero.

Hai un mundo de fermosura no pendurar dos mandís, como se quixeramos ventilar a historia silenciada das mulleres, mais tambén a do desprezado traballo rural e artesán. Porque o mandil é parente en orixe do mantel e dos fogóns, dos ferreiros e panadeiros, do lume e da lareira... e casa ben coa alquimia, a al-khemeia ou arte negra, gardadora das esencias da vida. Cociñar nunca foi un verbo de seu até que mudou nunha arte culinaria en mans do lucro e entón os homes apontáronse a fachendear de mandil preto nos concursos de teles e gourmets. Porén, só gosta competir por ter mellor mandil, exhibir nun concurso velocidade ou novidade. Mais a casa segue a ser territorio de Vimala como na novela psicolóxica de Tagore.

En tanto a loita de xénero non vaia da man da loita de clases, penduraremos un mandil que será como a lenlla preta coa que cubrían a cabeza as mulleres que ían rezar o rosario.

 

Non é que abonde o de chamarlle mandís ou mandilóns aos homes que cociñan apoñéndolles pouca virilidade ou sumisión ás mulleres, como se facía noutros tempos, mais cociñar, fóra de o facer como profesión, segue sen ter valor social ningún e maioritariamente, cárrega das mulleres. A familia serve de escudo de choque ao Capital para roubarmonos o tempo de vida, o esforzo do noso traballo. Porque esta sociedade do Progreso enmandila ás mulleres tal como facían os gandeiros cos carneiros e os machos cabríos para que cubriran ás ovellas cando querían conseguir a concentración de parideiras. Por iso eu cismo en que vai ficar dos mandís o nove de marzo. Visibilizar, empoderar!. Escoito ao meu redor. Facer visibel, dar poder.

Eu sospeito que focar o traballo non remunerado de tantas mulleres non fai tremer a táboa de valores patriarcais. En canto a empoderar, ten unha imprecisión perigosa porque asociámolo a loitar polo poder nunha sociedade agresiva, competitiva onde todo o traballo da reprodución, dos coidados e do mantemento da vida e dos territorios non ten ningún lugar máis que no abuso de poder na sombra do sistema. Empoderar tambén empoderaron as revolucionarias francesas marchando cara a Versalles a reclamar liberdade, igualdade e fraternidade. E se na Ilustración -onde naceron os valores modernos de progreso burgués- a loita de clases non contemplava a loita de xénero, hoxe é a loita de xénero a que non parece contemplar a de clases.

Anque Friedrich Engels apoiava ás sufraxistas naquel maravilloso livro que é A orixe da familia, a propriedade privada e o Estado, toda a longa e rexa loita histórica desde Corinne Brown ate Clara Zetkin ou Rosa Luxemburg, desde Rosalía á Pardo Bazán, toda a longa e rexa loita pola igualdade vén dar a un hoxe onde certo feminismo pretende que nos contentemos con crebar o teito de cristal para entrar a pelexar en pé de igualdade por seguir mantendo este mesmo sistema de valores patriarcais. E que pasará cando consigamos crebar ese teito?. Non seremos como aquelas revolucionarias que o máis que acadaron foi ter éxito social nun mundo de homes, usando os seus mesmos valores abusivos?.

Neste intre histórico non podemos perder o norde. Nen as avoas queren ser superheroínas con fouce desbrozadora de silvas, nen as mulleres queremos ser sempre valentes, nais loitadoras, nen persoas pouco impresionabeis. Pois querer isto é devecer por exercer dun home patriarca xa que as mulleres empoderadas adoitan ter alguén -forzosamente nada empoderado- que lles resolve a elas e aos seus, todos os traballos na sombra (coidados, traballo doméstico...) que esta sociedade non valora.

Desmercantilizar a vida e os afectos é, certamente, a grande revolta feminista para mudar este sistema de valores alienante.

En tanto a loita de xénero non vaia da man da loita de clases, penduraremos un mandil que será como a lenlla preta coa que cubrían a cabeza as mulleres que ían rezar o rosario.



x