Parece que as persoas que están en política pensarán que sempre van estar na forza da vida porque sempre gobernan pensando nos fortes, para os que gozan de saúde, para os que posúen un nivel social que os fai privilexiados, para os que están no cumio das súas capacidades vitais. Parece que só pensaran e gobernaran, precisamente para aqueles que non os necesitan.

Que foi daquelas promesas do Estado do Benestar que chegaron da man dos Estados Modernos e o seu concepto de progreso? Aquelas promesas de tirarnos o servidume do Medievo para adquirir a carta de cidadanía após a Revolución Francesa?

Os obreiros e labregos fomos reconvertidos en alienados consumidores e usuarios coa complicidade dunha esquerda socialdemócrata que apoiou e apoia todas aquelas políticas que reforzan o capitalismo, como son os aumentos dos salarios máis altos entrementres se estancaban os mais baixos, á produtividade; sen se enfrontar aos medios e resultados do traballo, sen se preguntar que producimos e en que condicións laborais e que consecuencias enerxéticas e medioambientais provocan. Como moi ben apuntaba André Gorz, un dos pioneiros da ecoloxía política.

Desde o movemento internacional do Decrecemento temos claro que dispoñer dun traballo xa non é, en modo ningún, un garante de que vaiamos saír da pobreza. Agora xa podemos ter a categoría de excluído social tendo traballo. Calquera paseo polos centros comerciais basta para ver a mocidade traballando en precariedade para sobrevivir, e axudando a engordar as grandes fortunas que é o fin último do traballo asalariado. Mocidade con custosas titulacións universitarias que viven xa peor que os seus pais!

Os posicionamentos políticos que defenden o crecemento non serven para mellorar as nosas vidas, nin para redistribuir a riqueza senón que, pola contra, aumenta as desigualdades sociais. Temos que reducir o tempo de traballo para que todos poidamos traballar, mais tamén temos que reducir o tempo de consumo. Saír dos circuítos do traballo global e potenciar a economía de proximidade, o cooperativismo, e relocalizar tanto a produción como as nosas vidas.

Temos que nos rebelar, no só como cidadanía libre senón tamén como animais que defenden o seu territorio libre dos ataques das prácticas capitalistas depredadoras e contaminadoras da vida. Temos que reivindicar o noso dereito a autoxestionar a vida da nosa aldea, do noso barrio, da nosa cidade. Non queremos ser nin somos consumidores e usuarios. Negámonos a ser súbditos, á servidume das multinacionais ás que tantos políticos lles agasallan o noso territorio co mantra do solo industrial, canteiras, vertedeiros,... que está a destruír o escaso medio natural ou seminatural. Temos que entender que coas nosas condutas cotiás podemos mudar os abusos e a explotación de persoas e territorios. Temos que aprender a vérmonos como o que somos, suxeitos políticos responsábeis. Mudar o noso sistema de valores, desmercantilizar as nosas vidas. Recuperar a vida comunitaria, dos barrios e das parroquias.

Temos que loitar contra ese concepto produtivista da política municipal. Non queremos políticas que fagan de nós unha mercadoría máis que cando non funciona se desbota ou se esquece. Desde o Decrecemento temos claro que necesitamos urxentemente políticas locais centradas nas persoas e na conservación do territorio. Temos que coidar os coidados. Investir nos coidados das crianzas, maiores, enfermos, dependentes... Nunha rede de servizos sociais e preventivos forte porque todos somos vulnerábeis. E estar coidados non pode supoñer un luxo nin unha explotación dos colectivos máis desfavorecidos (mulleres, parados ou inmigrantes).

Necesitamos unha política e un facer nas Administracións que poñan no centro das xestións todas aquelas cuestións que teñen que ver co mantemento da vida. Deixar de tirar cos cartos públicos na realización de obras tan fastuosas como inútiles. Obras que só serven para encher o peto duns poucos e para desfrute das persoas que teñen resolta a súa vida.

A política local ten que resolver a vida dos máis, artellar unha cidade que se delongue no rural e un rural que se espalle pola cidade. E por iso que: Non podemos deixar que se perdan os repolos das hortas de entrada a cidade pola Porta Nova. Non deixar cementar unha Gándara de casas con hortas, nin perder as hortas da cuadrícula. Non deixar caer en eutanasia pasiva as casas mariñeiras, os barrios obreiros de Canido e Esteiro. Non deixar perder a ruralidade das parroquias asimiladas do finado concello de Serantes. Non deixar privatizar as prazas públicas con aparcadoiros privados. Non deixar o transporte público e os servizos básicos como a auga, o saneamento, a electricidade... en mans do lucro das grandes empresas. Non podemos permitir deseñar unha cidade para os automóbiles privados, sen parques nin zonas de lecer pensando en favorecer o consumo nos centros comerciais. Non podemos aceitar unha cidade onde é perigoso desprazarse en cadeira de rodas ou cun carro de crianza. Non podemos permitir padecer estradas sen beirarrúas, marquesiñas sen horarios ou a cuberto onde só se le publicidade de comida rápida ou promesas electorais, sen espazos tranquilos nos barrios onde os nenos poidan xogar e os maiores pasear con acougo. Non podemos aceitar sen mais a falta de accesos seguros a pé ás instalacións deportivas municipais. Temos que pelexar por locais autoxestionados para a mocidade. Se evitaramos todo isto teriamos un Ferrol Diferente teriamos un alcalde e un gobernar para os intereses da maioría da cidadanía de Ferrol.

E digo eu: mesmo haberá alcaldes que ao deixar seu cargo, andando os anos, cando cheguen a maiores ou cando sofran dalgunha doenza, decataranse entón, desde a súa vulnerabilidade, do mal deseñadas que foron as súas propias políticas municipais. Nefastas políticas que se agravan para as persoas con escasos ou nulos recursos vitais.

Eu quero un Ferrol Diferente, unha cidade na que se poida andar a pé ou en bici sen risco. Unha cidade onde se poida ir a un hospital, a un centro de ensino, a unha praia, ao centro de traballo, ao cine ou dun barrio a outro nun transporte público de calidade e a un prezo non abusivo. Quero un Ferrol onde os homes entendan que as mulleres temos dereito a camiñar soias sen que nos molesten con agresividades verbais e/ou físicas. Un Ferrol con amplos parques illados do ruído e o tráfico, con vexetación autóctona e amplas zonas de sombra para a calor do verán. Quero un Ferrol que contribuía a reverter a mudanza climática.

Quero un Ferrol con aseos, con fontes de auga potable (tamén deseñadas para os animais –mesmo os páxaros-) e cabinas de teléfono público repartidas pola cidade. Con parques infantís ben deseñados e protexidos sen necesidade de someter ás crianzas e maiores a unha insolación. Uns barrios autoxestionados pola veciñanza onde a mocidade teña lugares de encontro para o lecer creativo. Un Ferrol cunha boa rede municipal asistencial e sociocultural descentralizada (axuda a domicilio, comedores sociais de calidade para rendas baixas, acompañamento e socialización, casas de acollida, albergues, bancos de vivendas colaborativas e sociais...). Quero un Ferrol pensado para as persoas máis vulnerábeis porque unha cidade pensada para os mais débiles tamén é unha cidade fermosa e apta para a vida dos máis fortes. Quero un Ferrol que non estea a tragar con todo o que lle boten enriba porque non ve futuro. Quero un Ferrol afastado da autoinmolación e da autocompracencia. En definitiva quero un Ferrol diferente.