Cando en 1920 o dramaturgo checo Karel Capek estreou a obra R.U.R. (Robots Universals Rossum) disque lles quixo chamar labori, do latín labora, traballo a aqueles rudimentarios robots. Mais o seu irmao Josef suxeriulle roboti, de robota que significa literalmente traballo ou labor e figuradamente, traballo duro en checo e en moitas linguas eslavas.

Tradicionalmente, robota era o periodo de traballo que un servo devía outorgar ao seu señor, xeralmente seis meses do ano.

En 1848 proibiuse a servidume en Bohemia polo que cando Capek escreveu R.U.R, o uso do termo robota xa se espallara a varios tipos de traballo, mais o significado obsoleto servidume seguiría recoñecéndose.

A tecnoloxización da sociedade creou un novo contexto onde as cadeas da escravatura son transparentes e tan engaiolantes que somos os propios escravos quen pagamos por elas pois xa non há que remar amarrados ao duro banco dunha galera turquesa. Agora competimos por ser telescravos, levamos as argolas nas mans no canto dos nocellos. Pois é xa máis doado vivir sen dni do que sen móbil. Nel temos o cordón umbilical que nos promete a salvación do isolamento. O gran deus buscador que o ve todo e que nos abre a porta de todo desde o nacemento á morte. É unha pequena máquina que nos permite acceder a todas as demais. É a pedra filosofal, o santo grial do Capitalismo Asasino. Máis omnipresente que os deuses antigos. Un trebello fetiche que promete a satisfación dos desexos máis inconscientes. O mesmo nome de móbil no canto de mobivel ispe un animismo ancestral. Como se o móbil tivera vida propia. É a nosa cadea de ouro. A síndrome de dependencia do móbil é terribel e supón un peso tremendo nas economías familiares así como un lucro exponencial para as empresas de telefonía móbil. As nosas vidas xiran dun xeito abraiante en torno a el porque sabemos que sen el estamos esquecidos dun mundo, que xa é hoxe máis virtual que real.

É paradoxal que a telescravatura conviva coa pobreza enerxética e a tecnodependencia. Fannos crer no mito da independencia e no autoemprego para nos sustituir polas sumisas máquinas e arrastrarmonos a remar en galeras virtuais. A tecnoloxía aparva e isola. Agora a intelixencia soñada está nos smart (smart tv, smart phone, smart watch...) tecnoloxía avanzada que osma a nosa intimidade sen necesidade dun dron. Xa non precisamos intimidade pois o éxito consiste en amosar ao len unha imaxe emanada do tecnodivino como un efluvio dixital. Caída en picado de  Black Mirror ou a distopía real. Xa non precisamos ser intelixentes, para iso está o sistema operativo, só funcionar, como dizía Baudrillard en La transparencia del mal.

Que lonxe fican aqueles primeiros autómatas humanoides medievais como o autómata de lavado de mans ou aquel cavaleiro mecánico de Leonardo da Vinci.

Aquela escena do filme Sleeper, O dormilón, esa xenial sátira futurista de Woody Allen, onde o robot-empregado doméstico (que en realidade é un humano que suplanta a unha máquina)  disfruta do orgasmatrón, evidencia o camiño do pracer máis burdo, o pracer pasivo e eficiente, o hedonismo sumiso do proceso de infantilización desta civilización tecnolóxica. Ou incluso a asexualidade nunha ditadura onde as persoas son fríxidas, non teñen desexos polo que precisan as máquinas para ter orgasmos e funcionar ben no sexual.

Hoxe o orgasmatrón é un masaxeador da cabeza mais a Real Doll xa fabrica bonecos sexuais realistas, bonecos con pene biónico para nos poder relacionar cun outro pasivo. Poderiamos consideralo un onanismo asistido. Nunca tantas persoas houvo no planeta, nunca tanta capacidade de comunicación tivemos e porén, nunca tan necesitados do outro, dun outro que eslúe incluso na presencia!.

Cando Allan Poe descreve a John A.B.C Smith, aquel heroe de guerra cun corpo composto de múltiples próteses non podía sequera imaxinar os insectos cibor de DARPA capaces de transmitir información a través de sensores implantados. A meirande parte das persoas tecnolóxicas non precisamos nen de implantes. Funcionamos mellor que os insectos transmitindo información e por riba aínda pagamos por elo. Curisamente non triunfaron os robots humanoides senón os humanos robotoides. A invasión das máquinas, coa destrución masiva de emprego sen contrapartida social, foi encuberta polo xorne non-humano das mesmas. Amolaría máis que eses peaxes fáciles onde funcionamos de balde para a concesionaria dona do territorio foran androides. Certo que há ciborg que melloran as nosas vidas como os marcapasos ou os implantes cocleares que lles permiten oír ás  persoas xordas. Mais penso que o maquinismo trouxo máis perxuízos que bondades. Entre estas sitúo ese manifesto cyborg de Donna Haraway que tivo o afouto de lle plantar cara ao feminismo esencialista rexeitando os límites ríxidos e propondo unir coalicións políticas en planos de afinidades máis ca de identidades.

Malia que o ciberfeminismo desenvolve software livre para a socialización do coñecemento e do traballo colaborativo, a informática da dominación rexe hoxe o mundo. Coa diferenza respecto ao Medievo de que antes eramos escravos forzados da terra e agora somos escravos entregados dos amos cibernéticos. E posto que a mensaxe é o medio, como ben aponta Jerry Mander: o proceso de imaxes editadas que se moven rapidamente através dun cerebro humano pasivo é moi diferente á recolección activa de información, tanto de livros ou xornais como de paseos na natureza. Como resultado, as persoas poden voltarse máis pasivas, menos capaces de lidar cos matices e a complexidade, menos capaces de ler ou crear. A xente pode volverse máis parva e ter menos entendemento dos eventos do mundo mesmo nun ambiente de moita disponibilidade de información.

A aceleración da vida e tamén da información  fai que o noso sistema nervoso estea tamén, penso eu ao borde do colapso.

Anque a cibernética sexa a ciencia que estuda os fluxos de enerxía parece que é cega ao esgotamento das enerxías fosilistas e a falla de alternativas para manter este mundo orxiástico de demanda enerxética.

Mais nada há que temer cando o sistema colapse mentres o mundo mediático nos fabrique as expectativas e faga funcionar axeitadamente o noso sistema operativo nesa ilusión de presente perpetuo, condicionamento reforzado pola psicoloxía consumista da autoaxuda.

O malo vai ser se todos os cans que matan a soidade nas cidades mudan en ciborgcans como aquel abraiante can policía de Fahrenheit que se daba a cazar, en directo e desde a tv interactiva, a calquera que o Poder sinalava como delincuente. Quen sabe que farían entón os animalistas cibernéticos!.



x