Podemos as persoas relacionármonos sen esa teima polo xénero? O xenerocentrismo , nunha sociedade que reclama os dereitos dos LGBT (lesbianas, gais, transexuais/transxéneros e bisexuais) parece un concepto caduco máis propio daqueles tempos en que a reprodución era indispensavel para a subsistencia da familia ou clan. Mais nun mundo superpovoado, que sentido ten? Os xéneros son debedores de roles sociais ríxidos e hoxe, a dicir de Baumann, vivimos nun mundo líquido. 

O determinismo biolóxico segue a servir de coartada para manter a discriminación de xénero. Hai quen di que é unha cuestión hormonal -cousas da testosterona e dos estróxenos- que as mulleres sigamos ocupándonos maiormente dos coidados das persoas e do coidado do interior, das moradas, das emocións... Até as persoas, homes e mulleres, que pasan por máis igualitarios, no día a día, portamos ideias, conceptos e conductas sexistas. Esperamos comportamentos distintos segundo sexa neno ou nena. Senón por que iamos ter esa preferencia ou esa necesidade imperiosa de saber que vai ser o naipelo antes de nacer? Há anos que os estudos científicos amósannos que os tratamos de xeito diferenciado, que deixamos chorar máis ás nenas que aos nenos, por exemplo, porque temos o prexuízo de que elas son máis febles. E, de resultas dos nosos prexuízos, así as fazemos para logo nos confirmar. E os prexuízos, sobre todo cando son inconscientes, educan na desigualdade e confirman o que imos construíndo como se viñese gravado a lume nos xenes. Ao fin, se a testosterona fose a responsável, como algúns pretenden, da agresividade masculina, como se explica que os homes de sociedades non patriarcais ou con menos sentido da propiedade privada teñan comportamentos máis pacíficos?

Os prexuízos, sobre todo cando son inconscientes, educan na desigualdade e confirman o que imos construíndo como se viñese gravado a lume nos xenes

 

A violencia machista non deixa de ser un xeito de se manifestar a violencia xeral propria da cultura da dominación. E non há profesión onde mellor se enxergue que na militar. Aí é onde bate máis a esquizofrencia dos modelos de xénero, pois ás mulleres militares esíxelles ser rexas no traballo e dóciles no fogar.

Cóntao Henrietta L. Moore en Antropoloxía e feminismo, un interesante estudo sobre unha das formas de xeración de ingresos no fogar levado a cabo por Maria Mies sobre as encaixeiras indias de Narsapur, en Andhra Pradesh na década dos 70. Daquela, máis de 100.000 mulleres traballaban case como escravas na industria de fabricación de encaixes a domicilio, sen dereitos sindicais nen contratos laborais e cuns salarios ínfimos. Os encaixes exportábanse a Europa, Australia e EE.UU. Países que fachendeavan, como hoxendía, de seren sociedades igualitarias que se crían de tan alta moralidade e progreso que coa importación dos encaixes exportaban esa hipócrita axuda ao desenvolvemento. Foran curiosamente os misioneiros cristiáns quen artellaran na India a industria do encaixe no século XIX, porque, como dicía Bertrand Russell, se deus non fixese o corpo humano pecaminoso non habería que cubrir o corpo e que sería, entón, da industria algodoneira británica e deses industriais tan piadosos, sen os que, por outra parte, quizais Marx non podería contar cos ingresos de Engels para deixarnos esa xenial análise de cómo nos explota o Capital. Paradoxos da vida!

Así que os países desenvolvidos medraron a costa da explotación selvaxe das mulleres dos países colonizados como a India. Mulleres subcontratadas sobre as que recaían todos os custes de produción. Esta é a verdadeira faciana do progreso. E tambén a causa de que unha feminista burguesa pouco teña a ver cunha feminista marxista ou ecofeminista. Unha industria téxtil que lembra moito ao emporio Zara e as mulleres galegas. Como di Maria Mies, o máis curioso é que estas mulleres fan parte dunha povoción activa invisivel debido á ideoloxía dominante patriarcal que as define como amas de casa que ocupan o seu tempo livre dun xeito rendível. E, por suposto, o traballo da casa non computa como valor de cambio, sendo que tanto a exportación como a comercialización fican en mans masculinas. Aliás, a organización do sector do encaixe como industria doméstica e o tratamento de ama de casa enxérgase na específica relación que existe entre as esferas productiva e reproductora da vida económica e social. Mais tambén ten relación co crecente empobrecemento do sector agrícola campesiño que forzou as mulleres a procurar unha fonte adicional de ingresos. Ao se unir a casta coa ideoloxía cristiá de muller ama de casa entreteceuse un entramado que beneficia as relacións capitalistas do mercado e afianza as relacións de xénero existentes. Como non fazer comparación entre o éxodo rural galego e o medre do emporio téxtil tambén na Galiza?Ah, que isto non entra no día da violencia de xénero?

Os países desenvolvidos medraron a costa da explotación selvaxe das mulleres dos países colonizados como a India

 

Sería ben que cando celebramos días da violencia de xénero teñamos en conta as interrelacións entre xénero, clase e etnia. E non reduzamos todo a actitudes individualistas sen análise de clase.

No século XIX, en Gran Bretaña, ter servizo doméstico masculino tíñase por signo de elevado estatus social e os homes de etnias marxinadas traballaban no servizo doméstico. Katzman amosa como en EEUU, a fins do século XIX, en California e Washington, a meirande parte dos traballadores domésticos eran varóns chineses. Coa industrialización e menor demanda de inmigrantes, foron as mulleres quen ocuparon eses traballos. Tambén na Africa do Sul, os traballadores domésticos europeos foron sustituídos polos pretos, aínda que eran as mulleres pretas as que recibían os salarios máis baixos. Mais quen domina máis, a clase ou o xénero?

Hoxendía, cando nos falan de violencia de xénero, eses mesmos medios que a exercen a fío esquecen sempre que violencia non é só, que tambén, asasinar, bater ou violar. Violencia de xénero inclúe mercar a fío eses tecidos low cost a prezo de escravatura, aínda que sexa para engordar un filántropo. Esquecen que son as relacións de dominación da sociedade clasista quen nos aprenden e reforzan cada día esas conductas de dominación que non só se exercen de home a muller, senón tambén de adulto a neno, de etnia branca a outras etnias, de clase empresarial a clase traballadora e entre o amplo abano de xerarquías de esta.

Cando nos falan de violencia de xénero, eses mesmos medios que a exercen a fío esquecen sempre que violencia non é só, que tambén, asasinar, bater ou violar

 
Teremos de mudar o sistema de valores sociais deixando de premiar o dominio e a sumisión para non seguir creando verdugos e víctimas, nas vindeiras xeracións. Non chega só con pór nunha marcha a camisola preta.

Se cadra no tocante aos xéneros deberiamonos educar como queer, isto é, rexeitando clasificármonos con esas categorías universais fixas de varón, muller, hetero, homo, bi ou trans. Máis que nada, por evitar as limitacións que estas categorías arrastran coas súas ocultas motivacións sociopolíticas. Pois nen xénero, nen identidade nen orientación sexual, están escritos na natureza humana, senón que son froito dunha construción social intereseira focada á dominación.
 



x