Vox populi é unha expresión latina que significa coñecido por todos, eis, do dominio público. E coñecido por todos son os auxes dos fascismos na Europa. En tempos de crises inducidas polo proprio sistema capitalista botar man dos fascismos é o xogo nas democracias de moedeiro nas que nos movemos. Á subida dos fascismos dos tempos dos nazis temos que lle engadir hoxe, a falla dun modelo alternativo de sociedade dentro do Capital, isto é, do paradigma do Crecemento. A guerra pola enerxía fosilista, co petróleo e o gas, escaso e a piques de se esgotar nun mundo globalizado e dependente desas enerxías suxas, os conflictos territoriais pola apropiación dos territorios comunitarios en todo o planeta, maiormente onde abondan as materias primas coas que funcionan o mundo do derroche ilimitado e ostentoso, van seguir desprazando millóns de persoas sen que barreira algunha sexa quen de os deter porque non teñen nada a perder dende o momento en que xa llelo roubamos todo. Eis que eses memos asasinos de territorios para o lucro corporativo son os que aldraxan os nacionalismos soberanistas que só pretenden defender a terra, a cultura e o xeito de vivir das comunidades.
 

Vox populi, si, coñecido por todos é que ese partido chamado Vox, que pretende ser a voce do povo, vén de acadar unha ducia de escanos no parlamento andaluz. Cun presidente, Abascal, de sangue fascista herdada duns xens que medraron ao abeiro dunha transición intransitável pola que grande parte do que hoxe se autodenomina esquerda transitou e transita. O día despois todos son a se pasmar de que o povo andaluz, subsidiado, acorralado nun territorio que nunca foi seu, á sombra dos privilexios democráticos dos que segue gozando desde o medievo a acó o ducado de Alba, unha terra de señoritos latifundiarios ao mellor estilo de Los santos inocentes de Delibes e sen un político de esquerdas digno de tal nome que teña o afouto dun Azarías... todos son a se pasmar de que Vox, o partido xenófobo, o partido homófobo, o partido antifeminista... triunfe en apenas unha lexislatura. Sobre todo porque aínda que é coñecido por todos, non é do dominio público no sentido en que os financeiros deste partido invisten máis aí, na campaña cotiá que fan nos medios de masas do que o fan no traslado das cinsas de Franco. 

Á subida dos fascismos dos tempos dos nazis temos que lle engadir hoxe, a falla dun modelo alternativo de sociedade dentro do Capital, isto é, do paradigma do Crecemento

Eis que mentres o PSOE governa ao abeiro do Capital sen ter movido un dedo por resgatar a educación das mans das oligarquías nacionalcatólicas e o resto dos que se sitúan á esquerda (agás partidos marxinais) adícanse a fazer non máis que actos simbólicos e reivindicativos mentres se aproveitan das esmolas que deita o poder, Vox e adláteres forman elites en Deusto e inoculan no povo, hiperconectado mais iletrado, o veleno do ecofascio desde os seus muitos centros de difusión (Cope, Intereconomía, 13TV, esRadio, ABC, La Razón...) con moreas de axóuxeres e gatos ao auga que uns oídos acríticos, egoístas...que relacionan crise con democracia, están máis que dispostos ao ouvir. Mais como moi certeiramente aponta un amigo nas redes, a abstención andaluza chegou ao 40%. E se de cada 10 persoas con dereito a voto, case a metade non exerceu ese dereito, debería dar que pensar a esa esquerda que segue vendendo lanzas e escudos da fábula chinesa e outros contos nun sistema de crecemento ilimitado. Unha esquerda industrialista, obreirista que mitifica o obreiro como clase en si e desbota o de clase para si inclusive no bicentenario de Marx. Unha esquerda que non amosa moita solidariedade internacionalista cando se trata de amarrar postos de traballo a calquera prezo, que non loita dabondo pola reterritorialización e a reconstrución do tecido comunitario, alén das institucións e que vive de costas aos problemas ecolóxicos do planeta, obnubilada aínda por ese mito do Progreso analóxico, agora xa en versión dixital.

Esperemos que a Vox populi andaluza nos faga reflexionar. Sobre de todo a todos os que se autonomean de esquerdas



x