Este sábado terá lugar a XV Asemblea Nacional de Galiza Nova no Centro Xove da Almáciga de Compostela, a terceira para min, na que se analizarán os retos de futuro da organización. Chegamos a ela con multitude de debates enriba da mesa, como cal debe de ser a nosa aposta para a normativización da lingua, ou a vixencia do pensamento de Castelao na nosa práctica diaria. Mais temos tamén o convencemento de que o nacionalismo é a chave de futuro para a mocidade galega, para poder ter un emprego digno, para ser mulleres libres, para vivir nunha Galiza liberada. 

A militancia de Galiza Nova enfróntase ao reto de continuar co traballo que xa se iniciou hai 100 anos coa Asemblea Nazonalista de Lugo e que continuou en pleno franquismo cando se comezou a celebrar o Día da Patria. Recollemos esta herdanza e máis a das mozas que en xullo do 88 se xuntaron en Compostela para crear a organización xuvenil da fronte patriótica, e así achegar a loita pola liberación social e nacional á mocidade daqueles tempos. A encomenda non é pequena, tal e como estamos inmersas nos tempos da militancia líquida, onde saír á rúa defender os nosos dereitos e organizarse en colectivos sociais ou políticos xa non está de moda nin reporta moitos likes coma a militancia máis cómoda desde o sofá.

Traballar estes dous anos desde a Comisión Permanente permitiume coñecer de primeira man o funcionamento da organización, ver como é a primeira liña na política xuvenil.  Despois do camiño iniciado no cal estreitamos a relación entre as Asembleas Comarcais e a organización nacional, foron moitas horas en coche para achegarnos a toda a militancia e poder así contrastar dun xeito máis directo as nosas iniciativas. Grazas a isto, ademais de coñecer moito mellor o País, tamén permite poñerlle cara a toda esa xente que traballa desde as localidades e as comarcas para continuar expandindo o ideario nacionalista do BNG. Isto tamén supuxo escoitar todas as críticas que esta militancia puidera ter, sempre co afán de seguir mellorando a nosa capacidade de acción entre a mocidade galega. 

Saír á rúa defender os nosos dereitos e organizarse en colectivos sociais ou políticos xa non está de moda nin reporta moitos likes coma a militancia máis cómoda desde o sofá.

 

Foron dous anos de traballo intenso, coma cando chegou o bus de Hazte Oír a Compostela e fomos das primeiras en saír á rúa para enfrontarnos á súa transfobia. Ou coma organizamos as Semanas da Patria para socializar esta data entre a mocidade organizando actos en cada recuncho do País, seguidas do Festigal e as manifestacións do Día da Patria. Puxemos sobre a mesa propostas concretas para mellorar as condicións de vida da mocidade coa campaña das 50 medidas para liberar Galiza. Ou quizais con accións máis puntuais e concretas, como foi a queima do espantallo de Felipe VI, pero que mostraron claramente cal é o noso ideario. Mais quizais o traballo máis intenso de análise e debate deste período foi o propio período preasemblear, con todas as asembleas que supón e a súa organización. 

Ser militante require tempo e dedicación, implica adquirir moitísima formación, traballar arreo, aprender a escoitar e a debater coas compañeiras, e incluso, pode supoñer que as nosas amizades máis próximas ou familiares se sintan agraviadas. Pode chegar a non resultar para nada sinxelo. Máis dunha vez houbo quen me preguntou se verdadeiramente me compensaba investir tantas horas en Galiza Nova, e a resposta foi clara. Sempre compensa. Traballar man a man nun proxecto coma o do BNG, mais coa perspectiva da mocidade, loitar por aquilo no que cres, sentir que si que se pode cambiar este anaquiño do mundo no que vivimos sempre compensa. E compensa moito máis cando o fas da man de compañeiras coma as que militan nesta casa. 

O sábado en Compostela culminaremos esta tempada de intensos debates acerca de todo o que levamos feito nestes anos, de análise do panorama que nos rodea, e de propostas para continuar a loita. Porque 30 anos de loita non son nada e menos aínda sabendo todo o que está por vir. Alí estará Galiza Nova, desenvolvendo propostas para a mocidade galega.



x