O 19 de outubro celebrouse o día da concienciación sobre o cancro de mama. Durante todo este mes, aparecen grande cantidade de campañas comerciais relacionadas con esta doenza, que na maior parte das ocasións utilizan o pretexto da sensibilización social e información para facer publicidade das súas marcas. Efectivamente, calquera podería pór o lazo rosa e empatizar coa causa, a ninguén lle gusta o cancro, é unha cousa desagradábel que ninguén quere perto de si nin das persoas queridas, mais tirando obviedades, de que nos informan e conciencian estas campañas? Para que serven para alén de procurar beneficios para as empresas que o usan na súa publicidade? Vai o diñeiro que recadan a proxectos de investigación? A que proxectos? E esas empresas, nos seus ámbitos,  representan e estimulan prácticas saudábeis? Parece dubidoso, cando menos no caso das grandes marcas de cosméticos, o empregaren simultaneamente nos seus productos o lazo rosa e compostos químicos relacionados coa enfermidade en estudos clínicos. Se observamos estas campañas, non atoparemos información da orixe e causas da enfermidade, e poucas veces escoitaremos a voz de mulleres afectadas. Poderiamos pensar que con ignoralas é suficiente, mais o problema é que se procuramos información sobre o cancro de mama, sobre a doenza, tratamentos e efectos secundarios é mais doado atoparmos información sobre Zumba ou carreiras rosas contra o cancro de mama, ou onde adquirir bonitos lazos da mesma cor en diferentes produtos (camisolas, cuncas, pulseiras, accesorios para o cabelo e sobre todo moitos cosméticos, todos eles tamén de cor rosa e moi acordes coa imaxe estereotipada do feminino). Mais, como pode todo ese merchandising e o que representa axudar a alguén que está pasando por un cancro ou polo seu tratamento?

Se observamos estas campañas, non atoparemos información da orixe e causas da enfermidade, e poucas veces escoitaremos a voz de mulleres afectadas

Un día como o 19 de outubro hai lazos rosas por todas partes, mais case sempre en iniciativas publicitarias de lavado de cara que en realidade impiden que se fale seriamente do problema, mesmo contribuíndo a que o cancro de mama teña unha imaxe peculiar e edulcorada. 

Outro dos elementos perturbadores en relación co cancro (non só do de mama) é a visión que se tenta transmitir sobre ela. Dous grandes mitos repítense con frecuencia: trátase dunha enfermidade que provoca unha experiencia transformadora no paciente, que de vez parece coñecer as prioridades na súa nova vida; é unha enfemidade cuxa curación depende en grande medida dun estado de ánimo, dun carácter, dunha actitude cara ela por parte da paciente.

É especialmente esta última a que crea unha esixencia de difícil cumprimento e totalmente fóra de lugar, que pode chegar a crear moita frustración.

No tempo dos libros de autoaxuda, parece que quen non supera o cancro é porque non ten a actitude axeitada ou mesmo que enferma porque non foi tan alegre e positiva como debía

Parece lóxico pensar que, ante tratamentos tan duros e agresivos, pasar por momentos de medo, preocupación, frustración ou cansazo, poderían ser o estado de ánimo máis natural. Culpabilizar as pacientes non axuda, máis aínda cando non parece que as células vaian reaccionar de xeito diferente se o ánimo é mellor ou peor. No tempo dos libros de autoaxuda, parece que quen non supera o cancro é porque non ten a actitude axeitada ou mesmo que enferma porque non foi tan alegre e positiva como debía. 

Utilízase tamén, de forma perigosa, o cancro de mama  para reproducir estereotipos e mensaxes sobre a feminidade e o corpo femenino. Dáse por suposto na nosa sociedade (e isto chama especialmente a atención porque tamén o recollen os protocolos médicos) que a muller mastectomizada debe "recompor" o seu corpo para voltar canto antes á súa aparencia inicial e así reafirmarse nunha falsa imaxe de normalidade. Todo cargado de boas intencións e revestido dunha idea de axuda á autoaceptación, mais só con pensalo unha segunda vez parece evidente que o propósito é máis ben evitar o rexeitamento exterior dun corpo "non feminino". 

Cada quen ten dereito a sentirse como queira ou poida, mais a idea de que o corpo é defectuoso tras a mastectomía está presente

En moitas das campañas de prevención aparecen modelos con peitos perfectos (nin rastro do aspecto real dunha mastectomía), ou como moito unha muller que responde aos canons actuais coa cabeza tapada cun pano. Algúns medios de comunicación, cando falan do Proxecto Cicatriz, no que se mostran imaxes do rostro e o corpo de mulleres mastectomizadas, advirten de que as imaxes que van mostrar poden ferir a sensibilidade de lectores ou espectadores. Obviamente, cada quen ten dereito a sentirse como queira ou poida, mais a idea de que o corpo é defectuoso tras a mastectomía está presente. As operacións de reconstrución teñen o obxectivo de simular a forma e aspecto do peito, mais obviamente só é unha simulación estética. 

E coma sempre, pasa o día 19 e volvemos depender de nós mesmas, da nosa sanidade pública, cada vez máis afogada, e das asociacións que tecen redes de apoio alén do lazo rosa.