O ser humano leva facendo modificacións no seu corpo e na súa pel dende que comezou a ser quen de producir arte e pensamento abstracto, e moi axiña se decatou de que, se introducía pigmentos debaixo da epiderme, estes permanecían durante toda a vida da persoa.

Dúas momias exipcias de hai 5000 anos e un individuo conxelado do período glacial (O famoso Ötzi, o home de xeo) dispútanse o título de persoa máis antiga coñecida con tatuaxes.

As tatuaxes non son eternas e van sendo recambiadas ao longo da vida do individuo, polo que o deseño acabaría por borrarse

Por que o pigmento se mantén durante tanto tempo, durante toda a vida da persoa? Por que o organismo non o elimina, como o corpo estraño que é? Durante moito tempo pensábase que os pigmentos das tatuaxes (a tinta, na actualidade) infiltraba as células musculares ou miocitos, que permanecen de xeito bastante prolongado nos nosos músculos. Pero, aínda así, non son eternas e van sendo recambiadas ao longo da vida do individuo, polo que o deseño acabaría por borrarse.

Ademais, a tinta das tatuaxes introdúcese, por medio dunha agulla, punzón ou outro método (no caso de Ötzi, parece que fregando cinzas sobre incisións previamente practicadas na pel), moito más superficialmente, nas capas máis externas da derme.

En realidade, son as nosas células defensivas, os macrocitos, as que fan que os debuxos se manteñan na pel de xeito permanente. Os macrocitos son as células responsables da eliminación dos corpos estraños, polo que, ao inxectar a tinta, todo un exército deles acode para tratar de eliminala.

Pero en lugar disto, o que ocorre é que a célula fagocita (“come”) a tinta, e queda á súa vez coloreada con ela, permanecendo así durante todo o seu ciclo vital. Cando morre (a morte celular programada chámase apoptose), a tinta libérase e outro macrófago volve fagocitala, coloreándose á súa vez e mantendo o deseño orixinal.

A pesar da súa permanencia, as tatuaxes son en realidade un proceso extraordinariamente dinámico

Polo tanto, a pesar da súa permanencia, as tatuaxes son en realidade un proceso extraordinariamente dinámico, descuberto probablemente por casualidade polos primeiros seres humanos con capacidade simbólica e que se practicou a través de todas as épocas e culturas, dende a misteriosa dama exipcia momificada ata o camareiro do bar máis moderno da túa vila.

[Este artigo foi publicado previamente no semanario en papel Sermos Galiza número 351]