Durante a toda a historia da humanidade, a fascinación pola lúa foi unha constante. Atribuíronselle múltiples lendas, significados e poderes misteriosos en cada cultura, e non é para menos, xa que ter un corpo celeste que cambia periodicamente de aspecto visible supuña un reto á comprensión da mentalidade humana precientífica. Por outra banda, o seu influxo sobre as mareas era un feito de sobra coñecido, polo que o noso satélite parecía ter influencia no que pasaba aquí na Terra.

Dado que pode modificar o comportamento dunha enorme masa de auga, parece lóxico pensar que afecta a máis aspectos da vida no noso planeta, e posiblemente tamén nos seres humanos. Porén, os estudos científicos ao respecto evidencian resultados contrarios a esta idea. A lúa empregouse dende sempre para calcular as datas axeitadas para sementar e recoller, e atribuíuselle a capacidade de modificar o crecemento das plantas, segundo estas se sementasen nunha ou outra fase. Non existe ningún dato que referende esta crenza (e tampouco a de cortar o pelo ou as unllas) e máis ben semella que a lúa foi un moi eficaz sistema de calendarización nas sociedades agrarias, ao que se chegou a prestar unha connotación de maxia simpática (crecente = medrar).

E nos seres humanos? Ao fin e ao cabo somos auga nunha grande proporción, non si?. Pois a pesar disto, a lúa tampouco demostrou ter efecto directo nos comportamentos e ciclos humanos, salvo por unha certa relación atopada entre a fase chea da lúa e unha peor calidade de sono. Os partos non parecen aumentar coa lúa chea, moi a despeito do que sostén o coñecemento popular, e tampouco se achou relación entre os problemas mentais e as fases da lúa. Hai outros fenómenos astronómicos, como por exemplo a estacionalidade, nos que si se demostrou relación cun maior número de empeoramentos de certas patoloxías psiquiátricas (non todas) pero non nas fases lunares. A pesar de que ás persoas con trastornos mentais se lles chame “lunáticos”, non parece que o satélite teña culpa de nada.

En realidade, o enorme misterio da lúa é outro: a gravitación universal, que é o que fai que o noso satélite cree mareas, e ao mesmo tempo manteno pendurado no ceo, nun movemento de fuga espiral e perpetuo, a cada volta imperceptiblemente máis lonxe. Unha forza misteriosa, instantánea e universal, que só agora empezamos a comprender.

(Se queres afondar no tema, podes visitar a nosa serie sobre a lúa no meu blog espello.gal)