Chega oficialmente a tempada de gripes e arrefriados, e un ano máis repítense os mesmos tópicos: Collemos arrefriados polas baixas temperaturas? Deben prescribirse antibióticos? É eficaz a vacina da gripe?

En primeiro lugar, cabe sinalar que gripe e arrefriado son enfermidades diferentes, ambas as dúas provocadas por virus. No primeiro caso, o virus responsable é o virus Influenza, no segundo o Rinovirus. Ambas entidades comparten síntomas, como as secrecións nasais excesivas, os espirros e o malestar xeral, pero o arrefriado rara vez ocasiona febre alta, como si é típico da gripe.

Como enfermidades víricas que son, os antibióticos non están indicados

 

Como enfermidades víricas que son, os antibióticos non están indicados, xa que estes medicamentos actúan contra as bacterias, e son completamente inocuos para os virus. Ademais, tomalos cando non están indicados pode facer que se desenvolvan resistencias e que sexan menos eficaces cando si os precisemos. Que podemos facer entón contra gripes e catarros? Unha vez que xa os padecemos, antitérmicos como o paracetamol, auga e armarse de paciencia e panos.

Porén, si temos xeito de evitar contraelos, ou cando menos de diminuír as posibilidades de contaxio. No caso dos arrefriados, nada ten que ver con “coller frío”. Aínda que semella que as baixas temperaturas ambientais aumentan a supervivencia do virus, sufriremos a enfermidade unicamente se nos contaxiamos. Lavar as mans con frecuencia, non tocar a cara coas mans sen lavar e tratar de non estar en contacto con persoas infectadas pode diminuír as nosas posibilidades de contaxio.

As malas novas son que a gripe dura unha semana sen tratamento e con tratamento... sete días

 

No caso da gripe, existen vacinas estacionais, que se recomendan sobre todo en grupos de risco (anciáns, embarazadas, inmunodeprimidos) e en persoal sanitario. A vacina ten unha efectividade de arredor do 70-90% e cambia cada dous anos, polo elevadísimo potencial mutaxénico do virus. Os efectos secundarios (5% das persoas vacinadas) poden incluír febrícula (“décimas” de febre) e sensación de cansazo, é dicir, unha sorte de síndrome gripal atenuada e máis breve. Ademais, e moi importante, a vacina evita que funcionemos como vectores e contaxiemos a outras persoas. A sensación de escasa eficacia da vacina moitas veces vén dada pola confusión entre os síntomas gripais e catarrais, que poden facer que algunhas persoas pensen que padecen gripe aínda a pesar de recibir a vacina.

Así que as boas novas son que as medidas de prevención son seguras e baratas. As malas novas son que a gripe dura unha semana sen tratamento e con tratamento... sete días.

(Podes consultar a posición da OMS no documento: Vaccines against influenza. WHO position paper November 2012 Dispoñible on line en inglés e francés).