Unha das características do humor é a súa capacidade para subverter, criticar e cuestionar a realidade. 

Unha das características do humor é a súa capacidade para subverter, criticar e cuestionar a realidade. Na Alemaña da República de Weimar, o humor ridiculizaba a cultura oficial, a Igrexa, o militarismo ou a ignorancia da burguesía. Trala ascensión dos nazis ó poder isto foi prohibido, pois eles crían que este tipo de humor corrompía ós alemáns. 

Polos mesmos anos en Galicia tiñamos a retranca. Unha forma de humor propia das clases populares, que empregábana para cuestionar a realidade social dun país cuxas elites as explotaban economicamente e as desprezaban culturalmente. Era pois unha das armas dos débiles. Na altura, foi sen dúbida Castelao quen mellor soubo captar e sacar partido ó seu enorme potencial crítico. Grazas a ela, n'Un ollo de vidro (1922) ou en Cousas (1926-1929), conseguiu explicitar e ridiculizar as formas de dominación social e cultural dos poderosos. 

N'Un ollo de vidro (1922) ou en Cousas (1926-1929), Castelao conseguiu explicitar e ridiculizar as formas de dominación social e cultural dos poderosos. 

Trala Guerra Civil, na ditadura, o humor pasou a fomentar o conformismo social. Así, a forma de resistencia e de oposición política máis relevante entre as clases medias vilegas e urbanas foi o consabido chiste de Franco contado na sobremesa ou no bar. A "orde" retornara a Galicia e a retranca volvera ser o que sempre foi: cousa de pobres e ignorantes, de xentes incapaces de falar sequera o castelán. 

Durante o franquismo, a achega máis relevante das clases medias galegas ó humor español foi a figura de Xan das Bolas. Vivo exemplo de que en España, como en Galicia, cada un ocupaba o lugar que lle correspondía. Grazas ás súas elites, os galegos volvían a ser o que sempre foran para os españois: uns tipos simples, uns retrasados, máis, iso si, amábeis e servís, e polo mesmo, entrañábeis e desprezables a un tempo. Pola súa banda, na Galicia dos anos 50 e 60, os Piñeiros e os Celestinos Fernández de la Vega enfrontábanse á ditadura con ensaios heideggerianos sobre o humor que ninguén lía.

Nos anos 60 e 70, o humor serviu en España para afirmar a orde social e cultural das clases dominantes e alimentar o conformismo social. Foi o tempo dos Esteso, dos Pajares e demais promotores da caspa peninsular. Quizais en España isto fose novo, mais en Galicia non. 

Nos anos 60 e 70, o humor serviu en España para afirmar a orde social e cultural das clases dominantes e alimentar o conformismo social

Trala morte de Franco, nada disto mudou en Galicia. Co asentimento das súas elites políticas e sociais, programas como "Luar" seguen a vella senda do humor franquista. Seus humoristas expoñen á risa a personaxes de orixe popular, galegofalantes e, nomeadamente, mulleres. Destilan así un humor clasista, sexista, patriarcal e, porque non dicilo, colonial, sipaio. Difunden entre nós a imaxe que dos galegos crearon no seu día os españois coa inestimábel axuda das nosas elites. Un humor que nunca ridiculiza ós poderosos, ós políticos, ós empresarios, ós bispos ou ás clases medias urbanas españolizadas. Non é pois de estrañar que Luar sexa a canteira dos humoristas que hoxe pulan por ocupar o posto de Xan das Bolas en España. Humoristas que, aquí e alí, retroalimentan a imaxe negativa dos galegos. 

Mais en Galicia hai outro humor. O de Kiko Cadaval, Candido Pazó, Morris, Fernando Blanco, Miguel de Lira, Isabel Risco..., bebe da retranca. Xa que logo, é dificilmente asumíbel pola cultura oficial e o cosmopaletismo das clases medias urbanas españolizadas. Esas que diante de programas como "Vaya Semanita" (ETB-País Vasco) ou "Polonia" (TV3-Catalunya), nos se fai burla dos poderosos, non deixan de preguntarse porque nós non podemos facer algo semellante aquí. Mais á vista de como son e de como se comportan esas clases, cómpre preguntarse se de verdade lles interesa que en Galicia se difunda un humor que, como en tempos de Castelao, as amosaría como realmente son, e non como elas queren verse. 

A resposta esta esa pregunta, prezado lector, é a que explica a supervivencia de Luar na TVG e o recente éxito televisivo dos herdeiros de Xan das Bolas en España. Á fin e ó cabo, as nosas elites os necesitan para reafirmarse socialmente e seguir vivindo nesa miseria moral e cultural que lles leva a negar ó país, a súa lingua e a súa cultura.