Xa é costume que "Venezuela" se converta no pan noso de cada día nos distintos procesos de campaña electoral na nosa América e máis aló. A pregunta dos máis connotados xornalistas dos medios tradicionais de comunicación é sinxela: Para vostede Venezuela é unha ditadura?

Pero esta historia non é nova. No ano 2004 en Venezuela, baixo a atenta mirada do mundo, desenvolveuse un feito único na historia política americana: Hugo Chávez, presidente electo e en exercicio do seu mandato, colocou a súa propia investidura de Primeiro Mandatario ante a vontade do pobo para saber se era ratificado, ou non, no exercicio do seu mandato.

Esta posibilidade está expresada na Constitución do país que, para maiores datos, foi proposta polo propio presidente Chávez. Esta elección levouse a cabo no marco dun ataque incesante e incansable por parte dos actores políticos liberais capitalistas e a prensa hexemónica mundial, que vociferaban rabiosos que no noso país había unha cruenta ditadura sen parangón na rexión.

O referendo arroxou a vitoria incuestionable do Comandante Chávez e da Revolución Bolivariana e foi certificado e avalado, entre outros, pola parcializada OEA e o Centro Carter, a quen non quedou máis remedio que referirse sobre o sistema electoral venezolano como un dos mellores e máis seguros do mundo.

Galeano escribiu: "Estraño ditador este Hugo Chávez. Masoquista e suicida: creou unha Constitución que permite que o pobo o vote"

A este proceso asistiu, en calidade de observador, o pensador e intelectual Eduardo Galeano, quen escribiu as seguintes e preclaras liñas respecto diso: "Estraño ditador este Hugo Chávez. Masoquista e suicida: creou unha Constitución que permite que o pobo o vote, e arriscouse a que iso ocorrese nun referendo revogatorio que Venezuela realizou por primeira vez na historia universal".

Non houbo castigo. E esta resultou ser a oitava elección que Chávez gañou en cinco anos, cunha transparencia que xa quixese Bush para un día de festa.

Obediente á súa propia Constitución, Chávez aceptou o referendo, promovido pola oposición, e puxo o seu cargo ao dispor da xente: "Decidan vostedes".

Ata agora, os presidentes interrompían a súa xestión soamente por defunción, “cuartelazo”, “poblada” ou decisión parlamentaria. O referendo inaugurou unha forma inédita de democracia directa. Un acontecemento extraordinario: Cantos presidentes, de calquera país do mundo, se animarían a facelo? E cantos seguirían sendo presidentes despois de facelo?

A interminable letanía sobre a calidade democrática no noso país non se detivo durante dúas décadas de eleccións

A interminable letanía sobre a calidade democrática no noso país non se detivo durante dúas décadas de eleccións. É inexplicable conciliar o "falso positivo" da ditadura en Venezuela co feito real, palpable e verificable de que no país se realizaron 25 eleccións en 20 anos de Revolución Bolivariana, delas 6 eleccións presidenciais, 4 parlamentarias, 5 eleccións a gobernadores, 5 eleccións municipais e Consellos Municipais, 2 eleccións constituíntes e 3 referendos nacionais.

Se houbese unha ditadura, como pode explicarse entón a ampliación da participación e inclusión social sendo que se crearon máis de 3 mil comunas, máis de 47 mil 748 consellos comunais, 741 núcleos de formación comunal, 866 bancos comunais, que fomentaron unha participación activa en comunas e movementos sociais con 2 millóns 700 mil persoas en todo o país?

Como explicar entón que unha "ditadura" facilitou a democratización da cultura ao incorporar máis de 1 millón de nenos e mozos dos sectores máis humildes ao Sistema de Coros e Orquestras de Venezuela; como se explica que se quintuplicase a matrícula escolar e á súa vez Venezuela se posicionase como o quinto país do mundo coa maior taxa de matrícula universitaria?

Pero esas non son as cifras que merecen a atención do sistema hexemónico global, que se manexa baixo parámetros de balanzas de pago, crecemento económico e explotación do home polo home.

Non importa cantas veces o pobo venezolano se exprese politicamente nas urnas e nas rúas no exercicio diario de democracia comunal. Non vale para os ollos cegos e oídos xordos do capitalismo mundial, a extraordinaria disciplina dunha sociedade que non pisou o peine da guerra interna inducida por máis provocacións disparadas desde todas as latitudes do planeta. Só existe unha voz válida para aqueles que queren ver axeonllado ao pobo venezolano, e é a "verdade" que emana dos intereses políticos e económicos dos Estados Unidos.

Debería resultar sospeitoso que con non pouca frecuencia, este "democracionómetro" que se pretende aplicar utilizando a Venezuela, se aliñe con intereses xeopolíticos ou económicos do capitalismo mundial, a miúdo ambos á vez. Así, unha vez declarando a "incompetencia democrática" dos seus semellantes, enfilan de inmediato a súa artillería de guerra contra os "presuntos indiciados" someténdoos a calquera tipo de atropelos que vulneran o Dereito Internacional Público co maior cinismo do mundo.

As accións que desenvolve Estados Unidos a través de intervencións militares, sancións económicas coercitivas unilaterais e demais dispositivos de soberbia imperialista, colocan este país á marxe da democracia planetaria.

Se en algo se especializou Estados Unidos ao longo da historia é na súa capacidade para acabar coa democracia en calquera lugar onde os seus intereses son ameazados

Se en algo se especializou Estados Unidos ao longo da historia é na súa capacidade para acabar coa democracia en calquera lugar onde os seus intereses son ameazados. América Latina é o espazo máis intervido no seu particular exercicio de proxección política.

Desde principios do século XX, cando se soubo co poder militar suficiente como para facer valer o seu peso e aplicar o chamado "Corolario Roosevelt", que non era máis que a posibilidade real de facer letra viva o expresado 74 anos atrás pola Doutrina Monroe: "América para os americanos".

Coa política do garrote e o uso do dólar como mecanismo de coerción, foron derrubando democracias e vontades en Centroamérica e o Caribe.

Máis adiante, en pleno apoxeo de Guerra Fría, necesitaban darlle corpo teórico ao exercicio ditatorial na rexión, así que crearon a tristemente soada Escola das Américas. Alí formáronse sistematicamente, usando manuais provenientes da guerra de Vietnam e o resto dos conflitos nos cales adoitaba entrometerse as súas tropas invasoras, os esbirros e torturadores que encheron de horror e sangue a rexión durante polo menos dúas décadas.

Algunhas cifras das ditaduras máis brutais de América do Sur arroxan luces do que realmente supón un réxime ditatorial. De acordo con estudos especializados, estímase que en Uruguai houbo aproximadamente uns 18 procesados pola xustiza militar e 31 presos políticos por cada 10 mil habitantes, é dicir, para un país cunha poboación próxima a 3 millóns de habitantes, houbo 8 mil 370 presos políticos.

En Arxentina, segundo algúns informes, estímase en 35 mil os desaparecidos da ditadura militar.

Pola súa banda, a cruenta ditadura de Pinochet en Chile supoñería preto de 40 mil vítimas, delas 3 mil 65 foron mortas ou desaparecidas corroborándose unha política sistemática de exterminio contra opositores políticos de esquerda.

A ditadura de Stroessner en Paraguai, supuxo 18 mil 772 persoas torturadas e 107 mil 987 vítimas indirectas.

Cando falamos de promoción de ditaduras ninguén lle gaña a Estados Unidos e a súa maquinaria.

Sorprende que o noso país estea sempre na axenda política dalgúns gobernos veciños que se dedicaron a vulnerar deliberadamente, amparados e levantados pola soberbia de Estados Unidos, os asuntos que só teñen que ver coa soberanía venezolana. A nosa doutrina sempre foi a irmandade Nuestroamericana.

Desde os fundamentos profundos do Libertador Simón Bolívar, que visualizou na Carta de Xamaica a necesidade da unión dos nosos pobos como requisito indispensable para a verdadeira liberdade do hemisferio. Para nós, o pensamento bolivariano está plasmado na esencia do exercicio democrático e tradúcese no texto constitucional.

Fomos e seremos un país amigo dos pobos necesitados. Sempre recibimos coas portas abertas aos desprazados de numerosos conflitos do mundo enteiro, dos perseguidos políticos das ditaduras promovidas polos Estados Unidos na segunda metade do século XX. No noso país fan vida numerosas colonias que xamais se viron afectadas por campañas de odio xenófobo como hoxe promoven gobernos doutras latitudes tan próximas que avergoñan a nosa historia común. Todo o contrario, o noso espírito baséase nas máis profundas raíces de solidariedade e boa veciñanza.

O noso sistema democrático talvez non se pareza ao de Estados Unidos, pero podemos asegurar sen temor a equivocarnos que é noso e que é máis democrático que aquel.

Os intereses imperialistas de Estados Unidos pretenden crebar ao pobo venezolano e a súa decisión soberana de definir o seu destino económico

Os intereses imperialistas de Estados Unidos pretenden crebar ao pobo venezolano e a súa decisión soberana de definir o seu destino económico, político e social. Por medio da opinión publicada tratan de arroupar a verdade co único propósito de saquear unha vez máis as nosas riquezas, aquelas que con tanto esforzo a Revolución Bolivariana devolveu ao pobo a través dun sistema de "xusta distribución da riqueza", como ben o di a Constitución de 1999.

Non faltan tampouco as voces cómplices da oligarquía nacional que se fan eco irreflexivo para entregar en bandexa de prata os recursos do pobo ao imperialismo norteamericano. Pero a acción decidida e constante do pobo, a vontade inquebrantable do presidente Nicolás Maduro, levarannos unha vez máis a incuestionables vitorias.

Por máis que nos azouten con sancións e bloqueos, por máis que ouveen co propósito de acalar a verdade do noso exercicio político democrático e incluínte, seguiremos adiante coa firmeza de sempre para preservar a nosa independencia, a nosa soberanía e coadxuvar cos pobos e as nacións libres do mundo á restitución dun sistema democrático mundial que derrote dunha vez e para sempre a soberbia e o cinismo dos Estados Unidos no seu afán de apoderarse do mundo.

Unha humilde suxestión para quen ven sometidos á inquisición mediática utilizando a Venezuela como tema distractor: non cedan á chantaxe, cínganse ao respecto ao dereito Internacional, traten de informarse mellor sobre a realidade da nosa democracia de novo tipo e non caian na trampa da ditadura comunicacional, que á súa vez responde e sustenta na feroz ditadura mundial do capital.

Na República Bolivariana de Venezuela cremos no diálogo político como esencia da democracia participativa e protagónica que nos demos.

Non crean nos contos de camiño, nin se deixen desviar do centro das súas propostas electorais. O dilema sobre o sistema político venezolano termina sendo unha trampa caza bobos, moi ben elaborada nos laboratorios da CIA.

En democracia, co noso pobo organizado en Venezuela, derrotaremos toda agresión, toda inxerencia e toda intervención.

(Tomado de “Misión Verdad”. Tradución de Farruco Sesto)