Está á volta da esquina, o 26 de maio, estamos chamados a elixir as corporacións dos concellos e tamén os europarlamentarios. Toca unha análise do traballo feito e repasar as promesas cumpridas, este é o tópico de sempre.

A realidade hoxe é que as máquinas dos partidos están a todo meter, xa se aprecia que non se andan con chiquiñas, mesmo o propio PP ten tensións potentes: Ourense, Viveiro, Ribadeo, Monforte... É tamén a época das enquisas e sondaxes de botar números para as deputacións.

Porén estas eleccións que todo o mundo pensaba con menos siglas e máis tranquilas van ser todo o contrario, coido que a mostra está en Ferrol ou Ourense. Cidades onde imos ter máis listas que xente. Tampouco é malo é unha expresión máis do cansazo da xente, que cómpre xestionar.

Son dos que opina que todos os cidadáns tiñan que pasar por unha lista electoral

 

Neste senso é onde eu quería incidir, agora xa non valen queixas nin frases feitas sobre a política e os políticos. Agora é o momento de menos samba e máis traballar. Son dos que opina que todos os cidadáns tiñan que pasar por unha lista electoral, espectro existe para case todo. Coñecer os interiores das candidaturas, organizar campaña e actos, pegadas, falar coa xente... faría que a política recuperase o seu sentido e a súa valía. Moitas das criticas son merecidas seino pero moitas outras son simplemente dogmas e clichés. Acaso non merecen respecto aquelas persoa dunha lista electoral que entregan o seu tempo, ideas e recursos para mellorar os concellos onde viven? Na acción da política non todo son grandes salarios e corrupción, iso é o mínimo, mais entendo que sexa o que cabrea. Mais contra iso existe unha maneira de loitar, que vai máis aló de criticar, chamase comprometerse.

Comprometerse cos veciños e veciñas, co teu pobo, coa túa comarca e co teu País que é Galicia, para poñer o teu gran de area na mellora social e no reparto equitativo das oportunidades. E tamén, por que non, para botar da política ós seres depreciables e que aproveitan da situación. Despois do 26 só queda a queixa do bar e o tempo perdido no avance da sociedade, que é a peor consecuencia de que gobernen os mediocres.

Anímovos a participar da política, a ser parte da roda que move a sociedade e tamén marca o futuro. Que mellor maneira dignificar esta nobre acción? Porque políticos vai haber e depende de todos nos que sexan os adecuados. Sempre lembro unha frase dun ancián que foi votar, díxome, ”vota sempre, este día somos todos iguais, o voto vale o mesmo para todos”

Lembrade que non fai moito non se votaba, e os dereitos que non se exercen poden perderse.