Dentro duns días, o 18 de xullo, fanse 82 anos da execución do Golpe de Estado militar contra o goberno dirixido pola Fronte Popular, que gañara as eleccións en febreiro daquel ano. o golpe foi sucedido por unha guerra de tres anos e un réxime ditatorial que perseguiu e liquidou a todas aquelas persoas sinaladas como inimigas da España nacional-catolicista. 

Este ano a efeméride vén envolta dun debate que, aínda que repetitivo, non deixa de resultar indignante que se manteña logo de máis de 40 anos de, disque, unha democracia xurdida da reconciliación. Ante o anuncio da posible retirada dos restos do dictador xenocida do "Valle de los Caídos", o Partido Popular (fundado, entre outros, polo ministro franquista Manuel Fraga) e a prensa afín, retomaron o vello argumumentario de que non convén reabrir feridas, e de que a reivindicación de reparación e xustiza para as vítimas do franquismo non lle interesa a ninguén. Ou como xa dixo Pablo Casado, o mesmo que hoxe compite pola presidencia do PP, ese son temas de "los de izquierdas que son unos carcas, todo el día con la fosa de no sé quien".

Nos últimos anos no goberno o Partido Popular non só ignorou as vitimas do franquismo, senón que, mentras que se lles enchía a boca falando de cumprir a lei, deixaron en papel mollado a Lei 52/2007 do 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se estabelecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a ditadura. Nesta, estabelécese,entre outras cousas, que as administracións públicas deben facilitarlles aos descendentes das vícimas do franquismo que o soliciten as actividades de indagación, localización e identiticación das persoas desaparecidas violentamente durante a Guerra Civil ou a represión política posterior e cuxo paradeiro se descoñece.

Nos últimos anos no goberno, o Partido Popular non só ignorou as vitimas do franquismo, senón que, mentras que se lles enchía a boca falando de cumprir a lei, deixaron en papel mollado a Lei 52/2007 do 26 de decembro

 

O goberno do PP mirou para outro lado mentras as familias das vítimas e diversas asociacións asumiron, non sen trabas, os labores de localización e exhumación dos restos das persoas executadas polo franquismo. Durante ese tempo diferentes organismos internacionais afearon e denunciaron a actuación do executivo encabezado por Mariano Rajoy, como por exemplo o Comisionado para os Dereitos Humanos do Consello de Europa, que lle recriminou ao goberno a súa conduta pola falta de iniciativa para garantir a reparación das vítimas e por non cumprir o establecido na lei antes sinalada. 

Dende a súa morte, os restos do ditador permanecen no "Valle de los Caídos" acompañados de flores frescas e recibindo periodicamente homenaxes e peregrinacións. A exhumación dos restos é urxente e necesaria, e nese senso a iniciativa do goberno de Pedro Sánchez é unha boa noticia para comezar a falar de reparación. Porén, ese ten que ser só o primeiro paso dun camiño que debe de estar marcado polo recoñecemento e a xustiza para as vítimas, e para que as máis de 100.000 desaparecidas que aínda hai no Estado español deixen de selo e recuperen a dignidade que se lles arrebatou.



x