Imaxinen, prezados lectores, un día calquera na vida dunha persoa adulta en idade laboral. Érguese cedo pola mañá, prepara o almorzo, leva aos fillos ou fillas á escola, saca a pasear á súa mascota, cumpre coa súa xornada laboral, xanta rapidamente e dedica parte da tarde a seguir traballando ou, se ten a sorte de ter xornada continua, a atender necesidades familiares. No caso de que non teña fillos ou fillas, poderá cultivar máis libremente algunha afección; tamén achegarse a carón dese pai, nai ou familiar dependente (ou que está en proceso de selo) que precisa que lle boten unha man. Pola noitiña volverá á casa e preparará o necesario para o día seguinte, para que a rolda siga xirando e o mundo non caia. Se vive en parella, poderá compartir as pequenas incidencias do día (os atascos, os problemas para aparcar, esa reunión cos xefes, ese cliente pesado...)  coa outra parte. Cando todo estea en apracible calma, farán plans para a fin de semana ou mesmo para as vacacións. Pensarán destinos para algunha escapada que levan tempo adiando e queren facer. A conversa será agradable, derivará en risas. As risas derivarán en bicos e os bicos en praceres. Outra forma estupenda de conversar e, tamén, de rematar o día.

Despois de visualizar esta historia, eu pregunto: cantos de vostedes imaxinaron que esta persoa era cega, tiña dificultades de mobilidade ou un problema psíquico? Seguramente ningunha desas circunstancias estaba incluída na imaxe mental que foi medrando na mente de cada un ou cada unha ao ritmo da lectura. Se a persoa protagonista padecese algún tipo de discapacidade, podería facer igualmente todo o que conto liñas arriba, pero necesitaría máis tempo, máis axuda, máis recursos. E se non tivera a ocasión de facer algunha das actividades mencionadas (por exemplo, traballar ou pagar unha viaxe con ingresos propios), o máis probable é que a culpa non fose integramente súa. Quero aproveitar para tentar achegarme aos motivos desta realidade xusto hoxe que é 3 de decembro. Non é un día calquera: é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

Segundo os últimos datos dispoñibles, en máis de tres millóns de fogares de España reside unha persoa con discapacidade. Galicia e Estremadura son as comunidades con máis porcentaxe de habitantes con discapacidade (en ambos casos por riba do 11%). Esta macroenquisa publicouse en 2008 e está previsto que o INE actualice estes datos cun novo informe que se atopa en proceso e verá a luz ao longo de 2020. Mentres tanto, a fonte máis ampla e fiable da que dispoñemos para comprender un pouco mellor como se vive tendo discapacidade é o Informe Olivenza, publicado en 2017 polo Observatorio Estatal da Discapacidade. As cifras son tan duras como reveladoras: case o 6% da poboación en idade laboral ten discapacidade, pero só unha de cada tres ten un emprego. Máis do 60% dos mozos e mozas con discapacidade están no paro e máis do 40% abandona os estudos de xeito temperán. Entre as persoas que si teñen emprego, Galiza sobresae polos seus altos niveis de temporalidade e precariedade laboral. Dentro das prestacións por invalidez, Euskadi ofrece as máis altas do Estado, mentres Galiza e Murcia destacan por achegar as máis baixas. A fenda de xénero é, tamén aquí, algo máis ca unha cifra: as mulleres percibimos, de media, 175 euros menos ao mes nestas axudas.

Detrás destes datos hai, ademais, vidas reais. Homes e mulleres que necesitan e desexan vivir a súa existencia con plenitude pero non poden. As escasas axudas sociais, a paralización da Lei de Dependencia por falta de investimento, a privatización encuberta dos servizos públicos básicos, os prexuízos, e a vulnerabilidade son muros moi difíciles de derribar. No caso das mulleres, como xa contei o ano pasado neste mesmo xornal, as dificultades multiplícanse. Arredor dun 20% de mulleres con discapacidade teñen sufrido violencia sexual, sendo as discapacidades de tipo visual ou psíquico as de perfil máis proclive. Os abusadores tenden a crer que non van ser identificados ou que as vítimas non van revelar o delicto. E adoitan levar razón: moitas mulleres son incapaces de detectar unha conduta abusiva por razóns educativas (o sometemento á persoa coidadora aparece máis marcado nas mulleres con discapacidade, ás que se lle limita ou nega a capacidade de decidir) e mesmo certa percepción de resignación ou merecemento. Cando tes discapacidade non podes escoller igual que os demais e pasas unha boa arte da túa vida dando unhas explicacións que noutras circunstancias non se che esixirían. Co tempo e sen a suficiente formación asúmelas, normalízalas e quedas indefensa, convertida nunha especie de ente que só existe en mans doutros.     

Está moi ben ter un día para visualizar este tema. Sempre que teña ocasión, utilizareino para concienciar igual que fago nos centros educativos, algo que me encanta. Pero tamén me gustaría que non fora necesario, porque iso significaría que a verdadeira normalización sería xa unha realidade. Hoxe e todos os días, os recortes en sanidade, educación e servizos sociais mátannos un pouco máis porque non nos permiten acceder á calidade de vida que merecemos. Hoxe e todos os días, miles de profesionais fan cada vez máis con menos para poder contribuír a ese benestar que marca a diferenza entre existir e vivir. A todos eles, grazas. Porque hoxe non é un día calquera. E como a discapacidade non avisa, todos podemos ser, calquera día, persoas tentando facer cousas comúns que a discapacidade convirte en extraordinarias.