Nunha guerra civil, é preferible una ocupación sistemática do territorio, acompañada por unha limpeza necesaria, a unha rápida derrota dos exércitos inimigos que deixe ao país infectado de adversarios”. Quen así falaba, en termos case cirúrxicos, era Francisco Franco. Nas últimas semanas atópase na palestra pública e mediática unha monumental obra que forma parte do Patrimonio do Estado Español. Trátase do Val dos Caídos (1940-1958), de onde o actual Goberno presidido por Pedro Sánchez quere retirar o corpo de Franco. Como cidadá concordo coa decisión, mais como historiadora coido que o nivel de manipulación e terxiversación interesada da verdade ten acadado cotas elevadas de máis como para non situar as cousas no seu contexto. Nunca coma nos nosos días foi tan necesaria a Historia para desmontar as falacias que nos arrodean.

A decisión de sepultar nese lugar o cadáver do autor das palabras que abren este artigo foi do Goberno de entón, presidido por Carlos Arias Navarro. Cómpre lembrar que uns 35.000 corpos están soterrados no Val, na súa meirande parte mesturados cos de combatentes do bando republicano, que foron levados alí con posterioridade e sen coñecemento nin consentimento dos seus familiares. Semellante conculcación dos dereitos humanos xa foi posta de manifesto no ano 2014 polo Relator das Nacións Unidas para a Promoción da Verdade, a Xustiza e a Reparación, o activista colombiano Pablo de Greiff: “As exhumacións e a identificación dos restos, son medidas urxentes necesarias para o esclarecemento dos feitos e actos importantes que contribúen á reparación das vítimas e dos seus familiares (...) O Val dos Caídos, por exemplo, segue simbolizando a asimetría de antano na memorialización da guerra e as vítimas, e a máis recente falla de acción do Estado a prol dunha memoria máis obxectiva e incluínte”, indica. O experto da ONU sinala que, no seu estado actual, o sitio non proporciona ningún tipo de información ou sinalización para explicar a simboloxía franquista e feixista. “Non se explica quen foi José Antonio Primo de Rivera, nin por que foi inhumado no centro da Basílica, ni por que Franco foi inhumado aí sen ser vítima da Guerra Civil. Tampouco se explica que o Val dos Caídos foi construído co traballo forzoso de miles de presos políticos baixo condicións inhumanas”, expresa un informe que foi sistematicamente ignorado polo Goberno español desde a súa divulgación.

O franquismo aseguraba a obediencia a través do desapiadado exercicio da represión e dos máis diversos mecanismos de control social e coerción. En efecto, o traballo forzado foi unha das expresións mais claras disto. O Decreto de 28 de maio de 1937 establecía o dereito ao traballo como peóns dos prisioneiros de guerra e presos non comúns para a redención de penas. Moitos deles deixaron a vida en Cuelgamuros, vítimas da silicose e de accidentes levantando o memorial do terror franquista nas entrañas da Serra de Guadarrama. Nada máis lonxe dunha suposta reconciliación nacional.

Malia que haxa quen pretenda maquillar as cifras reais, hai que seguir lembrando os milleiros de cadáveres de persoas paseadas que sementan as nosas gabias e que non tiveron garantías legais, nin xustiza, nin moito menos reparación. Os datos son teimudos: hoxe podemos cifrar entre 150.000 e 350.000 os asasinatos da represión política [no conxunto do estado]. Nada que ver coa Causa Xeral que si se lles abriu ás vítimas do chamado “terror vermello” dos primeiros meses da Guerra Civil. Xa que logo, non é admisible nin ética a postura de igualar ambos bandos (porque non foron, non son e nunca serán iguais) nin tampouco invocar o tramposo desexo de non reabrir feridas. Non se pode reabrir o que aínda non pechou e segue supurando desde hai xa catro décadas.

Hai que seguir lembrando os milleiros de cadáveres de persoas 'paseadas' que sementan as nosas gabias e que non tiveron garantías legais, nin xustiza, nin moito menos reparación

 

Así mesmo, semella obviarse deliberadamente neste debate a inmensa fortuna amasada por Franco, que foi retratado polo haxiografía oficial como un militar austero e de costumes frugais. O soldo de Franco como militar durante a II República non chegaba a 2.500 pesetas mensuais. Tralo remate da Guerra Civil os seus emolumentos medran ata as 157.000 pesetas, aos que hai que sumar unha gratificación mensual de Telefónica. En 1940, un dos anos máis negros da posguerra, a súa fortuna persoal achegábase aos 400 millóns de pesetas. Do espolio de Meirás e de tantas outras riquezas, temos probas sobradas. Tanto a súa única filla xa falecida, Carme Franco Polo (titular de máis de 20 anotacións inmobiliarias no Rexistro da Propiedade) como os seus netos gozan dun nivel de vida ben desafogado que exhiben de xeito obsceno nos medios de comunicación. Por máis que agora os descendentes afirmen sentirse insultados pola exhumación do ditador, este breve resumo histórico resulta abondo para demostrar que a magnanimidade do Estado Español non foi parella á que (non) exhibiu Francisco Franco nos seus 36 anos de poder omnímodo.

O que está a acontecer en España non é comparábel ao caso de Chile, onde Pedro Sánchez parece inspirarse nas súas erráticas declaracións sobre o Val. Cunha tradición democrática innegábel, o país austral soubo encarar o pasado e axustar contas coa súa ditadura (1973-1990). A xustiza chilena vén de ordenar o comiso de parte da fortuna da familia Pinochet (algo máis de millón e medio de dólares en bens acumulados ao longo de 17 anos de ditadura) e tamén está condenando torturadores e indemnizando vítimas. Cando algo semellante a isto empece sequera a albiscarse no Estado Español, tal e como piden dende hai anos organismos internacionais, poderemos presumir de democracia. Deixemos falar novamente a Pablo de Greiff: “Cómpre unha política de Estado decidida que non quede presa das tensións e divisións políticas, pero que garanta medidas integradas, coherentes, rápidas e imparciais, a prol da verdade, a memoria e a reparación”. E engade: “Trátase de dereitos humanos (...). A fortaleza dunha democracia mídese entre outros, pola súa capacidade de xestionar peticións válidas das vítimas (...) e de garantir o dereito á verdade sobre os acontecementos, por máis dolorosos que sexan”.

Mentres tanto, non cansarei de aconsellar máis lecturas, máis Historia e menos demagoxia. Temos magníficos investigadores e investigadoras que nos permiten coñecer con bastante tino que foi o franquismo, a súa brutalidade e as súas consecuencias na España actual. Sen aditamentos, sen falsidades nin azucres engadidos. Sirva como mostra esta escolma que achego como peche deste artigo:

-.J. Prada: Marcharon con todo. La represión económica en Galicia durante el primer franquismo Editorial Biblioteca Nueva, 2016.

-.J. Prada: Geografía de la represión franquista en Galicia. Editorial Los libros de la Catarata, 2012.

-.E. Grandío: Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939). Editorial Laiovento, 2011.

-.T. Rubio: El Valle de los Caídos y la represión franquista. Arola Editors, 2011.

-.F. Olmeda: El valle de los Caídos: una memoria de España. Editorial Península, 2009.

-.J. Rodrigo: Hasta la raíz: violencia durante la Guerra Civil y la dictadura franquista. Editorial Alianza, 2008.

-.M. Sánchez Soler: Los Franco, S.A. Ascensión y caída del último dictador de Occidente. Editorial Oberón, 2007.