-Que estudas?

-Historia.

-[Cellas arqueadas] Ui, pero iso ten saída? Porque saber vas saber moito, pero despois non che vai valer para nada... 

Tiven múltiples variantes desta conversa moitas máis veces das que quixera ao longo da miña etapa como estudante. Nunca na casa familiar, por sorte. Eu son desa clase de afortunadas persoas que se criou entre libros, e nunca coñeceu máis limitacións que as impostas pola discapacidade e a mobilidade reducida. Pero explicar unha e outra vez que as Humanidades achegan valor á sociedade é algo que, polo visto, non pasa de moda.  

A carga ideolóxica profunda que se nos transmite a través do discurso maioritario desde que entramos no sistema escolar formal é que unha profesión só é útil se permite obter lucro. A globalización económica mundial, os cambios na estrutura do mercado de traballo e a microespecialización dos saberes (acelerada nos últimos anos co xurdimento das novas tecnoloxías) van nesa mesma liña: o mercado demanda persoal especialista moi ben formado nunha área, que saiba manexar tecnoloxías aplicadas e que sexa eficiente. Non pagan por pensar, repítennos a xeito de mantra neoliberal. Pero quen confunde valor con utilidade xa está dando mostras de cales son os valores que alimentan a súa filosofía de vida: materialismo, cortoplacismo e consumismo. 

A carga ideolóxica profunda que se nos transmite a través do discurso maioritario desde que entramos no sistema escolar formal é que unha profesión só é útil se permite obter lucro

 

O valor das Humanidades vai moito máis alá do mero afán de gañar cartos. Permiten reflexionar, facerse as preguntas axeitadas, estimular a curiosidade natural, abrir vieiros non transitados e, en último termo, innovar. Nun pequeno e interesante libriño titulado A utilidade do inútil (hai edición en galego, por xentileza de Kalandraka), o profesor calabrés Nuccio Ordine afirma que “o feito de seren [os saberes humanísticos] inmunes a toda aspiración ao beneficio, [constitúe] unha forma de resistencia aos egoísmos do presente, un antídoto contra a barbarie do útil, que ten chegado mesmo a corromper as nosas relacións sociais e os nosos afectos máis íntimos”. Concordo plenamente, partindo da base de que o coñecemento é o único ben que se multiplica de maneira incesante, incrementa o seu valor ao ser compartido e pode transformar radicalmente a vida das persoas. 

Mais, como habitante deste mundo, dun aquí e dun agora moi concretos, tampouco sería sensato crer en quimeras, obviando as necesidades básicas: hai que comer varias veces ao día e cubrir necesidades materiais. A miña defensa das Humanidades non é meramente idealista, senón tamén práctica. Moitas das habilidades consideradas hoxe imprescindibles para desenvolverse con éxito en calquera profesión (manexar información crítica, tomar decisións, liderar equipos, falar en público, redactar mensaxes claras e atractivas ou captar o interese de potenciais clientes) só poden ser adquiridas e perfeccionadas co concurso das Humanidades. A perda de peso específico de disciplinas como Filosofía, Historia, Literatura ou Linguas Clásicas no ensino só pode ter dúas consecuencias: empobrecemento persoal e aumento do risco de fracaso escolar (lembremos que ler é algo mais que xuntar letras: a comprensión lecto-escritora e o xuízo crítico son as aprendizaxes básicas que serven de alicerce a todas as demais).

Moitas das habilidades consideradas hoxe imprescindibles para desenvolverse con éxito en calquera profesió só poden ser adquiridas e perfeccionadas co concurso das Humanidades

 

A pretendida división entre Ciencias e Letras revélase totalmente falsa nestes tempos dominados pola tecnoloxía. Necesitamos máis ca nunca dunha sólida bagaxe cultural e intelectual para ter ferramentas que permitan entender, anticipar e dar resposta aos cambios. E non son só palabras bonitas: son xa realidades. No 2008, ante os primeiros signos da crise económica na que aínda vivimos, o sector bancario anglosaxón combateu a incerteza contratando persoal con formación en Historia pola súa capacidade de procesar gran cantidade de fontes e redactar informes de antecedentes de situación antes de tomar decisións. Empresas tecnolóxicas consideradas punteiras a nivel mundial asignan postos clave a persoas que teñen incorporado saberes humanísticos á súa formación. Sirvan estes exemplos: as directoras executivas de YouTube e Hewlett Packard, estudaron Historia; os cofundadores de PayPal, Flickr e Linkedin licenciáronse en Filosofía e o cofundador de Salesforce estudou Literatura Inglesa. Implica isto que de súpeto as Humanidades dan o pasaporte para triunfar en Sillicon Valley? Non coñezo a fórmula máxica, pero si creo que axudan a percibir cousas ás que quizais outros directivos ou directivas cunha visión empresarial máis estreita e puramente utilitarista non lles presten a atención debida. E por suposto, contribúen a coidar mellor o activo máis grande que ten calquera empresa: as persoas que a erguen día a día. 

Ademais, moitos dos retos tecnolóxicos actuais aos que a Ciencia debe dar resposta (biotecnoloxía, intelixencia artificial, big data, ciberseguridade, etc.) non poderían comprenderse na súa completa dimensión sen as achegas dos saberes humanísticos. A interdisciplinariedade é clave nun mundo cada vez máis cambiante e complexo.

Decididamente, hai unha manchea de méritos detrás duns saberes que, segundo algúns, servían para ben pouco. Estudar necesidades futuras, analizar tendencias, innovar, apostar por nichos de mercado e xerar valor son tarefas bastante arriscadas. Igual que estudar Humanidades en tempos de egoísmo mercantilista. Non sei a vostedes, pero a min encántame o risco. O risco de vivir neste mundo tentando imaxinar xeitos de facelo mellor.  



x