Unha das imaxes máis comentadas da rolda de prensa sobre Venezuela de John Bolton, asesor de seguridade ultra da Casa Branca de Donald Trump, foi o da carpeta e bloc de notas A-4 onde se podía ler escrito “5000 tropas a Colombia”. Por suposto, unha das mentes máis extremas e frías da Administración Bush, que estivo detrás dos achiques de auga no naufraxio da Guerra de Iraq, non podía deixar este último detalle ao chou.

Cómpre gobernar -ou forzar a gobernar- a carpetazos antes de dar o carpetazo definitivo na mesa.

Vendo e escoitando os medios nestos días poderíamos falar aquí dos bandeirazos. Non se enganen coa tea de poliéster porque o golpe soa igual que o do carpetazo. Partidos que pretenden gobernar territorios a base de bandeiras para envolver nelas os sentimentos, os balcóns, as ventás, os ollos, as carpetas de decisión nas mesas de negociación e ate a Carta Magna, que tamén debería protexer -ou esa é a intención primeira- a colectivos ou individuos doutras bandeiras ou que por unha circunstancia ou outra xa non se identifican coa bandeira oficial. Forzar a gobernar coas bandeiras nos ollos e inundar de odio con elas as rúas como se pretende facer hoxe na Praza de Colón en Madrid non axuda nin distensa o debate nin o conflito.

Por suposto, non é o que se busca por parte das formacións participantes, entre as que se encontran formacións fascistas como España 2000, Falange Española de las JONS e demais grupúsculos en branco e negro que estarán presentes na concentración das dereitas cunha intención que non é outra que a de tumbar nas rúas o goberno emanado do Congreso dos Deputados, da moción de censura -“ilexítima”, segundo o PP- da mesma Constitución que envolven na bandeira e levan de as na manga en calquera intervención pública. Coa bandeira incendiada inocúlase odio e xenreira aos que xa lles instalaron a bandeira e as cores desta nos ollos e no encefalograma.

 

"Forzar a gobernar coas bandeiras nos ollos e inundar de odio con elas as rúas como se pretende facer hoxe na Praza de Colón en Madrid non axuda nin distensa o debate nin o conflito."

 

Recorrer ás rúas e evadir os espazos de decisión democrática como son os parlamentos ou as mesas de negociación é un síntoma de premeditado descrédito do sistema parlamentario, utilizado como plataforma ecoadora de soflamas e palabros decimonónicos -lembran o famoso “felón-traidor-golpista” dito por Pablo Casado?- máis propios dunha crónica de Cortés o conquistador que do líder da oposición no estado. O mesmo que lle mercou a VOX a reconquista coma marco de acción. Hai unha interesada mediatización dos nosos órganos de decisión e espazo mental colectivo que son transformados pola clase política en órganos de xarrón chinés, fráxiles, adornados de boato e cunha imaxe moi calculada de desprestixio, de facelos ver como inútiles ou inoperantes, coma elementos a soportar e tolerar máis que como partes vitais do noso día a día.

 

Debemos negarnos coma sociedade á inutilidade planificada dos xestores do útil.

 

 

"Hai unha interesada mediatización dos nosos órganos de decisión que son transformados pola clase política en órganos de xarrón chinés, fráxiles, adornados de boato e cunha imaxe moi calculada de desprestixio, de facelos ver como inútiles ou inoperantes (...)"

 


Non arranxamos con bandeirazos nin carpetazos na mesa un proceso político, o de Catalunya, que  require de paciencia, tesón, diálogo e lentitude democrática. Non hai cabida para vía rápida ou conquistadora de palabras violentas, aventúrome que nin sequera procurando no Manual de Resistencia de Pedro Sánchez.