Asistimos a unha desertización corrosiva da confianza, a unha perda diaria de esperanza na acción pública, no goberno, no estado, que é propagada a través dos mass media e dos órganos institucionais. Enténdese por desertización, segundo o dicionario da RAG, o feito de “transformar unha zona en deserto”. Os xestos da desertización progresiva forman parte deste permanente estado de excepción da dignidade, un estado da desvergoña. A falta de confianza é palpable nunha sociedade sensible que ve como a vara de medir da xustiza cotiá non é equiparable para toda a cidadanía, senón que existe unha falta de ética e rigor nun primeiro estado que detenta o poder, lonxano e superior onde os conceptos de ben e mal xa foron lugar onde se instaurou o deserto da impunidade pública.  

Sae a palestra o caso de Cristina Cifuentes, a presidenta da Comunidade de Madrid, cun máster na Universidade Rey Juan Carlos convertido en serie por capítulos do que día tras día ímonos enterando das sucesivas irregularidades postas unha detrás doutra, dende a propia matrícula dese ano académico, feita 3 meses fóra de prazo, pasando pola asistencia ao curso ata a sinatura dunha integrante do tribunal de avaliación do máster, que sostén que non firmou documento ningún en relación coa actual rexedora madrileña. 

As explicacións son insuficientes, a querela contra eldiario.es, o medio dixital que revelou a exclusiva, é innecesaria e contraproducente. 

A falta de confianza é palpable nunha sociedade sensible que ve como a vara de medir da xustiza cotiá non é equiparable para toda a cidadanía

 

Un dos xestos do estado de excepción da dignidade é a agresividade por parte dos poderes públicos contra as bocas abertas, contra os lugares de liberdade, é o espallamento do silencio e a persecución legal dirixida a xornalistas en exercicio do seu traballo máis básico: a información e explicación. A información libre persegue a dignificación do común, o impedimento de que certas persoas, certos partidos, certas iniciativas, non se convertan en propagadores do deserto que quere campar as súas anchas. 

Un xornalismo libre humedece, osixena e fertiliza o ecosistema do bo goberno, combate a desertización. 

A crítica fornece a conciencia, por iso é tan perigosa para os afiliados do baldío oficial en democracia. O máster de Cifuentes e a súa negativa a deixar o cargo de presidenta de Madrid está a captar parte da atención mediática e súmase a feitos tan indignantes como a asistencia de varios ministros, entre eles o de educación e cultura, nunha procesión de semana santa cantando “Soy el novio de la muerte”, o himno da Lexión Española. A inverosimilitude dun ministro de educación loubando un himno belicista. Imaxinan a un ministro de fomento prendendo lume a un tren da Renfe ou facendo que o corredor ferroviario atlántico pase por Galicia? 

Asistimos a unha desertización da conciencia, da crítica mais tamén a unha física: a desertización dos nosos bosques. O lugar baléirase non só con políticas públicas decrépitas, esmorécense coa desidia administrativa a terra, a fauna e a flora. 

Asistimos a unha desertización da conciencia, da crítica mais tamén a unha física: a desertización dos nosos bosques

 

Hai xente que parece estar interesada en converter o noso país nun páramo ermo e detrás dalgunhas iniciativas volvemos ver forzas desvergoñadas. O Ministerio de Medio Ambiente desenténdese do medio ambiente e da denuncia contra o monocultivo desenfreado de eucaliptos presentada polo concello de Teo. Este organismo, que debería ter coma finalidade o coidado ecolóxico da contorna, fai caso omiso do ditame do seu propio Consello Científico, que emitiu un contundente informe calificando a toda especie de Eucalyptus destinado á explotación forestal coma “invasora”, ademais de potencialmente perigosa no espallamento de incendios forestais. En Galicia coñecemos ben a desertización do lugar mirando a ambas beiras da autoestrada. O texto deste Comité Científico, non vinculante, é un alegatro demoledor contra a praga da especie da celulosa, está elaborado por científicos e biólogos do Real Xardín Botánico, o Museo Nacional de Ciencias Naturais e da Estación Biolóxica de Doñana, entre outros e finaliza recomendando extremar a precaución coas novas plantacións de eucaliptos e facer seguimento exhaustivo das actuais.

Hai xente que parece estar interesada en converter o noso país nun páramo ermo e detrás dalgunhas iniciativas volvemos ver forzas desvergoñadas

 

O ministerio contesta aos científicos con outra recomendación onde se pon en tea de xuízo que o eucalipto sexa especie invasora, é máis, sostense que forma parte do ecosistema propio da cornixa cantábrica, o ministerio desestima que en Galicia a nosa paisaxe estea a mutar en paraxe ermo e seco, en lugar desmemoriado da súa propia arboreda propia. 

Un dos rasgos característicos da desertización progresiva, en calquera eido onde se queira inocular, é que os seus partidarios sinalan o desastre e indican orgullosos “non se sorprendan, dense sempre foi así!” As políticas que queren chuchar a esperanza no futuro sempre van refrendadas pola benzón da tradición.