O pasado xoves 21 de xuño as mulleres ergueron a conciencia nas rúas de todo o estado. Na nosa contorna social e laboral espallouse unha reacción que non foi a primeira do seu tipo, senón o froito de moitas outras indignacións dunha xustiza que, ás veces, emite sentenzas indignantes. A liberdade provisional para os 5 membros da mal chamada “Manada” supón outro intento máis de roubar a voz, roubar a voz ás mulleres trocando o dereito á integridade física e psicolóxica por unha dose de indiferenza e silencio. Protesta o que queiras, emprega todos os mecanismos que queiras, racha os teitos que queiras, pero nós estaremos por riba. Iso é o que se quere transmitir, e non só dende a xustiza.


Edúcasenos no funcionamento dun sistema que se nos debuxa perfecto, simétrico, ben medido. Un sistema de pesos e contrapesos nos que cando algo erra sempre hai unha réplica ou un equilibrio, o famoso “dar a cada un o seu” que repiten letrados e graduadas en dereito, a igualdade plena que garante que a engranaxe segue a funcionar. Este xoves todas e todos os que sentimos a conciencia erguida polas mulleres de múltiples orixes e procedencias nas nosas cidades notamos o desbaraxuste do peso e o contrapeso, a falta de equilibrio. Percibiuse a inxustiza e a torpeza intencionada de parte dun sistema que se nega a escoitar, reformar, mover a cabeza e prestar orellas á conciencia das rúas. Poñan a orella na rúa e ouvirán un continuo bisbar de que algo está cambiando, de que temos moito que aprender.


Hai 100 anos, xusto un século, na Coruña houbo unha manifestación que partiu do Obelisco e chegou ata o antigo Goberno Civil, este mesmo percorrido repítese no devalar dos anos. Naquela protesta foron as mulleres quenes levaron a dianteira e botaron os homes fóra da manifestación, un “bastamos nós!” que puxo a Coruña na vangarda da reivindicación feminista e obreira, aquelas traballadoras protestaban contra os acaparadores de alimentos e a especulación que se facía cos benes de primeira necesidade. Falamos dunha cidade onde as mulleres cigarreiras da Fábrica de Tabacos foron exemplo de tenacidade e forza colectiva para obxectivos comúns.

Hai 100 anos na Coruña foron as mulleres quenes levaron a dianteira e botaron os homes fóra da manifestación, un “bastamos nós!” que puxo a cidade na vangarda da reivindicación feminista e obreira


A xustiza tamén é un ben de primeira necesidade, o ben do cal xorden conceptos coma democracia, equidade, igualdade. Hai xente que toma a xustiza coma ben acaparable, coma unha reserva privada de ideas alleas a todo concepto de igualdade. Xestos coma os do goberno central, que acaba de anunciar que estuda persoarse en defensa das vítimas de abusos, son a evidencia que ese bisbar xa se intúe no Consello de Ministras e Ministros, mais son necesarias reformas e accións que poidan encher de contido as palabras levedadas do chan, as que continúan a erguer conciencias nas rúas.