O racista a cargo das fronteiras, o autoritario a cargo do parlamento, o machista a cargo da igualdade, o nacional-populista a cargo da vixianza das redes e dos lazos internacionais, o contaminante a cargo do cambio climático e o fascista a cargo da memoria histórica. A eurofobia a cargo da Unión Europea. Unha internacional de anti-internacionalistas.

Ollando as últimas informacións sobre unha futura alianza de extrema dereita de cara ás europeas teño a sensación de, como diría un amigo americano, “upside down”. Unha sensación que xa coñeceron no Reino Unido cando as enquisas dos xornais tradicionais erraron en dar a vitoria do referendo ao “remain”. Gañou o “leave”, o Brexit triunfante en Twitter e Facebook a base de fake news e bulos, e semellaba estarmos a vivir nunha dimensión errada na que algo saíu mal e non soubemos velo a tempo.

Esta semana coñeciamos que o duce da Liga Norte e vicepresidente do executivo italiano, Matteo Salvini, ten a intención de conformar unha alianza de forzas de ultradereita cara ás eleccións europeas de maio. Non deixa de ter ironía que un dos maiores inimigos de Europa érgase redentor e queira instalarse no corazón desta para acabar con ela a sustos. Salvini, con Steve Bannon de piloto táctico -seguro que o lembran, o que saíu pola porta de atrás da Casa Branca de Donald Trump e dedícase agora a conversar e forxar nos salóns underground da ultradereita europea- buscan darlle un novo xeito ao “discurso europeo” e “redimilo” cunha forma e fondo do que se nos di que é Europa mais non a recoñecemos na foto que nos mostran: restrición inmigratoria, racismo, supremacismo, autoritarismo, machismo e unha doutrina baseada no enfrontamento entre iguais, entre orixes e entre nacións. É a deturpación, a extración do significado de algo para deixar a máscara cun mecanismo interno eficiente na destrución do defendible e xusto o que engloba as intencións do barco eurófobo de Matteo Salvini.

"(...) buscan darlle un novo xeito ao “discurso europeo” e “redimilo” cunha forma e fondo do que se nos di que é Europa mais non a recoñecemos na foto que nos mostran: restrición inmigratoria, racismo, supremacismo, autoritarismo, machismo e unha doutrina baseada no enfrontamento entre iguais, entre orixes e entre nacións."

O mesmo espírito é o que a día de hoxe está a liderar os ventos da espazo das redes sociais e a danar o seu cosmos propio de faladoiro. Enterámonos tamén esta semana do dominio do discurso da extrema dereita en redes sociais en países como Alemania ou Italia grazas ao análise de 25 millóns de publicacións en Twitter, Facebook, Instagram e Youtube feitor por Alto Analytics en ata 5 países: España, Alemania, Francia, Italia e Polonia.

Dato extra: desas redes Facebook e Instagram, sumándoselles Whatsapp, pertencen á mesma macro-empresa con acceso a todas esas conversas.

Isto é grave en tanto que desas redes lemos fíos, recibimos mensaxes, vemos fotos, consumimos eslógans, normalizamos ideas innormalizables en democracia. Deturpar a normalidade é normalizar o que de ningún xeito ético é aceptable. En Alemania, segundo esta análise, o faladoiro cópano os neo-nazis e a AFD, en Italia a Liga Norte, en ambos países con cifras próximas ao 40% da conversa. En Polonia destaca que o 63% do discurso en redes está en torno ao ultradereitista Lei e Xustiza, partido no goberno polaco. Todas estas opcións polítcas puxeron ou pé, queren poñelo ou andan meditando se entrar no barco que quere flotar Salvini para o 26 de maio. Saen do común os casos de Francia e España. No análise francés sinala Alto Analytics que gaña En Marcha como partido político máis nomeado de xeito pexorativo, atacado pola Fronte Nacional de Le Pen nun intento de liderar as protestas dos chalecos amarelos. É en España onde hai un faladoiro polarizado entre VOX, o independentismo catalán e as forzas de esquerda, das que ten máis forza en redes Podemos.

"Deturpar a normalidade é normalizar o que de ningún xeito ético é aceptable."

É unha conversa faladoiro-partido-faladoiro na que ocupa espazo a mentira e a ngeación dos datos e onde non hai cabida para preocupacións graves como a precariede, a violencia machista, a falta de emprego na mocidade ou a crecente bolsa de desemprego copada pola cidadanía que queda atrás. As e os que quedan na cola da informatización e robotización de todos os procesos produtivos, que non conseguen adaptarse a uns cambios rápidos e non alcanzan a ver oportunidades para voltar entrar nun mercado de traballo cada vez máis irrecoñecible.

Non hai resposta a medos comúns senón que interesa crear medos ficticios don inimigos invisibles detrás da fronteira. Tampouco ofrece a nova ultradereita resposta a vellas inquedanzas que atopan impulso renovado como a loita contra a contaminación e as consecuencias do cambio climático ou a despoboación do campo e desertización dos nosos espazos naturais e vitais. Ante iso, silencio e incompetencia dos que a nación signfica todo o que reforze o muro da fronteira.

Os grandes problemas da orde do día non están o debate político e mediático dos que aquí, por exemplo, só nos poden falar da defensa da caza, das bandeiras, das xuras parlamentarias, das touradas e demais inquedanzas extraídas do baúl tramontano do século XIX. Tampouco interesarálles resaltar que dentro desa bolsa de desemprego, de acordo aos datos do paro de marzo deste 2019 ofrecidos polo SEPE, hai 600.000 mulleres mais que homes na cola do INEM. Unha fenda de xénero, como tantas outras fendas sociais, que a normalización da extrema dereita quere retirar da conversa.