Cando se di que o humor debe proceder de abaixo a arriba arguméntase, e sen falta de razón, que toda a crítica debe levar na punta da lingua a faísca da retranca fronte ao palco, o estourido do riso contra os reservados da primeira planta do teatro. Isto ocorre de abaixo a arriba, de arriba a abaixo adóitase responder co desdén do silencio e, coma neste caso, co cuspe. Que te cuspan ou mexen na cara -xa coñecen a acertada frase de Castelao- é cousa da parte de arriba adicada á política-corsaria. As palabras da secretaría de estado de comunicación, Carmen Martínez Castro, en relación aos pensionistas co megáfono que protestaban diante do presidente do goberno en Alicante comunican pouco, mais ilustran na palabra a imaxe da grosería. Foron un bo cuspe nada flemático.

Este tipo de lanzamentos de arriba cara abaixo, ao contrario que no humor que dignifica e crea ecosistema crítico, adoitan ser algo que cae no medio e medio da cara e pillados nun momento fortuito: unha gravación mal controlada, unha cámara acendida que non debía estar alí, un micro aberto ou unha foto tomada co beneprácito da coincidencia ácida, a que revela cos xestos o que se omite coas palabras. A ilustración canalla da secretaría de estado de comunicación é reflexo dun cosmos gobernante do que extraemos contadas pérolas. Revela todo un sistema corsario e faltón, brusco e tamén prepotente. É o tempo da política faltona e as palabras viciadas pilladas co micrófono acendido. O "que se fodan!" de Carmen Martínez Castro xa tivo o seu símil naquela frase, prácticamente idéntica, de Andrea Fabra nunha sesión plenaria do Congreso dos Deputados, neste caso dirixida aos parados no medio dun debate que celebraba a cámara sobre o desemprego. Outro micro aberto que nos revela imaxes corsarias, cuspes de arriba cara abaixo que convirten a cámara lexislativa na cámara pirata da camaradaxe faltona.

O "que se fodan!" de Carmen Martínez Castro xa tivo o seu símil naquela frase, prácticamente idéntica, de Andrea Fabra nunha sesión plenaria do Congreso dos Deputados

 

Foder algo e que se fodan, a cidadanía coma elemento prestado e útil para foder nela, tocala, apalpala e manoseala cun xestos bruscos que non atopan cobertura na televisión pública española, foder e cuspir a pensionistas, parados, traballadores do ensino, traballadores públicos, sanidade pública e demais masa social que protesta co megáfono: "que se fodan e apaguen o maldito megáfono!" debía rematar a frase.

Por certo, saiban agora que tamén se pode cuspir a velocidade supersónica, concretamente nun tren da RENFE no traxecto entre Lugo e Ourense, aínda que os clientes de diario, sen o ministro de fomento, teñan que ir en autocar. Polo momento vai máis rápido a nora da ascensión na Alameda Compostelá, o presidente xa está subido nela e a campaña electoral de arriba xa se perfila entre polbos e churrascadas.



x