Lía na prensa hai uns días que, neste último ano e segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), medraran os delitos sexuais un 6,6%  entre as persoas adultas e un 20,1%  entre os adolescentes. Este dato tería que darnos moito que pensar e analisar, como así me consta que xa o está a ser. A propia Fiscalía General del Estado alertaba na súa memoria de 2018 dun "moi inquietante aumento da violencia de xénero e sexual entre xoves e adolescentes".  Se isto está a ocorrer ao noso arredor é porque algo non funciona ou deixou de funcionar.

Como docente, sei que hai ben anos que moitas/os de nós comezamos a traballar nas nosas aulas co alumnado na educación para a igualdade de mulleres e homes, como prevención da violencia de xénero, e na educación afectivo sexual para aprender a ser máis libres e máis felices na nosa sexualidade. Fomos a moitos congresos, xornadas e seminarios, organizamos grupos de traballo nos centros de ensino e asistimos a todas aquelas actividades que puideran contribuír a formarnos, para logo transladar toda esa aprendizaxe ao noso alumnado, transformar os centros de ensino con perspectiva de xénero e finalmente transmitir por escrito todo ese proceso en Planos de Igualdade que melloraran as relacións de convivencia e de equidade nas aulas.

Que mudou nos últimos anos para que a maioría dos alumnos e alumnas teñan como educación sexual a pornografía libre de internet, ou que non poucos estudantes rematen a ESO ou o Bacharelato cunha grande festa, onde se alugan unha ou varias prostitutas?. Como se pode permitir que unha pornografía a cada máis violenta e morbosa, promovida polo patriarcado imperante, cause graves problemas físicos e psíquicos aos rapaces e rapazas que viven o inicio da súa sexualidade?.

Docentes e familias temos moita responsabilidade nesta situación, porque información non é o mesmo que formación e hoxe os adolescentes acceden a todo tipo de informacións, pero sen ese sentido crítico nin esa escala de valores que debemos aportarlles os e as docentes e as familias. Pero tan responsables coma nós, entendo que son os gobernos tanto do Estado como da Xunta e as súas diferentes administracións, e non só por non aportar os medios precisos, senón porque non acreditan que estamos diante dun grave problema de saúde social.

Non abonda con que as diferentes Leis de Educación desde o ano 1985 (LODE, LOXSE, LOCE, LOE e LOMCE) inclúan entre os seus principios e os seus fins, a procura de igualdade entre mulleres e homes, que exista nos centros de ensino a figura de persoa responsable de coeducación e prevención de violencia de xénero, ou que nalgúns centros haxa un Plano de Igualdade, se non funcionan na práctica e non se lles da un papel relevante na educación do alumnado. Porque, para moita xente, estas medidas aínda non deixaron de ser "esas cousas das feministas"….

A sociedade en xeral debe reaccionar, pero comecemos co que temos máis próximo na vida cotiá, que son os nosos fillos e fillas e o alumnado desde que está escolarizado. Preparemos e formemos ao profesorado desde a Educación Infantil até a Universidade, volvamos a darlle vida ás Escolas de Nais e Pais e, sobre todo, falemos e transmitamos á mocidade todo aquilo polo que as anteriores xeracións loitamos e que ninguén nos contou.

Se non o facemos deste xeito, tamén seremos responsables de que algo non funcione.

                                                                  Vilar (Cerdedo)   24/10/2010